A CHAIRA, 15 ANOS: RIBEIRA DE PIQUÍN

Un río de vida nun paraíso natural a coñecer

O municipio aposta por novos recursos para tentar reverter a perda de poboación e a desaparición de servizos que iso conleva
2012 ▶ Unha rubia galega de Pena de Cabras trouxo catro xatos. AEP
photo_camera 2012 ▶ Unha rubia galega de Pena de Cabras trouxo catro xatos. AEP
Veciñanza
O municipio pasou de ter 771 habitantes en 2006 a 513 en 2020, o que converte no segundo de Lugo con menos poboación. A media de idade é de 59,08 anos.
Onde están os marcos?
Conta con 72,99 quilómetros cadrados, divididos en cinco parroquias: Santiago de Acevo, Os Vaos, Navallos, San Xurxo de Piquín e Santalla. O que é un dos municipios máis novos de Lugo —constituíuse oficialmente o 6 de maio de 1935— limita con Meira, do que antes da segregación formaban parte varias das parroquias, A Pontenova, A Fonsagrada, Baleira e Pol.
Quen manda aquí?
En 15 anos, xiráronse por completo as tornas. Se en 2006 gobernaba o PP de Sabino Díaz cunha maioría de seis a un fronte ao PSOE, hoxe ocorre xusto o contrario.Dende 2019 é o socialista Roberto Fernández Rico o que dispón desa ampla maioría, logo de acadar por primeira vez o bastón de mando en 2015 cun axustado catro a tres. Nestes comicios tamén se presentara unha lista independente, Uver, que ocupaba o oco deixado polo BNG. Os apoios duns e outros nunca lles chegaron para acadar representación nestes últimos comicios.
Para botar un pé
A cita por excelencia de Ribeira de Piquín é a Festa da Troita, aínda que tamén hai varias patronais, algunhas delas recuperadas hai só uns anos. E en xullo estrearase a Baixada de Carrilanas.

O mesmo río Eo que cruza de sur a norte as terras de Ribeira de Piquín, enchendo de vida este paraíso natural onde os veciños se identifican uns a outros polo nome e o alcume da casa, foi tamén o desencadeante en 2010 das principais mobilizacións dos últimos anos, en contra da posible construción dunha central hidroeléctrica aproveitando unha licenza de 1922.

Superada esa crise —e a tristura do peche da piscifactoría e da morte de milleiros de troitas en 2013 pola cicloxénese Gong—, queda todo o bo que rodea ao Eo e ao seu afluente, o Rodil. Como os centos de pescadores que acoden cada tempada, atraídos pola riqueza dos coutos de Vilarmide e de Ribeira de Piquín, que suman case unha vintena de quilómetros nos que se pode practicar a pesca sen morte, coller unhas boas troitas ou ata, quen sabe, un ‘campanu’ ribeirego nas inmediacións da Pasarela da Volta de Teixeira. 

Tamén son cada vez máis os camiñantes que descobren as tres rutas creadas dende 2017 —Río Eo-Pena de Millares, Chao-Muíño de García e Pena dos Portelos— que ofrecen máis de 20 quilómetros de posibilidades, sempre coa auga presente, coma no Chao do Pousadoiro, onde se acondicionaron o caneiro e a área recreativa.

E se algo caracteriza á Ribeira de Piquín é o contraste entre montes e vales, as subidas e baixadas constantes, en contraposición coas veciñas planicies chairegas. E aí atopan o seu paraíso os ciclistas dispostos a retarse a si mesmos subindo A Barraca, uns 4.000 metros ao 13%, cunha pendente inicial do 16,5% no que disque é o quilómetro máis duro de Galicia, como puideron comprobar os participantes nas tres edicións do Desafío Ribeira de Piquín. E tamén os admiradores das vistas que quitan o alento, con miradoiros coma o de Barangón, habilitado en 2018 e que non ten nada que envexar a algúns famosos bancos.

E quizais, se se escoita ben, no vento cheguen reminiscencias do son das moitas gaitas que deixa fabricadas o patriarca Xosé Manuel Seivane. A música non faltou en 2008, cando se lle rendía unha sentida homenaxe, nin nos albores de 2012, cando tocou a emotiva despedida, ou un ano despois, no cabodano do pasamento. Na súa memoria, e na do obradoiro que liderou por décadas, no Chao colocouse un busto del. E Seivane e a súa gaita, coma as misteriosas caveiras da igrexa dos Vaos, cuxa confraría supera os tres séculos, son hoxe testemuñas mudas dos avances e das perdas do concello.

A baixa natalidade —só nacía un bebé en 2019, 18 dende 2006— conlevou o peche do colexio, que vén de reabrir como centro de día, un servizo demandado, pois máis do 44% dos veciños son maiores de 65 anos. Moitos anos antes xa pecharan as unitarias, rehabilitadas hoxe como locais sociais, unha iniciativa máis nesa loita de xigantes contra o despoboamento.

A mellora das traídas de agua, coa instalación dun moderno sistema de monitorización nos depósitos, un inventario de camiños, a inclusión do municipio nun banco de casas, fincas e negocios impulsado polo GDR Montes e Vales Orientais, a creación da fundación TerrEo para recuperar infraestruturas en desuso e para xerar emprego ou un puxante sector forestal buscan contribuír a que a xente non marche e tamén a que alguén máis se asente. E nesa loita, este ano deixa un agasallo. Un caixeiro automático, froito dun convenio entre a Xunta e a Fegamp para a súa dotación en municipios sen banco. Unha boa nova, aínda que quizais non tería que selo en pleno século XXI se realmente se quere apostar por un rural vivo.

Protagonista
imgDataRoberto Vidal. En todas as localidades hai lugares de culto, e en Ribeira de Piquín ese é Casa Horacio, un histórico e popular negocio que combina bar, restaurante, hostal e ultramarinos, ademais de expedir licencias de pesca, ser punto de venda de lotarías ou exercer de oficina de información. E tamén ten o seu oquiño especial na historia da Chaira, pois O Chao do Pousadoiro foi o barrio inaugural do Somos de Aquí, un regalo de Reis do ano 2015.

Comentarios