A reportaxe da Chaira

Rosalía de Castro: aquela escritora que abriu camiños

Vilalba, Meira, Guitiriz, As Pontes e Cospeito acolleron diversas actividades ao redor da autora
Recitado de versos de Rosalía en Pino. C.PÉREZ
photo_camera Recitado de versos de Rosalía en Pino. C.PÉREZ

"Este recanto do mundo chamado Galiza non é o mesmo após Rosalía de Castro. Hai un antes e un despois". Así o asegura Carlos Callón, elixido neste 2024 pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para asinar o manifesto Rosalía: o amor da patria galega’, que se puido escoitar en moitos dos actos promovidos ao redor do 23 de febreiro para pór en valor que "hai século e medio, unha moza con pouco máis de 20 anos mudou a Historia". 

"Ela era consciente de que os seus libros abrían camiños", escribe Carlos Callón, incidindo en que os seus escritos, dos que reproduce diversos fragmentos, "abriron moitos ollos e calmaron moitas sedes", sementando a prol dun mundo "mellor, diverso e igualitario". "Un mundo, en fin, máis rosaliano", conclúe o autor do manifesto.

Da "magnitude universal" de Rosalía de Castro falou en Vilalba a escritora e profesora Pilar García Negro que, como lembran dende o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), deu conta dunha "persoa adiantada ao seu tempo, gran defensora da lingua, feminista comprometida, loitadora incansable polos dereitos das mulleres, fervente ecoloxista e cunha aguda crítica das inxustizas sociais" nun relatorio que inaugurou as xornadas dedicadas a Rosalía de Castro que promove a entidade.

Ofrenda floral do Iescha a Rosalía. M.ROCA
Ofrenda floral do Iescha a Rosalía. M.ROCA

No propio día, fíxose una ofrenda floral —con pensamentos, a flor favorita de Rosalía— no monolito dedicado á escritora e proxectouse a curta A rosa incandescente, dirixida por David Vázquez e con guión de Anxos García, quen acudía ao auditorio vilalbés para explicar a súa idea de crear "unha peza cunha visión máis actual, fresca, contemporánea do que é o pensamento de Rosalía", tal e como detallou a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, facendo ademais fincapé na importancia da nai de Rosalía, Teresa, na súa biografía.

Lambe Lambe e Corredores de Sombra puxéronlle a música a un acto no que tamén se puido ver xa a mostra Aves de Galicia, con fotografías de Diego Montenegro e que se poderá visitar no auditorio ata o día 12 de marzo, o mesmo escenario onde a partir do 16, e ata o 1 de abril, estará exposta O herbario de Rosalía.

Alfombra floral, lectura do manifesto e actuación do Coro do Basanta Silva. C.PÉREZ
Alfombra floral, lectura do manifesto e actuación do Coro do Basanta Silva. C.PÉREZ

Os asistentes recibiron como agasallo imáns coa cara de Rosalía e a obra Celebramos Rosalía, unha escolma poética realizada por Anxo Angueira co apoio da Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Xistral, a Consellería de Cultura, a Federación de Libreiros de Galicia, a AELG, a Asociación de Editoras e El Corte Inglés.

A presenza de Rosalía terá continuidade nas vindeiras semanas nos centros educativos grazas a un roll up que reproduce un cadro que está na facultade de Filosofía de Santiago, pero modificado: "No orixinal hai unha ventá a través da que se ve a catedral de Santiago e neste vese o mural de Vilalba, e sobre a cabeza hai un cadro coa Praza de Santa María", detalla Marisa Barreiro, que explica que idea é que quen queira poida poñer a súa cara nesta obra e facerse unha foto coma se fose Rosalía.

Paraugas da fala, no Campo da Feira de Guitiriz. C.PÉREZ
Paraugas da fala, no Campo da Feira de Guitiriz. C.PÉREZ

Un entretemento ao redor da figura da escritora coma os que se poideron gozar en Guitiriz, onde a biblioteca municipal Casa Habanera promoveu unha nova edición do Paraugas da Fala con actividades no centro de día Casa do Capataz, cos nenos e as nenas do Madrugadores do Ceip Santo Estevo de Parga e do Ceip Lagostelle de Guitiriz, no Campo da Feira o día do mercado ou cos usuarios do taller de estimulación cognitiva, que ademais poideron probar as novas tecnoloxías —fixeron visitas virtuais á casa de Rosalía coas tablets— coa colaboración de alumnado do IES Poeta Díaz Castro do proxecto Kpaces.

"Este ano traballamos moito coa idea da miña casiña, meu lar, foi o poema principal, dándolle importancia á identidade e ao apego á casa e tamén á comida; falamos do caldo e nos colexios triunfaron as avoas e os seus caldos", detalla Ana Pérez, responsable da biblioteca guitiricense, que xa pensa en como ampliar a media ducia de actividades deste ano de cara á vindeira edición.

rosalia ies meira
rosalia ies meira

O Caldo de Gloria tamén se saboreou no IES Basanta Silva, nun xantar colectivo na cafetería que pechaba uns actos que incluíron a elaboración dunha alfombra floral —con pétalos de camelia e azucre e café para a cabeza de Rosalía— na biblioteca Agustín Fernández Paz e unha actuación do coro do Basanta, formado por mestras e alumnas.

Tamén no IES Pedregal de Irimia tiveron presente a Rosalía coa proxección dun emotivo vídeo no que se recitaba o poema Adeus ríos, adeus fontes en todas as linguas que se estudan no centro e que falan os alumnos que acuden a este, conmemorando así tamén o Día da Lingua Materna. A proxección clausuraba un acto na casa da cultura, onde Xosé Otero Canto presentou o Romanceiro do Pedregal de Irimia acompañado por Alfonso Blanco —editan Xermolos e a Irmandade Manuel María— e por Anxo Grande, ilustrador da obra e que puxo a nota musical co seu grupo Son Galego.

Contacontos sobre Rosalía nas Pontes. C.ARIAS
Contacontos sobre Rosalía nas Pontes. C.ARIAS

Á historia de Rosalía puideronse achegar na Casa Dopeso das Pontes da man dun contacontos de Trémola Teatro incluído na programación dos Xoves na Biblio da biblioteca Rivera Rouco, mentres que outra biblioteca, a rural da parroquia cospeitesa de Pino, xuntaba literatura e música nos actos da Asociación Recreativa e Cultural San Martiño de Pino, onde se aproveitou para entregar os premios do III Certame de Caligramas Constanza de Castro. 

Gañouno a Última noite en Caldaloba, un perfil de Constanza, quen "foi unha muller na sombra, igual ca Rosalía", segundo explicou no acto a súa autora, Patricia Torrado, mentres que a segunda clasificada, Laura Sánchez, agradecía o recoñecemento a uns Engranaxes que "non acaban de encaixar" a través dun vídeo, ao non poder asistir.

Avelino Roca e os seus alumnos puxeron a nota musical nun acto que recoñeceu a "escritora máis universal" na voz de dez mulleres que evocaron algúns dos seus versos máis coñecidos para logo enmarcalos nun cadro rosaliano.

Versos enmarcados de Rosalía, en Pino. C.PÉREZ
Versos enmarcados de Rosalía, en Pino. C.PÉREZ

 

A pegada de Rosalía na Chaira: un parque

O Iescha pelexou por que Rosalía tivese un recoñecemento en Vilalba e logrou que o Concello lle dedicase un parque, o que se festexou en febreiro de 2022 inaugurando un monumento que inclúe unha pedra da casa da escritora e que ten gravado o primeiro manifesto feminista de Galicia, de 1858. Ao lado, plantouse unha filla da figueira da Rosalía. 

Rúas

Tres concellos teñen rúas dedicadas a Rosalía: Cospeito, na Feira do Monte; As Pontes, na que se atopa a Casa Dopeso, un dos principais centros culturais da vila; e Guitiriz, renomeada cando se revisou o rueiro a comezos de século.

Edificios

Da decena de centros educativos que levan o nome da autora en Galicia, un deles é o Ceip Rosalía de Castro de Mosteiro, en Pol.

Murais

A área de Cultura de Deputación de Lugo leva dende 2021 a promover a creación de murais da escritora, contando con distintos artistas. Nesa primeira convocatoria, Manuel Andrés Pallín, de Concepto Circo, ilustrouna na biblioteca de Xermade e Van Kraft, no Ceip Santo Estevo de Parga.

En 2022, Rubén Paz creou rosalías no Ceip Poeta Avelino Díaz de Meira e no Mato Vizoso de Vilalba, mentres Ana Santiso facía o propio no IES Pedregal de Irimia de Meira. E Van Kraft pintaba un en Vilalba, preto do Parador, en colaboración co Iescha.

En 2023, foi Diana Rodeiro Nana a que lle daba vida no IES Lois Peña Novo de Vilalba e no Ceip Rosalía de Castro de Pol, onde xa había outros murais da escritora.

A maiores hai outras obras, coma a do Ceip Lagostelle de Guitiriz ou os versos que ilustran a beirrarúa ante a casa do concello de Cospeito, onde tamén no seu momento agasallaron tazas, estuches, bolsas ou mochilas de Rosalía.

Mural de Rosalía de Castro no Ceip Lagostelle de Guitiriz. CONCEPTO CIRCO
Mural de Rosalía de Castro no Ceip Lagostelle de Guitiriz. CONCEPTO CIRCO

 

Comentarios