A Romaría das Merendas celebra o 17 de xuño a súa segunda edición na Fraga

A cita ofrecerá sesión vermú, unha gran foliada con once grupos e un concurso de agarrados. A organización anima aos asistentes a caracterizarse con vestimentas dos anos 50
Primeira edición da Romaría das Merendas, na Fraga. AEP
photo_camera Primeira edición da Romaría das Merendas, na Fraga. AEP

A Fraga de Dona Rita, nas Pontes, acollerá o próximo 17 de xuño a segunda edición da Romaría das Merendas, unha exitosa proposta que nacía o pasado ano da man da agrupación local No Cómbaro.

"A idea é repetir o mesmo. Nós, que somos adictos á música tradicional, queremos que esta sexa a protagonista desta foliada que ademais se celebra nun espazo marabilloso como é a Fraga", indica Manolo Lamas, quen invita a todos os asistentes a caracterizarse coa indumentaria típica dos anos 50 para que todo vaia acorde coa tradición.

O evento, no que tamén están implicados o Concello das Pontes e a Deputación Provincial da Coruña, arrincará ás 13.00 horas cunha sesión vermú na que actuarán os grupos locais Canavella e No Cómbaro, ademais do veciño vilalbés Batifoula.

A continuación, os asistentes poderán desfrutar das tradicionais merendas abertas para veciños e romeiros. "Hai que levar todo da casa, como poñemos no cartel non haberá postos de comida nin bebida", di Lamas, insistindo en que os asistentes "teremos que ser autosuficientes e deixalo todo limpiño como fixemos o ano pasado, que non quedou nin unha cabicha", engade, mentres avanza máis detalles sobre esta segunda edición na que non faltarán as sorpresas.

Despois do café iniciaranse os concertos nos que intervirán os mesmos grupos da pasada edición, aos que se sumará algunha novidade. "O ano pasado viñeron todos gratis, así que o Concello vai ter un detalle con eles e quixemos que viñesen os mesmos", conta Lamas.

GRUPOS. Así, subiranse ao escenario da Romaría das Merendas das Pontes as pandeireteiras Airiños do Eume, de Pontedeume; Son D´Aquí, da Coruña; Aquí e Alá, de Outes e Lousame; a charanga Alxibeira, de Narón; Maghúa, da Coruña; as pandeireteiras Son D´Aquí, da Coruña, e Os do Xalo, de Carral.

Tamén levarán as súas melodías ata o parque da Fraga Xirandela, de Madrid; Carecos, de Ortegal, e Nimbos, das Pontes, unha agrupación de mozos que se estreará por primeira vez sobre o escenario neste evento.

"Un dos momentos máis importantes e emocionantes de toda a xornada chegará co multitudinario concurso de agarrados", pronostican os organizadores, que indican que despois dos concertos que están programados para a tarde, iniciarase unha foliada libre e aberta a todos que, din, será "de moito calibre".

Comentarios