Ribeira de Piquín, cara ao desemprego cero

Con pouco máis de 500 veciños, o goberno local trata de municipalizar tódolos servizos e a administración, que suma 19 traballadores, contratará a tres máis este ano
Cadro de persoal de Ribeira de Piquín. EP
photo_camera Cadro de persoal de Ribeira de Piquín. EP

O desemprego cero é o reto de moitos concellos, pero hai algúns que se aproximan máis que outros. O concello de Ribiera de Piquín, que apenas supera os 500 habitantes —hai censados 515 segundo os últimos datos do censo— conta actualmente con 14 demandantes de emprego (7,31%), pero "seis reais" (3,13%), segundo os datos que manexa a orientadora laboral, Mónica Lamas, que indica que o resto "non están realizando busca activa de emprego por diferentes motivos como problemas crónicos de saúde, prexubilación, oposicións..., pero están inscritos no Servizo Público de Emprego por obriga para a percepción de subsidios e outras prestacións". A cifra de persoas en situación de desemprego era de 21 persoas (10,96%) en 2018 e 19 en 2019 (9,91%). 

Nun concello pequeno como Ribeira de Piquín —o segundo con menos poboación da provincia de Lugo tras Negueira de Muñiz— e con apenas empresas (varias explotacións gandeiras, dúas firmas forestais, dúas de enerxías renovables e dúas de maquinaria de construcción, unha tenda bar, restaurante e pensión, unha tenda bar e estanco, un hotel, uns apartamentos turísiticos, unha panadería, unha farmacia, unha empresa de electricidade, unha funeraria, unha firma de limpeza e unha comercial de material e ferretería) a administración local estase a converter nunha das maiores fontes de emprego

"O Concello ten como un dos principais obxectivos contribuír ao fomento de emprego, contratando persoal, ben con fondos propios ou coas subvencións que tanto a Xunta como a Deputación convocan", indican dende o servizo de orientación laboral, e destacan a aposta do goberno local «por municipalizar todos os servizos necesarios, para depender o mínimo da contratación externa». 

O persoal municipal encárgase así do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou do centro de día, pero tamén doutros servizos. Hai dous anos contratouse a un fontaneiro para encargarse de tódalas tarefas de mantemento e reparación nas instalacións públicas para non depender dunha empresa. E o mesmo se fixo hai un ano cun electricista ou os peóns forestais, 

Actualmente a administración local conta cun cadro de persoal formado por 19 persoas: unha administrativa, unha traballadora social, unha axente de emprego e desenvolvemento local e unha orientadora laboral (compartidas ambas con Riotorto e Meira dende 2015 e 2019, respectivamente), un secretario-interventor acumulado, cinco auxiliares de axuda a domicilio, tres auxiliares do centro de día, tres peóns forestais, un fontaneiro, un electricista e un operario de servizos múltiples. 

En decembro iniciou un proceso selectivo para a contratación dun albanel, un tractorista e outro peón forestal, que empezarán a prestar os seus servizos a comezos de este 2021.

Ademais, o Concello de Ribeira de Piquín é o promotor do obradoiro de emprego O Castro VI, que solicitou xunto coa Pastoriza, Castroverde, Pol e Riotorto, que acaba de arrancar cunha administrativa, un director, dous monitores e vinte alumnos.

"Un municipio pequeno é diferente, se non tes emprego aquí é máis difícil, por iso o Concello intenta crear postos de traballo", indica a orientadora laboral. 

EN CIFRAS. Dende o inicio do servizo en 2019, 24 persoas empadronadas en Ribeira de Piquín e inscritas como demandantes de emprego foron atendidas en máis de 75 citas. Delas, oito teñen ou tiveron abertos itinerarios personalizados de inserción (catro de Garantía Xuvenil), once teñen un contrato de traballo por conta allea e unha puxo en marcha unha ganadería como negocio propio. 

En 2020 tramitáronse once altas na Seguridade Social, cinco para a brigada contraincendios, un carpinteiro, catro peóns forestais e unha auxiliar do SAF. 

Comentarios