Roca acolle o sexto Festival de Cine de Música

O actor Xosé Barato pregoará o certame, no que compiten tres curtametraxes galegas e seis internacionais
Xosé Barato, en Vilalba. Fotos: MARÍA ROCA
photo_camera Xosé Barato, en Vilalba. MARÍA ROCA

Este venres 26 arrinca a sexta edición do Festival de Cine de Roca que se centra, coma sempre, no cinema musical. O pregoeiro deste ano será o actor de raíces guitiricenses Xosé Barato, quen participou na curta de  A Chave de Bascuas, obra gañadora da cuarta edición deste certame.

Tralo pregón, fixado para ás 21.30 horas, proxectaranse as pezas Zaniki, de Gabriel Velázquez, que aborda o universo do folclorista Eusebio Mayalde, e 20 anos de Bravío 1994-2014, de Anna Diz, que, a través de testemuñas, relata o movemento bravú.

Xa o sábado 27, a partir das 21.00 horas, celebrarase o certame de curtametraxes que se desenvolve en dúas categorías, a de procedencia galega e a internacional. O público exercerá como xurado e os gañadores levarán 100 euros e un trofeo obra do artesán chairego Marcos Ladra. As 00.00 coñeceránse as gañadoras.

Dentro da categoría de curtas galegas, participarán tres producións. Hora Silenciosa, de Noelia Muiño, aborda a vida das monxas benedictinas dun mosteiro de Santiago; O número 100, realizado por Pablo Lomba, un documental da actuación de María J. Pérez no Perosinho Cultural do 2018; e Guapo, de Miguel Grandío, no que unha rapaza chamada Lola axuda a un mozo a ligar a través da música. 

Nas curtas internacionais participan Tomás A. Wilhelm con Belca, cuxo protagonista emprega a música para fuxir dos problemas familiares; Sien, Garganta y Corazón, de Marta de los Reyes Márquez, que relata o camiño dunha cantaora onubense, ou Blue Moon, obra de Dossogne Charlotte, que aborda a última noite do trompetista Chet Baker en Amsterdam. 

En Armonías para después de la guerra, Migue Roth e Pablo Tosco falan da campaña do músico kurdo Gani Mirzo para lograr axudar aos afectados pola guerra de Siria; YayoFlautas, de Jesús Martínez, presenta a música como o último recurso; e Le Dernier Colon de Haute-Volta, de Nicolás Bellaiche, viaxa a Burkina Faso.

Comentarios