A Romaxe Artesá da Chaira, a festa total

Centos de persoas acudiron á área recreativa da Veiga, en Muras, para desfrutar dunha xornada festiva en familia con moi bo ambiente e un amplísimo programa que incluíu artesanía, xogos tradicionais, obradoiros e música
Expositores de artesanía. MARTA MANCEBO
photo_camera Expositores de artesanía. MARTA MANCEBO

Cun fermoso día de primavera, temperaturas moi agradables e un amplísimo programa de actividades celebrouse este sábado en Muras a sexta edición da Romaxe Artesá da Chaira, unha festa total que logrou reunir un ano máis a centos de persoas na área recreativa da Veiga.

Neste escenario natural promovéronse ao longo da xornada diferentes iniciativas para todos os públicos, o que motivou que familias chegadas dende distintos puntos da comarca e de fora dela escollesen esta cita para desfrutar e compartir.

"Sempre hai moi bo ambiente, está todo moi coidado e feito con moito mimo, e o espazo tamén axuda", aseguraba o rexedor murés, Manuel Requeijo, "satisfeito" pola acollida que un ano máis tivo este evento, unha cita xa consolidada no calendario festivo da comarca.

Un dos platos fortes da programación foron as demostracións de artesanía a cargo dos 23 expositores que levaron á Veiga as súas creacións, para desfrute e adquisición dos asistentes. A gran maioría xa son vellos coñecidos desta romaxe, sobre todo os integrantes do grupo de Artesáns da Terra Chá, pero tamén houbo quen se estreou.

E para que o público valore o esforzo que implica todo o proceso de facer este tipo de traballos a man e poida ademais iniciarse nalgunha especialidade de artesanía, organizáronse varios obradoiros. Xaneco impartiu un para nenos de construción de instrumentos musicais e Carlos San Claudio, outro de barro para adultos.

Tamén houbo espazo para unha charla sobre elaboración de cervexa artesanal con cata incluida, a cargo de Cervexa Meiga, unha actividade que resultou moi existosa.

Tanto ou máis que os xogos tradicionais que achegaron dende a asociación Xotramu de Muimenta -outro clásico que só fallou na pasada edición polas restriccións da pandemia-, que puxeron a proba aos máis pequenos, pero tamén aos maiores, que recordaron tempos pasados probando sorte cos zancos ou a roda.

E a música tamén tivo un papel protagonista durante toda a xornada. A Charanga Mekánica animou a sesión vermú, trala que moitos aproveitaron o bo tempo para xantar en familia co mantel na herba e ao pé do río Eume. Para repoñer forzas había postos de comida e mesmo representación das filloeiras de Muimenta, que se encargaron de elaborar o postre.

Xa na sesión vespertina, Mamá Cabra fixo bailar aos máis pequenos, para os que tamén estaba prevista a actuación de monicreques De festa en festa, de Monifantes.

Os alumnos das escolas de música e baile tradicional de Muras e da Pastoriza tiveron a súa actuación estelar antes de Buxos Verdes e de Xisco Feijóo. O artista vigués achegouse a terras chairegas para presentar o seu primeiro disco titulado Peixe.

E como esta cita busca dinamizar e promocionar a vila, que dende decembro de 2020 é destino Starlight, decidiuse un ano máis que o programa da Romaxe Artesá tiña que pecharse cunha charla sobre a influencia da astronomía na cultura e costumes da Chaira, con posterior interpretación do ceo nocturno, a cargo de Marcos López e Paulino Gasalla.

Comentarios