Ribeira de Piquín recupera a súa memoria peza a peza

Un proxecto impulsado polo Concello salvagarda 250 elementos do patrimonio inmaterial ribeirego grazas á colaboración dos veciños
Ribeira de Piquín
photo_camera Nas vodas de Ribeira de Piquín os recén casados tiñan que pasar por debaixo dun arco que as mozas facían con teixo e flores, o Entroido era moi animado (nunha das fotos, celebración en Santalla) e a música de Seivane soaba en cada ruada (na imaxe, primeiro grupo do gaiteiro antes de Airiños da Ribeira). RICO / SEIVANE

'Manxurriña, pé de galiña/comiche pan e ceboliña/Ves o gato no unto?/ zápete a punto!'. Con estas verbas arrolábanse hai anos no berce os cativos de Ribeira de Piquín, unhas verbas que xa forman parte da riqueza inmaterial da zona. Cantigas, lendas, refráns, contos, xogos... son as pezas que dan vida ao valioso patrimonio cultural do municipio e que agora o Concello quere recompilar para que non caian no esquecemento. "É unha iniciativa moi completa e importante para o municipio", salienta o rexedor, Roberto Fernández.

"Se fixésemos este traballo dentro de 20 anos o resultado sería moito menor porque a tradición oral se non se salvagarda acaba morrendo", engade Jesús Castro, técnico de Xelda Eido Rural, a empresa encargada do proxecto. Castro responsabilizouse de ir casa por casa recollendo os saberes dos veciños para montar peza a peza o crebacabezas da memoria colectiva do concello.

"Trátase de poñer en valor todo o patrimonio, gardalo e difundilo para preservar a riqueza natural, cultural e humana da contorna", di o experto, quen precisa que nunha zona coa poboación envellecida e sen case relevo xeracional este patrimonio estaría abocado a desaparecer. "Un dos obxectivos era facerlle chegar á xente a importancia desta iniciativa. Moitos veciños pensaban que eran detalles sen utilidade no día a día pero déronse conta de que no seu conxunto conformaban a súa identidade, vital para poder ter un futuro", argumenta o técnico.

Tras entrevistarse con medio cento de persoas, percorrer todas as parroquias e gravar máis de 40 horas de entrevistas, chegáronse a inventariar 250 elementos.

Así, por exemplo, descubriuse que en Ribeira de Piquín había unha tradición de Entroido con dúas máscaras propias: o farileiro ou aparicio, que levaba unhas chocas colgadas á cintura e unha vara cun saco de cinza para darlle á xente, e o pescantín ou pescante, personaxe que ía detrás dos veciños dándolles cun trapo mollado ou cunha ave morta.

Saíu á luz un documental gravado en Cuíñas en 1985 sobre a festa da malla, recolléronse trabalinguas, xogos populares e ata a receita do cantelo, un doce típico das vodas. Neste caso "pódese dicir que xa houbo un efecto inmediato de recuperación do patrimonio", resalta Castro, pois a pastelería meirega A Casa do Muiñeiro comezou a elaboralo de novo.

DIFUSIÓN EN FACEBOOK. Para axudar a difundir todo o traballo de recompilación creouse ademais a páxina de Facebook Patrimonio Cultural de Ribeira de Piquín, coa finalidade de chegar a todas as xeracións. Agora, os primeiros pasos para reconstruír a memoria colectiva de Ribeira de Piquín xa están dados, e desde o Concello e Xelda Eido Rural animan a colaborar para seguir poñendo pezas no crebacabezas da tradición.

As currizas ou o saboroso cantelo 
A riqueza inmaterial de Ribeira de Piquín é inmensa. No traballo de recompilación descubríronse elementos como as currizas: cercos de pedras onde se almacenaban as castañas dos ourizos que aínda non abriran para que madurasen alí e se conservasen nos meses da invernía. Atopáronse varias nos núcleos de Portelos e de Lamas. 

O famoso roscón 
Tamén tiña moita tradición na zona elaborar o cantelo, que era un doce típico das vodas. Facíase cunha masa similar á do pan ou das roscas, elaborábase os días previos á cerimonia e repartíase o propio día do casamento entre veciños e familiares.Segundo a tradición, as mozas andaban na procura da rosca porque dicían que as que a comían terían boa sorte para casar pronto. Na recollida, algúns veciños tamén aseguraron que as rapazas o gardaban no peito ou na faldriqueira para ter boa fortuna.

Comentarios