Rodrigo Gil: "Animamos ás familias a informarse sobre as adopcións especiais"

O técnico da fundación Meniños dará unha charla hoxe martes na Casa Habanera de Guitiriz ás 18.30 horas 
Rodrigo Gil
photo_camera Rodrigo Gil. EP

A fundación Meniños, en colaboración co Concello de Guitiriz, ofrecerá hoxe martes na Casa Habanera, ás  18.30 horas, unha charla informativa, de acceso libre, sobre o programa de adopcións especiais, concertado  coa Xunta.

En que consiste a charla?

Parte do noso traballo é facer difusión do programa de adopcións especiais para incorporar máis familias, xa  que os menores adolescentes teñen máis dificultades para atopar familias e nós queremos remarcar a  importancia de darlles ese dereito e de que vivan nun contorno normalizado. A Xunta inclúe características coma a idade —con máis de oito anos xa é unha adopción especial—, os  grupos de irmáns, o ter algunha discapacidade ou o ter pasado por un dobre abandono.

Que os levou a ir a Guitiriz?

Contactamos cos concellos para dar a coñecer o programa e animar ás familias a informarse e en Guitiriz  atopámonos cunha predisposición absoluta e facilitáronnos todo para poder informar á veciñanza. Tamén  estivemos fai pouco en Vilalba e en Ribadeo. 

Que pasos ten que dar unha familia para adoptar?

As adopcións fanse a través da administración. É a Xunta quen xestiona o proceso e quen lle concede ás  familias interesadas o certificado de idoneidade, necesario para entrar na lista de adopcións nacionais, na vía  ordinaria ou neste programa. Dependendo do ofrecemento das familias, o tempo de espera varía moito.

Cal é o labor de Meniños neste proceso?

Se as familias cumpren os requisitos dunha adopción especial teñen unha xuntanza con nós, xa que  procuramos que nenos e familias encaixen. Non se forzan os acoplamentos, precisamente para evitar o dobre abandono. E cando entran no programa, Meniños fai un acompañamento durante dous anos, asesorando e apoiando a familia, ofrecendo ferramentas para saber como tratar as mochilas que adoitan traer consigo os  nenos.

Comentarios