sábado. 19.09.2020 |
El tiempo
sábado. 19.09.2020
El tiempo

A romaría dos Milagres de Saavedra viviu unha edición atípica

Romeiros agardando por entrar no templo. S. IGLESIA
Romeiros agardando por entrar no templo. S. IGLESIA
Decenas de fieis capearon a crise provocada polo coronavirus e acudiron aos poucos e ao longo do día á chamada da Virxe de Saavedra

O vivido na xornada do domingo no santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra pouco tivo que ver cos anteriores 24 de maio. Aos poucos, e espallados ao longo de toda a xornada, decenas de fieis non perderon a súa cita cunha das romarías máis concorridas da provincia e capearon a nova realidade marcada polo coronavirus que tamén se deixou sentir no templo.

Non houbo persoa que non portase a súa máscara ou que, no seu defecto, mantivese as distancias mínimas de seguridade coa do lado, un protocolo que foi vixiado pola Garda Civil para dar conta de que todo funcionase correctamente. E é que o Covid-19 modificou costumes á forza, tamén o de entrar á igrexa e ir á pía. No canto, o xesto obrigado era desinfectar as mans con xel hidroalcohólico.

Generated by  IJG JPEG LibraryPero se houbo unha ausencia ben soada foi a "do barullo", como dicía unha veterana desta romaxe, chegada dende Lugo, que botou en falta a música, a multitude e os postos de produtos que ateigaban o campo da festa de Saavedra. En especial, o das rosquillas, pese a que Diego Couso, da Churrería Lucía, acudiu con «200 paquetes de roscas» que xa se esgotaran a media mañá. "Pensei que non habería tanta xente, vendín todo o que trouxen e se máis trouxera, máis vendía", dicía mentres facía churros para os romeiros que se poñían á cola fronte ao camión.

Aínda que o goteo foi constante, foi arredor do mediodía cando se concentrou unha maior afluencia de asistentes, uns chegados en coche, outros andando e algúns en bicicleta e todos con motivacións diferentes.

"Imos por devoción sempre que podemos. Agora toca vivilaasí, pero non quixemos perder a oportunidade", aseguraba Sonia Vázquez, do Valadouro, quen apuntaba que "de non ser por esta situación, viría algún máis con nós". Pola contra, o grupo formado por Belén, María José, Pilar e Carina, de Lugo, acudiu ao santuario "por tradición, non por estar ofrecidas". Así levan facendo "uns 20 anos", aínda que este o viron "moi diferente".

Tanto é así que "case todo o mundo preguntou se había misas hoxe", apuntaba Álvaro Díaz, un dos encargados de entregar estampas, cirios ou escapularios da virxe que os asistentes mercaban. Cerimonias litúrxicas non houbo, pero a devoción non faltou nin tampouco un rosario e a lectura do día na voz de Ángel Vigo, o párroco desta parroquia begontesa que sentiu o día propio dos Milagres como «algo triste», aínda que valorou que "houbese tanta xente cumprindo coas medidas de seguridade e de separación".

"Estamos desexando que volva a ser coma antes", dicía unha parella de Baamonde que xa perdeu a conta do tempo que leva asistindo a Saavedra, pero que aínda non sabe cantos anos máis lles quedan cumprindo cunha romaxe que non perde o tirón.

A romaría dos Milagres de Saavedra viviu unha edición atípica
Comentarios