ESPECIAL A CHAIRA

Ribeira de Piquín, aproveitar os recursos propios

O Concello de Ribeira de Piquín creou a fundación TerrEo para recuperar infraestruturas agroecolóxicas en desuso. Un polígono agroforestal ou a recría de porco celta son algúns dos proxectos en marcha.

Vista xeral de Montefurado, na parroquia de Navallos, onde se poñerá en marcha un polígono agroecolóxico centrado na produción de kiwi . EP
photo_camera Vista xeral de Montefurado, na parroquia de Navallos, onde se poñerá en marcha un polígono agroecolóxico centrado na produción de kiwi . EP

Co obxectivo de aproveitar ao máximo os recursos propios, recuperar infraestruturas agroecolóxicas en desuso e crear emprego en Ribeira de Piquín, naceu este mesmo ano a fundación TerrEo, unha entidade pioneira e novidosa fundada polo propio Concello.

Trátase dunha unha organización de natureza fundacional, de interese galego e sen ánimo de lucro cuxos obxectivos son a posta en valor e o aproveitamento do patrimonio, co fin de fomentar o desenvolvemento rural e de impulsar a economía social e local e a creación de emprego.

"Estamos moi orgullosos desta entidade que naceu coa finalidade de canalizar distintos tipos de proxectos para aproveitar terreos ou infraestruturas abandonadas no municipio e que nalgún tempo funcionaron", explicou o rexedor de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, quen preside o patronato xunto a outros concelleiros da corporación local.

A fundación conta cun orzamento para o ano 2022 de 30.000 euros que servirá para poñer en marcha diversos proxectos que xa están arrancando. O primeiro deles será un polígono agroecolóxico que se centrará na produción de kiwi e outros cultivos. Abarcará unha extensión dunhas 17 hectáreas distribuídas en 300 parcelas en Montefurado, na parroquia de Navallos.

"Agora mesmo estamos revisando as titularidades das fincas e facendo todo o traballo administrativo e xa presentamos unha solicitude ao Grupo de Desenvolvemento Rural para a plantación de dúas hectáreas de kiwi que terán que estar listas antes do mes de outubro deste ano 2022", precisou o rexedor. Cando se leve a cabo, converterase nun dos primeiros polígonos agroforestais de iniciativa privada promovidos no marco da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia.

Por outra banda, o Concello de Ribeira de Piquín e o asturiano de Vegadeo serán as sedes dun proxecto pioneiro que pretende contribuír á recuperación da raza celta porcina, concretamente o porco celta e o asturcelta. O proxecto, que nace a través do grupo operativo Forescelta, está liderado pola asociación para o desenvolvemento do territorio interrexional InterEo, que inclúe concellos que forman parte da Reserva da Biosfera Eo, Oscos, Terras do Burón. Para a recuperación en extensivo do gando porcino de raza celta habilitarase unha zona en Vegadeo e outra en Ribeira de Piquín.

Neste caso serán concretamente unhas dez hectáreas no Monte de Mestre. "É un proxecto de máis de medio millón de euros que se vai executar nos próximos meses e desde o Concello temos previsto que a transformación deses máis de medio cento de animais se canalice tamén a través da fundación TerrEo", di Fernández Rico.

En terceiro lugar, o goberno local quere fomentar a acuicultura no municipio, poñendo en valor a antiga piscifactoría de Santalla a través da fundación TerrEo co obxectivo de implantar unha planta de transformación acuícola. "Somos un concello pequeno, cunha media de idade alta e unha gran taxa de abandono dos terreos, pero somos unha zona moi produtiva. Por iso temos ánimo en que saian adiante todos estes proxectos e senten un precedente para que vaian xurdindo máis. Queremos que esta iniciativa sexa exponencial e cree emprego no municipio", conclúe o alcalde.

A venda dos produtos online
Habilitarase ademais unha web de venda online para comercializar todos os produtos que se obteñan do polígono agroecolóxico, da acuicultura ou do porco celta. «Comercializaranse a través dun único nome, TerrEo, que representará a Ribeira de Piquín», dixo o alcalde, Roberto Fernández.
Por outra banda o Concello rehabilitou ademais varias escolas unitarias con vivendas na planta alta que se poñerán a disposición da fundación para os traballadores dos distintos proxectos.

Comentarios