Rosalía de Castro, máis viva que nunca

As homenaxes á lendaria autora galega sucedéronse na Terra Chá e nas Pontes reinvindicando e exaltando a súa figura
'O Paraugas da Fala' en Guitiriz. C. PÉREZ
photo_camera 'O Paraugas da Fala' en Guitiriz. C. PÉREZ

O 23 de febreiro é unha data sinalada no almanaque cultural galego. Un día importante para celebrar, homenaxear e recordar unha das figuras históricas máis importantes para Galicia. Rosalía de Castro naceu hai case dous séculos, pero a súa pegada e influencia é tal que segue representando á maior parte dos galegos, sendo a nosa poeta máis universal. Porque a escritora era unha adiantada ao seu tempo, e á parte de ter o don de plasmar á perfección os seus sentimentos máis íntimos sobre o papel, loitaba contra toda clase de inxustizas, algo non tan habitual naquel entón.

Julio Verne en Francia, Oscar Wilde en Irlanda, J. R. R. Tolkien en Suráfrica, Miguel de Cervantes en España, Pablo Neruda en Chile ou Fiodor Dostoyevski en Rusia. Todos eles son nomes recoñecidos no ámbito literario internacional, do mesmo xeito que Rosalía de Castro, galega de nacemento. Case 300 rúas en España co seu nome falan da transcendencia que tivo e ten unha muller feminista, comprometida coa emigración e defensora da súa patria.

A poeta galega máis internacional debe ser posta en valor como se merece e na Terra Chá e nas Pontes é algo que teñen claro. Este ano foron varias as localidades que realizaron actividades ao redor da súa figura. Porque, a pesar de que a pegada da compostelá é indiscutible e transcende da poesía, non está de máis valorar o patrimonio cultural propio e gozar, entre todos, da vida e obra da escritora.

Na capital da Terra Chá, en Vilalba, organizáronse as segundas Xornadas Rosalianas. A iniciativa prolongouse durante varios días, nos que se realizaron toda clase de actos relacionados coa escritora. A colaboración entre o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), a área de cultura do Concello de Vilalba e a asociación Nova Poesía Guitirica (NPG) é a chave para que a organización do evento saia adiante.

Os actos comezaron o día 17 de febreiro e remataron o 26 de febreiro, co pregón de Luz Darriba, que se mostrou moi orgullosa por participar nas xornadas. "É unha honra que conten comigo", afirmou a artista nada en Uruguai, que confesou que "a miña Rosalía é a da diáspora no río da Plata, esa que coñecín grazas aos meus pais". Luz amosou a gran admiración que sente pola escritora. "Canto máis se busca en Rosalía, máis se atopa", indicou.

Pregón de Luz Darriba.
Pregón de Luz Darriba. M.M.

Na cita vilalbesa participaron toda clase de personalidades relacionadas coa cultura e coa poesía, como Raquel Queizás, Martin Pawley ou o presidente da fundación que leva o nome da escritora, Anxo Angueira, que quedou abraiado pola grande organización levada a cabo no corazón da Terra Chá. "Queremos situar a Rosalía onde se merece", explicou Vanesa Siso, concelleira de Cultura de Vilalba. "É un orgullo poder organizar estes actos, é un traballo moi importante e estamos moi contentos co resultado", afirmou Antón de Guizán, de Nova Poesía Guitirica.

A participación social foi do máis salientable, cunha clara implicación dos centros escolares e, incluso, do centro ocupacional da localidade. Así, alumnas do IES Basanta Silva participaron nunha ofrenda floral e un recital de poesía. Os alumnos de infantil de Vilalba fixeron pensamentos debuxados para o parque mentres que os de primaria pintaron Rosalías para unha mostra no auditorio. "Implicar aos máis novos é moi importante", conta Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

Acto durante as Xornadas Rosalianas. D.CABO
Ofrenda floral durante as Xornadas Rosalianas. D.CABO

A vila envorcouse coas xornadas, que pretenden asentarse nos vindeiros anos ata ser unha referencia no ámbito galego. "Hai futuro", comenta Marisa. "A idea é que nas próximas edicións vaia máis aló do educativo", sinala Vanesa Siso. E que de seguir por este camiño, todo apunta a que a vida das Xornadas Rosalianas será ben longa e próspera.

O paraugas da fala

En Guitiriz celebraron o Día de Rosalía por todo o alto, con actividades de carácter lúdico, lectura de poemas e unha exposición sobre a autora. "Somos os galegos os que temos que darlle visibilidade a Rosalía", afirma Ana Pérez, responsable da aula Cemit e da biblioteca municipal guitiricense. "Realizamos unhas actividades amenas para que os máis pequenos aprendan dunha forma diferente e divertida quen foi esta ilustre poeta. Empregamos quebracabezas, sopas de letras, labirintos, un mini trivial...", explica Ana sobre a acción O paraugas da fala, á que tamén se sumou Alume.

Os nenos do Ceip Lagostelle pintando os seus debuxos. C.PÉREZ
Os nenos e nenas do Ceip Lagostelle pintando os seus debuxos. C.PÉREZ

A iniciativa levada a cabo polo Concello de Guitiriz, que arrincou o 22 de febreiro, está moi relacionada cos cativos, coa participación dos alumnos do Ceip Lagostelle. De feito, son os nenos e nenas deste colexio os protagonistas da exposición A miña Rosalía, que se pode visitar na Casa Habanera ata o 17 de marzo. Alí pódense contemplar os debuxos que os máis pequenos fixeron segundo a visión particular que teñen de Rosalía. Na mesma mostra, o público pode ollar o libro de edición especial Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos, de Edicións Boreal. Os actos pecháronse coa actuación musical do grupo Na casa zoqueiro.

De cara ao futuro, Guitiriz pretende asentar esta celebración ata que sexa un clásico anual cada mes de febreiro. "Estamos intentando que se manteña e que colla peso. Quedamos moi satisfeitos e esperamos seguir organizando estas actividades proximamente", confirmou Ana Pérez.

A autora e o ceo

Pódese dicir que a figura de Rosalía de Castro está moi presente, incluso, no firmamento. Moitos coñecen a historia da compañía noruega Norwegian, que empregou a cara da poetisa para decorar un dos seus avións. "Perdín de vista as estrelas e vivo na escuridá", escribía Rosalía. Pois ben, hai un tempo, a agrupación astronómica coruñesa Ío logrou que un dos astros que alumean no espazo exterior levase o nome da poeta. Este feito quixo aproveitalo o Concello de Muras, que conta co certificado Starlight, celebrando dunha maneira moi especial o día dedicado á escritora.

O sábado 25 de febreiro, nenos e adultos achegáronse á area de caravanas do Viveiró co obxectivo de pasar unha tarde-noite marabillosa mesturando astronomía e poesía na iniciativa Muras explora dende Rosalía ata o ceo.

As paisaxes e os ceos da localidade muresá tomaron protagonismo no día dedicado á autora, en clara relación coa súa obra. "Muras encaixa perfectamente coa poesía de Rosalía", afirmou Constanza Fernández, técnica de turismo no Concello, que explica que a idea xurdiu para "celebrar o legado que nos deixou".

Acto do día de Rosalía en Muras. MAIDER
Acto con monicreques no día de Rosalía en Muras. MAIDER

A veciñanza de Muras realizou obradoiros de astronomía, gozou dunha representación con monicreques e tamén dun bo chocolate quente. Coa entrada da noite, chegou o momento máxico de observar a estrela de Rosalía, xunto co resto de astros ben iluminados na noite muresá. Tras a lectura do poema Miña casa, meu lar, os alí presentes degustaron o famoso Caldo de Gloria, vencendo o frío nun claro xesto simbólico na honra da poeta."Agardo que o sigamos celebrando, é o primeiro ano, pero a idea é seguir", informou Constanza en relación ao novidoso acto.

Algo que non faltou en ningunha das citas foi a música. O Concello das Pontes, e máis concretamente a biblioteca municipal Rivera Rouco tamén celebrou o seu particular Día de Rosalía ao ritmo do cantante infantil Luis Vallecillo, que ofreceu un espectáculo infantil na Casa Dopeso.

Luis Vancillo durante a súa actuación nas Pontes. EP
Luis Vallecillo durante a súa actuación nas Pontes. EP

"Frío e calor, outono ou primavera, onde… onde se atopa a alegría?", cavilaba Rosalía. A resposta pode estar aquí, porque estes actos de homenaxe son unha mostra de que a alegría pode estar naqueles que logran atoparse coa figura da Rosalía. A que sempre une. A que nunca divide.

Comentarios