sábado. 20.07.2019 |
El tiempo
sábado. 20.07.2019
El tiempo

Rosa Aneiros celebra dúas décadas na escrita co premio Agustín Fernández Paz

Rosa Aneiros, recollendo o premio. C.ARIAS
Rosa Aneiros, recollendo o premio. C.ARIAS

A galardoada afirmou que non había "maneira mellor" de conmemorar a efeméride nun acto moi emotivo en Vilalba qeu xa se "consolida como a cita anual do movemento agustinista"

Nun acto repleto de lembranzas e de agradecementos, unha emocionada Rosa Aneiros subiu ao escenario do auditorio municipal de Vilalba para recoller o II Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, "unha estupenda maneira e a mellor", dixo, de celebrar que hai 20 anos publicou o seu primeiro libro, Eu de maior quero ser.

Dúas décadas despois da súa estrea, Tres bichiconas, dúas illas e unha serea, foi a obra coa que conseguiu o premio que leva o nome dun "amigo", ao que coñeceu en 2006 en Brasil e ao que a uniron para sempre "a lectura e a paixón pola escrita". Agora tamén os levará da man para a historia o premio, que o primeiro ano gañou María Reimóndez e que nuns meses presentará a súa terceira edición. Onte fíxose público o cartaz, cun deseño do pintor tamén vilalbés Eduardo Baamonde.

"Sei que el está feliz de nos ver aquí, en Vilalba, neste lugar que Agustín sempre quixo tanto", dixo a autora dunha obra que non deixou de recibir boas críticas e fermosas palabras, tantas que espertarían incluso dentro do menos lector as ganas de devorala pronto -o premio inclúe ademais dun galardón de 3.000 euros a publicación dunha tirada inicial de 1.500 exemplares-. A Agustín, dixeron os que o coñeceron ben, "entusiasmaríalle" a obra, unha historia que "reclama a empatía e o activismo interxeracional", "unha novela de aventuras emocionante e literariamente fermosa" de "heroes anónimos".

Como todas as de Agustín nas que destacaban "as preocupacións vitais", "o compromiso social" ou a "tolerancia". "Agustín, alguén a quen todo o mundo quere aínda que só estivera unha vez con el", apuntou na súa intervención Marisa Barreiro, a presidenta do Iescha, o colectivo cultural que organiza xunto ao Concello de Vilalba e en colaboración coa editorial Xerais un certame literario que naceu coa vontade de lembrar ao escritor e loitar, como el sempre o fixo, "por darlle prestixio e o espazo que merece á literatura infantil e xuvenil". A súa longa e prolífica traxectoria aválano, con máis de medio cento de títulos publicados e case outros tantos premios.

E durante un acto que "xa se consolida como a cita anual do movemento agustinista", como dixo Manuel Bragado -un dos membros do xurado do premio este ano xunto á escritora María Reimóndez e á tradutora Isabel Soto-, e que supón "un acto de recoñecemento literario pero tamén unha tarde de gloria para Vilalba, capital desa Terra Chá que Manuel María definía como patria poética", como expresou o rexedor de Vilalba, Agustín Baamonde, foron moitas as voces que se sumaron para renderlle tributo ao escritor vilalbés e para felicitar a premiada.

"Están ligados a través do afecto e da amizade e por iso este premio ten algo máxico", destacou Fran Alonso, o director de Xerais, que falou da Rosa Aneiros como "a forza do vento, o arrebato do mar, a pulsión transformadora da escrita e a luz da palabra", unha "escritora de fondo, con vontade de estilo, memorable e de raza".

A gala, presentada por Carmen Hermida coa colaboración da Asociación de Xordos de Vilalba, estivo envolta entre música e poesía, coa actuación do dúo de Esperanza Iglesias e Aurelio Chao, alumnas da Escola de Movemento, María Xosé Lamas, Baruk e Rosana Domínguez, a nova proposta de Corredores de Sombras ou a tradición de Buxos Verdes.

Rosa Aneiros celebra dúas décadas na escrita co premio Agustín...
Comentarios