A Romaxe Artesá da Chaira encheu Muras de tradición e vida

Muras dá o pistoletazo de saída ás feiras de artesanía, tras meses de parón polo covid, coa quinta edición dunha cita afianzada e con tirón
2021052311444878130
photo_camera Xogos tradicionais. C. ARIAS

A Romaxe Artesá da Chaira deu dende Muras o pistoletazo de saída ás feiras de artesanía tras meses de parón pola pandemia. E a quinta edición desta cita, que demostrou que pese a non ter un longo percorrido xa está tan ben enraízada que é capaz de atraer a moitos, regalou onte, máis que nunca, tradición e vida, artesanía e reencontros, música e charlas, osíxeno en tempos de distancia social nun incomparable marco, a área recreativa da Veiga. E a chuvia, que parecía que se quería sumar á festa, deu algo de tregua.

"É a primeira feira do ano e vimos con moitas ganas de saír, de atoparnos coa xente, cos compañeiros, e con moito material", dicía o tallista vilalbés Marcos Ladra. Coma el, eran moitos os que recoñecían onte "a alegría de volver", mentres explicaban que xa necesitaban saír dos talleres para ver caras e ter contacto.

"Chegamos con moita ilusión", apuntaban as vilalbesas Lourdes Otero e Miriam Fernández, de Fusaiola, que indicaban que, como os artesáns, a xente chegaba "cautelosa pero con ganas".

"Parece que non se atreven a tocar. Outros anos a xente tocaba, collía as cousas na man... porque o tacto tamén é importante na artesanía, pero a xente vén concienciada de que non se pode", indicaba o canteiro begontés Xabier Quijada, que recoñecía que unha das cousas que apetecía moito era ver aos compañeiros.

"É moi importante poder volver e ter contacto coa xente sen ser por un correo ou unha mensaxe. Aquí a xente pode ver o que facemos e quen somos", dicían as artesás bonequeiras Belén e Rocío Barral, da firma guitiricense Lucecús.

2021052311444872171Entre a emoción de volver e a incerteza de non saber se é o principio do fin ou un capítulo máis nesta longa pandemia, a Romaxe Artesá da Chaira incluíu, a maiores da mostra de artesanía, exhibicións en vivo ou obradoiros, un de xoguetes e outro de elaboración de pandeiros con Xaneco Tubío. "Puido apuntarse menos xente polas restricións, pero funcionou moi ben. A Romaxe está feita con moito amor ao país, dende a terra, a raíz, é unha feira moi pequeniña pero un plan moi chulo", dixo.

O programa contou tamén con xogos infantís e tradicionais e varios concertos, con A Gramola Gominola ou Xabier Díaz, títeres con Trécola e actividades para iniciarse na astronomía.

"Dende a primeira edición vemos que hai unha evolución, sempre en positivo, está medrando o número de público, moi familiar, e este ano queriamos retomar despois da pandemia e que a xente saíse, respectando as medidas sanitarias", valorou o alcalde, Manuel Requeijo, que recordou que é unha cita que apoia a Deputación de Lugo. Nese sentido, o deputado provincial Efrén Castro destacou o papel da Romaxe na posta en valor da artesanía e auguroulle "un futuro moi prometedor".

Comentarios