R. Fernández: "Tivemos o maior respaldo da provincia porque facemos política dende abaixo, coa xente"

Ten 34 anos e leva catro como alcalde de Ribeira de Piquín, pero nestas eleccións converteuse no candidato máis votado da provincia de Lugo cun apoio do 85,58% dos votos

Roberto Fernández. AEP
photo_camera Roberto Fernández. AEP

Algo afónico, o luns pola tarde Roberto Fernández devolvía a chamada para valorar os resultados electorais. Este mércores facíao dende Suíza. "Xa tiña as vacacións previstas fose ben ou mal", di entre risas, para analizar con máis perspectiva unhas eleccións que o sitúan como o candidato lucense máis votado. Cunha experiencia de catro anos no goberno de Ribeira de Piquín, gañou a confianza dos seus veciños e, pese á súa idade — é un dos rexedores máis novos con 34 anos—, foi elixido con maioría absolutísima nun municipio de 543 habitantes, onde case a metade ten máis de 65 anos. 

Como leva o de ser o candidato máis votado de Lugo? 
Estou moi contento. O sentimento é de satisfacción e de agradecemento. Nun concello sempre gobernado polo PP ata as eleccións pasadas —as de 2015, nas que o PSOE entrou no goberno— e cunha idade media elevada que pode facer máis difícil chegar a conectar ou apostar por cambios aínda sorprende máis. Pero non é un traballo só meu. Hai moito que agradecer á xente que me acompaña, que tamén traballaron moito, e a outros, que a través de asociacións ou doutra forma nos apoiaron. 

Co paso dos días aumenta a sorpresa ou o agradecemento? 
O que estou pensando cando pasan os días é que un resultado así esíxeche máis responsabilidade e un maior compromiso para estes catro anos, máis aínda que nos anteriores. Pero teño unha confianza total no equipo. 

A que cre que se debe o éxito? 
A un traballo intenso e completo durante estes catro anos, non especificamente na campaña porque tampouco fixemos algo excepcional. E tratamos de facer un traballo con humildade, cercano e igualitario que deu os seus froitos estando á altura da xente e buscando solucións aos seus problemas. Creo que a clave é esa política feita dende abaixo. E é moi gratificante que a xente te apoie e avale a túa forma de traballar. Estamos moi contentos e moi ilusionados os seis. 

Volve ser exactamente o mesmo equipo que en 2015. 
Presentámonos as mesmas dez persoas que nos presentamos hai catro anos. Pensamos que se funcionou ben, non había que cambialo. 

Nestas eleccións conseguiron 368 votos que lles deron seis dos sete escaños do concello, cun apoio do 85,58%. Esperaban algo así? 
Viñamos dunha maioría moito máis xusta, de ter catro fronte a tres o PP. Traballamos un montón, e para todos por igual, e tiñamos a idea de que podiamos subir, a xente dicíanolo, pero tanto non o esperabamos, foi unha sorpresa. E estivemos a punto de tocar a campá, non o fixemos polos pelos. 

Tiñamos a idea de que podiamos subir, pero non tanto. Estivemos a punto de tocar a campá e conseguir os sete escanos

Para conseguir os sete? Segundo os datos do ministerio ao PSOE faltáronlle só 52 votos para facer pleno. 
Quedámonos a oito en realidade. Se o PP saca 52 votos e non 60 xa teriamos nós o 100% dos escaños. 

Será o reto para as próximas? 
(Ri). Sempre é o obxectivo, ter o mellor resultado posible. Pero esperemos que o traballo sexa igual de completo que estes catro anos e que a xente da Ribeira o califique igual. Foi algo no que incidimos moito na campaña, que executamos os proxectos do programa electoral ao 100% e incluso fixemos máis porque é un programa aberto. É a nosa forma de entendelo. 

Puxeron en marcha o centro de día, duplicaron a atención domiciliaria no SAF ou realizaron melloras no abastecemento de auga. Cal é o reto nos próximos catro anos? 
A idea é continuar con esta liña de traballo, facer a xente partícipe e seguir con proxectos iniciados e outros novos. O noso obxectivo é desenvolver algún proxecto de tipo produtivo para fixar poboación, unha iniciativa en colaboración con empresas para crear algún tipo de cooperativa ou actividade hortofructícola. É unhas das primeiras cousas nas que empezaremos a traballar. 

Despois destes días de merecidas vacacións? 
A partir do martes.

Comentarios