Sobre rodas ata Guitiriz

O cámping El Mesón reabriu este verán logo de que o pasado decidiran permanecer pechados por mor da situación sanitaria
imgData
photo_camera A familia que rexenta o cámping El Mesón, Roberto, Carmen e Yolanda. T. FORJA

No ano 1987 abriu as súas portas o cámping El Mesón, ao fronte estaban José Arias García e Carmen Porto Tomé, para logo deixarlle paso aos seus fillos Roberto e Yolanda. Dende a apertura, milleiros de viaxeiros fixeronunha parada no camiño coa súa caravana ou tenda de campaña en El Mesón en Guitiriz, un dos poucos cámpings que hai na zona e o único da Terra Chá.

O cámping El Mesón foi e é un negocio familiar que pasou dunha xeración a outra e que abre as súas portas a inicios do verán para acoller a viaxeiros nacionais e estranxeiros.

O ano pasado optaron por permanecer pechados xa que a situación sanitaria non presentaba un panorama moi alentador. Este ano, tras valoralo moito, decidiron abrir. "Abrimos o 18 de xuño, pero non estamos recibindo tanta xente coma outros anos, as espectativas non son moi altas", sinalan dende o negocio.

As expectativas para este verán non son tan altas como nos anteriores ao covid, onde  alcanzaron o milleiro de viaxeiros

Noutros veráns pasaban polo cámping entre 800 e 900 persoas e no mellor ano chegaron ata o milleiro. "Este verán agardamos, polo menos, cubrir gastos", comenta unha das encargadas. Dende o sector comparten esta mesma visión, "falamos con compañeiros da Mariña e a súa situación é semellante á nosa".

"Estamos seguros de que repetirán os de sempre, hai un matrimonio de Ferrol que veñen todos os anos a pasar o verán aquí, o ano pasado cando decidimos non abrir levaron un disgusto", comentan dende o cámping, que sempre se orientou a ser un espazo moi familiar e onde se xeran moitas amizades cos clientes.

Ademais, a pesar de non ter unha programación específica para nenos, os responsables "sempre acabamos facendo actividades cos pequenos, como xogos, ou ensinámoslles pequenas cousas do rural que a eles lles son alleas e sempre lles acaban encantando", o que é outro atractivo do cámping.

"Outros dos nosos puntos fortes é a localización, xa que nos atopamos nun lugar moi céntrico e con moi boas comunicacións", din. Isto anima, segundo comentanos responsables, a que moitos campistas teñan El Mesón como base dende a que se desprazar a outros puntos de Galicia.

Na Terra Chá non hai máis cámpings destas características, pero si áreas de aparcamento de caravanas no propio Guitiriz e en Vilalba, Meira, Castro de Rei, As Pontes, Cospeito e Muras. "Esta é unha alternativa moi atractiva para viaxar nun verán que segue sendo atípico pola pandemia", afirman dende El Mesón e animan a explorar esta opción para estas vacacións.

Comentarios