Ónega: "Se a xente ten medios e servizos, desexará quedarse ou vir para aquí"

O CD Lugo realiza dende hai días a súa preparación nun macrorrecinto aberto á práctica de diferentes disciplinas e xogos tradicionais en Mosteiro (Pol). Un proxecto do que o seu rexedor, Lino Rodríguez Ónega, se sente "orgulloso" e espera que axude a "asentar poboación"
Rodríguez Ónega, alcalde de Pol, na zona de xogos tradicionais. MARTA MANCEBO
photo_camera Rodríguez Ónega, alcalde de Pol, na zona de xogos tradicionais. MARTA MANCEBO

CASE 40.000 metros cadrados. Dous campos de fútbol, unha pista de pádel cuberta, tirolina, zonas para xogar á billarda, á petanca ou á chave son só algunhas das dotacións da área multideportiva de Mosteiro, en Pol. Un macrorrecinto que foi concebido para "atraer xente e asentar poboación" nunha pequena localidade de pouco máis de 1.600 habitantes. Este complexo deportivo, sen rivais na provincia, xa conquistou aos irmáns Quintela do Río Breogán e ao CD Lugo, que dende hai uns días está realizando alí a súa preparación. "Un espectáculo e un orgullo para Pol".

Por que decidiron construír esta área multideportiva?
Fixémolo pensando en atraer xente ao concello. Non todos os municipios poden presumir de contar con este tipo de instalacións. Cremos que ademais pode axudar a asentar poboación. Se a xente ten os medios e os servizos para vivir, desexará quedarse ou vir para aquí. Ao final estamos a só 15 minutos de Lugo.

Xa conseguiron seducir a dúas das entidades deportivas máis importantes da provincia antes incluso de inaugurar.
Para nós é un orgullo que os irmáns Quintela, do Río Breogán, que son ademais dúas extraordinarias persoas, decidisen organizar aquí o seu primeiro campus con 75 rapaces chegados dende distintos municipios. Quedaron moi contentos. E, por suposto, tamén é un orgullo que o CD Lugo escollese esta área para facer a súa preparación. Non valoramos suficiente o que supón ter un equipo en Segunda División. Todo o corpo técnico transmitiunos que están encantados. E para nós é un espectáculo telos aquí un mes.

É un orgullo que o CD Lugo escollese o noso complexo para facer a súa preparación e os irmáns Quintela para un campus

Aínda quedan cousas pendentes para a inauguración?
Si. Ao final foi unha obra de gran envergadura. Para construír o campo de fútbol houbo que sacar e meter terra, podemos estar falando de máis de 9.000 metros cúbicos. Moitas cousas xa están listas, pero aínda falta levantar a grada e adecentar as entradas e os accesos, por exemplo. Contamos con que a finais deste ano, se todo sae ben, poidamos tela finalizada.

E como será o seu funcionamento. Estará aberta a todos os veciños?
Este ano, de momento, só poden desfrutar por fóra do perímetro. De cara ao ano que vén a nosa idea é establecer unha orde e facer socios para que poidan entrar e empregar todas as instalacións.

Xerará postos de traballo?
Cremos que nun futuro si, dous ou tres polo menos. Xa a construción, salvo cousas puntuais, foi feita por persoal municipal, algo que tamén hai que ter en conta e do que estamos moi orgullosos.

Queren atraer xente a Pol con este recinto. Pero tamén melloraron outros servizos nos últimos anos?
Si, un dos que máis foi o tema da auga. Practicamente xa a levamos ao 90% dos veciños. Hai xente que aínda que ten a súa traída pide auxilio para poder mellorala e facémolo a través do bombeo de auga de Lea, pola propia rede.

E como están as infraestruturas viarias?
Ben, pero durante o verán imos facer un esforzo importante e repasaremos todas as pistas. Tamén queremos adecentar os accesos a todas as casas e explotacións.

E poderán facelo con maquinaria propia.
Contamos cun parque móbil extraordinario. Temos máquinas de escavación, camión de rego, de transporte de mercadorías e de recollida do lixo. Contamos cun equipo completo para dar calquera servizo.

Cal é o orzamento do Concello de Pol para 2021?
É o máis alto que se aprobou nos últimos anos. Son 3.145.184,08 euros dos que ao redor de medio millón corresponden a subvencións doutras administracións.

Teñen algunha obra importante prevista para os vindeiros meses?
Si, case á altura da área multideportiva. No mes de novembro temos previsto adxudicar o proxecto de substitución de todas as luminarias do municipio. Son máis de 1.400 luces que pasarán a ser de tipo led. O proxecto ascende a 839.297,77 euros, dos que 671.398,21 corresponden a unha axuda do Idae e os 167.849,56 restantes saen das arcas municipais. Nas últimas obras que levamos feito, aportando ao redor do 20%, o Concello destinou 314.854,25 euros. A isto súmanse aproximadamente outros 150.000 euros a obras pequenas. Son gastos moi importantes para un municipio como o noso.

E o PXOM, outra das cuestións pendentes, en que punto está?
O equipo redactor está adaptándoo, facendo unha modificación por un cambio na lexislación. Temos pendente algún informe máis da confederación, pero esperamos poder telo aprobado de maneira definitiva no ano 2022.

Tamén ten falado de construir vivendas sociais.
Queremos adquirir unha finca de 27.000 metros cadrados que ten ao redor de 5.000 urbanizables para construír alí as vivendas sociais. Xa temos metido nesta iniciativa parte do plan único da Deputación e teremos que seguir buscando financiamento. É un proxecto tamén para o ano 2022.

E nas antigas vivendas dos maestros, que teñen pensado facer?
Queremos pedir a súa desafectación. Unha das opcións que barallamos é poder arranxalas e facer alí apartamentos. Por exemplo, para que poidan facer uso deles rapaces se se promove algún campamento. Queremos aproveitar tamén a súa proximidade coa área de xogos.

Leva dende 2007 na alcaldía, revalidando unha maioría tras outra e cada vez con máis apoios. Ten intención de continuar?
Vou paso a paso. Ademais non só depende de min, tamén dos compañeiros e da sociedade. Pero seguiremos traballando para continuar subindo.

Comentarios