Lunes. 10.12.2018 |
El tiempo
Lunes. 10.12.2018
El tiempo

Roberto Ferreiro: "A trata sexual é unha das expresións de violencia de xénero máis atroces"

Roberto Ferreiro. EP
Roberto Ferreiro. EP

O pontés leva 13 anos traballando como pedagogo no centro de día Oblatas O Mencer de Ferrol, referente en Ferrolterra e Eume atendendo a mulleres que exercen a prostitución ou vítimas de trata. 

O pontés Roberto Ferreiro leva 13 anos traballando no centro de día Oblatas O Mencer de Ferrol, unha institución que é un referente na atención a mulleres que exercen a prostitución ou son vítimas de trata e violencia de xénero nas comarcas de Ferrolterra e Eume.

Cando asumiu a dirección do centro?
Foi algo progresivo. Podería dicirse a modo de proceso de aprendizaxe. Comezou xa hai tres anos, cando compartín a responsabilidade cunha das relixiosas, e ata este último ano, no que se optou por que recaese en min esa responsabilidade.

Cales son as súas funcións?
Como director, as principais funcións son as de coordinación dos diferentes recursos, tanto humanos como materiais, así como o deseño, avaliación e actualización da programación. E tamén todas aquelas tarefas de representación da entidade.

Que especialistas e profesionais conforman o grupo de traballo?
O equipo está conformado por tres relixiosas oblatas educadoras, unha traballadora social, unha avogada, unha psicóloga, unha administrativa e un pedagogo. Contando co inestimable esforzo de oito voluntarios, entre os que hai tres mestras, un exeñeiro industrial, unha monitora de lecer, dúas enfermeiras e unha doutora.

O Mencer está especializado nas mulleres que exercen a prostitución ou son vítimas de trata. Que atención se lles dispensa?
Tratamos de que sexa unha atención integral e individualizada, adaptada ás súas demandas e necesidades. Dende a pedagoxía oblata falamos de desenvolver un acompañamento no que a propia muller debe ser a protagonista do seu proceso, polo que toda intervención irá en función do momento vital no que se atope e do que nos vaia demandando. Así, este acompañamento proponse dende os ámbitos da saúde, social, xurídico, formativo e laboral.

Abranguen a zona de Ferrolterra e Eume. Son o único centro destas características na contorna?
Si. Neste sentido sinalar que xa dende o 2008, cando nace a Rede Galega contra a Trata Sexual, asentidades que a conformamos organizámonos para poder cubrir todo o territorio galego sen chegar a duplicar intervencións. Cales son os municipios máis afectados por esta problemática? Non se pode dicir exactamente un, xa que é unha realidade moi flutuante en función de variables como poden ser os cartos que se movan nese intre na comarca. Pero o que si está claro é que fundamentalmente dáse nas ‘cabezas’ de comarca.

Que actividades desenvolven coas mulleres?
Á marxe do programa de rúa, ou da prevención do VIH, no propio centro desenvolvemos actividades formativas, tanto a nivel persoal como de cara a acadar unha inserción laboral. Paralelamente, en todo momento teñen á súa disposición os servizos xurídicos, sociais e psicolóxicos para intervir en todas aquelas situacións que poden obstaculizar os seus procesos persoais.

Que obxectivos se marcan?
Como calquera centro de Oblatas, poderiamos resumir en dous os obxectivos. Por un lado, contribuír á mellora da calidade de vida das mulleres en situación de prostitución, explotación ou trata, favorecendo os procesos de autonomía persoal e de inserción socio-laboral. E, por outro, sensibilizar á cidadanía e fomentar a intervención comunitaria sobre a realidade da prostitución.

Cal é o perfil das usuarias?
Se ben é certo que varía tódolos anos, podemos falar de muller inmigrante, entre 25 e 35 anos, con fillos, formación moi básica no seu país de orixe pero non homologada no noso, e con nula ou escasa experiencia laboral.

E a súa procedencia?
Principalmente de países latinoamericanos. República Dominicana, Brasil, Venezuela... Pero no pasado ano chegamos a facer intervencións con mulleres de 26 nacionalidades distintas.

Tamén atenden a vítimas de violencia de xénero?
A trata sexual é unha das expresións de violencia de xénero máis atroces. Pero ademais, dende a coordinación cos diferentes servizos sociais dos concellos das nosas comarcas de intervención, tamén nos derivan casos doutro tipo de violencia de xénero. E durante este ano, en coordinación coa Secretaría Xeral de Igualdade, desenvolvemos o proxecto europeo Draw the Line, que ten por obxectivo formar mulleres inmigrantes para a identificación e prevención da violencia e o acoso.

É necesario sensibilizar á sociedade sobre estas realidades?
Dende logo. A meirande parte entende esta realidade como algo moi alleo e afastado, que pasa noutros países. Hai que facer fincapé na educación e na sensibilización cara aos homes, xa que somos nós os que xeramos a demanda do segundo negocio ilícito que máis cartos xera a nivel mundial, perpetuando este xeito de escratitude moderna.

E sobre a violencia de xénero?
Ten que ir en paralelo, pero dende o punto de vista da nosa intervención é necesario facer un esforzo para que a sociedade visibilice a trata sexual como unha representación da violencia de xénero ou machista.
 

"Se non fose pedagogo gustaríame ter un hostal para mochileiros nalgunha praia"
A congregación das Oblatas está presente en varios países. Onde tivo ocasión de traballar?
Participei en proxectos en México City e Ciudad Juárez, en México; en Tecún Umán, en Guatemala, e en Belo Horizonte, en Brasil. Ademais, fixen intervencións en Ascoli e San Benedetto del Tronto, en Italia, e en Lisboa. Se non fose pedagogo sería... Gustaríame ter un hostal para mochileiros nalgunha praia.

Gústalle a música. Cal é o seu grupo preferido?
Cannibal Corpse.

E unha canción?
Buf, moitas. Agora mesmo estou escoitando moito We are gore de Haemorraghe.

Foi integrante do grupo folk Muxarega. Hai opción de que haxa un reencontro?
Si, iso sempre está aí presente. E agardo que máis cedo que tarde.

Un concerto que fose especial?
Como músico, un concerto de Muxarega en Cantabria, porque foi o último de Andrés Penabad co grupo. E como espectador, en 2016 en Trutnov, que foi a primeira vez que fun ao Obscene Extreme Festival. Foi espectacular!

Ademais da música, que outras afeccións ten no seu tempo libre?
Ir ao ximnasio, o surf e todo o relacionado co deseño gráfico.

Un recuncho das Pontes que lle guste especialmente?
La Cueva.

Roberto Ferreiro: "A trata sexual é unha das expresións de...
Comentarios