En Primeira Persoa

Rosalía Díaz: "Ilustrar en formato libro é un soño agora cumprido"

A miña familia é toda moi artista. Medrei debuxando e cantando. Tamén rodeada de literatura. Meu pai escribe e miña nai canta moi ben e sempre me animaron a seguir o camiño da arte. Dedícome ao deseño gráfico e á ilustración, e acabo de ilustrar 'A gruta da torre’ de Lois Pérez.
Rosalía Díaz. M.ROCA
photo_camera Rosalía Díaz. M.ROCA

Acaba de saír á rúa A gruta da torre de Lois Pérez, obra gañadora do V Premio Agustín Fernández Paz, a cal ilustra. Como xurdiu esta colaboración?

Lois e mais eu coñecémonos moi ben e propúxomo, e tamén á editorial, viron o meu traballo e parece que lles gustou. Non dubidei aínda que a noticia foi unha sorpresa, porque seguía o traballo de Xerais, con ilustradores marabillosos, e consideraba que o listón estaba moi alto. É unha grande oportunidade e agradézolles a confianza no meu traballo.

Como foi o proceso de ilustrar esta novela infantil?

É a primeira vez que o fago e o proceso foi de moita investigación, pero Anaír Rodríguez, editora de Xerais, deume moita liberdade. Elexín a técnica dixital porque me pareceu moi interesante para simbolizar esa ponte entre esas dúas xeracións que están reflectidas na novela, pero busquei texturas realistas usando pinceis, lapis de diferentes tipos, tinta, algo de acuarela... buscando parecerse á técnica real.

En que tivo que investigar?

Axudeime de fotografías tomadas en Ribadeo, porque tiven a oportunidade de ir con Lois ao lugar para que me fose dicindo onde se desenvolvían os sucesos que narra a novela. Tamén quixen pararme nos detalles para que as persoas que viviron esa época viran cousas relacionadas con ela, como cartaces, cromos... Eu son do 86 e non recordo vivencias de 1990. Tamén pedín fotos para ver a roupa que usaban os adolescentes, as bicicletas... Foi un traballo moi bonito que me fixo vivir experiencias e lembranzas desas épocas e busco provocalas no lector, por exemplo facendo guiños a escenas de películas coñecidas, algúns máis discretos e outros máis evidentes. Encantaríame saber se a xente os vai atopando.

Como se iniciou neste mundo?

Pola miña irmá. Ela debuxaba moi ben e eu quería copiar. Foise a estudar o grao de Deseño Gráfico a Zaragoza e eu fun detrás e quedei alí 17 anos.

Como volveu a Galicia?

Tamén traballo nunha empresa como asesora en decoración e deseño de espazos e abriu unha oficina en Santiago e presenteime para vir sen dubidar.

Traballa nalgún proxecto?

Estou cun persoal, A que está caendo, no que utilizo o paraugas como fío condutor para formular diferentes conceptos relacionados co feminismo e a loita polos dereitos sociais. Tamén traballo nun blog literario con meu pai (crestomatias.com), no que el escribe e eu ilustro.

E algún que lle gustaría facer no futuro?

Seguir polo mundo literario. Facer unha ilustración en formato libro era un soño e agora está cumprido. Tamén teño en mente facer un libro infantil, algún ilustrado, novela gráfica, deseñar un disco de vinilo e proxectos colectivos para coñecer máis o mundo das mulleres en Galicia.

En que se inspira?

Gústame moito o traballo de Gemma Capdevila, Paula Bonet ou Luz Beloso. Inspíranme moito a natureza e as mulleres da miña vida, que foron e son artistas de distintas maneiras e iso téñoo moi marcado no meu traballo.