Martes. 18.06.2019 |
El tiempo
Martes. 18.06.2019
El tiempo

Roteiro gastronómico con premio

VII Que Bo Estás Guitiriz!
VII Que Bo Estás Guitiriz!

A asociación de hostaleiros De Bares organiza a sétima edición do concurso de tapas Que Bo Estás Guitiriz!, no que participan 14 locais ata o día 17. Os clientes que valoren as propostas entrarán no sorteo de 1.200 euros en premios

A asociación de hostaleiros De Bares de Guitiriz organiza un ano máis, e xa van sete, o concurso de tapas Que Bo Estás Guitiriz!, no que participan un total de 14 establecementos das localidades de Parga, Os Vilares e Guitiriz.

Dende o pasado xoves 7 e ata o domingo 17, os clientes poden saborear unha selección de propostas do máis variado, que inclúen tanto produtos do mar coma da terra e que se servirán ao prezo único de dous euros. O horario para facelo é todos os días de 20.00 a 23.00 horas, ampliado a fin de semana de 13.00 a 15.30 horas, se ben cada local ten sinaladas as excepcións puntuais ás normas do concurso.

Casa Guinea, nos Vilares; Nimbos, O Korreo, Gaibor, Titanic, Zeus, Nistal, Soa, Centro, Xoldra e La Casilla, en Guitiriz, e Comba, Recreo e CIT, en Parga, son os negocios participantes no certame, que ten tanto un compoñente solidario coma reivindicativo. 

Os tres locais de Parga aproveitan as súas tapas para rexeitar o proxecto de Adif para suprimir os pasos a nivel e seguir loitando por unha variante 

As tapas que levan incorporada unha demanda son as elaboradas polos tres locais de Parga, que se suman así á campaña #Parganonsedivide e relacionan directamente as súas propostas gastronómicas co rexeitamento da veciñanza ao proxecto de Adif para suprimir os pasos a nivel e en defensa da creación dunha variante que saque a vía do pobo. 

E como vén ocorrendo dende os inicios desta convocatoria, todos os hostaleiros doarán cinco céntimos de cada tapa que sirvan para unha causa benéfica, fondos aos que se sumarán as doazóns. Nesta ocasión, elixiuse dar apoio aos dous clubs de fútbol campo do municipio, o Parga de Veteranos, que recibirá un 25% do recadado, e a SD Guitiriz, que percibirá o 75% restante, ao contar con tres equipos diferentes. 

Os clientes poderán valorar, con puntuacións que van do un ao dez, todas as propostas, escollendo así as mellores. E por esa implicación, poderán entrar no sorteo de diversos premios en metálico.

O certame terá unha vez máis carácter solidario, coa doazón de cinco céntimos de cada tapa aos equipos de fútbol de Parga e de Guitiriz

Aquelas persoas que completen o roteiro gastronómico e saboreen as 14 tapas terán a opción de gañar unha recompensa de 700 euros, mentres que os que consigan unha decena de selos dos locais participantes optarán a un segundo premio que ascende a 200. Haberá ademais 100 euros para os que caten polo menos seis propostas e catro galardóns de 50 para os que visiten cinco establecementos.

Por outra banda, a adega Coto Mayor de La Rioja, que colabora por primeira vez con De Bares, sorteará unha botella de cinco litros de viño en cada un dos locais. Non é o único apoio co que conta a organización, que tamén acadou o respaldo de Estrella Galicia, Automóviles Losada, fotografía Kantero e o Concello de Guitiriz. 

A asociación de hostaleiros gutiricense, que non puido organizar por falta de tempo o habitual concurso para escoller o cartel anunciador, apostou pola creatividade local para promocionar o certame e encargoulle ao deseñador guitiricense Diego Pena o deseño promocional deste VII Que Bo Estás Guitiriz!

As 14 propostas do VII Que Bo Estás Guitiriz!
CIT.Paso a nivel. KANTEROCIT Paso a nivel
COMBA.O Chupa-Chups do tren. KANTERORestaurante Comba O Chupa-Chups do tren 
RECREO.Variante xa!!!. KANTEROBar Recreo Variante xa!!!
LA CASILLA.Vieira en sopa de mar. KANTERORestaurante La Casilla Vieira en sopa de mar
XOLDRA.RosaRosae. KANTEROPub Xoldra Rosa/Rosae
CENTRO.Gazpacho de pementos e queixo mozzarella. KANTEROCafé Centro Gazpacho de pementos e queixo mozzarella
SOA.A idade do pavo. KANTEROCafé Pub Soa A idade do pavo
NISTAL.Presa á carreira. KANTEROCasa Nistal Presa á carreira
ZEUS.Solomillo al molho Madeira. KANTEROCafé Pub Zeus Solomillo al molho Madeira
TITANIC.Tosta ibérica. KANTEROCafé Pub Titanic Tosta Ibérica
GAIBOR.Mércores e domingos. KANTEROCasa Gaibor Mércores e domingos???
KORREO.Meloso de ternera en pan bao. KANTERORestaurante O Korreo Meloso de ternera e pan bao
NIMBOS.Xoaniña. KANTEROCafetería Pastelería Nimbos Xoaniña
GUINEA.Se non hai lomo... de todo como. KANTEROCasa Guinea Se non hai lomo... de todo como

Roteiro gastronómico con premio
Comentarios