Rey de Miñotelo ten por segundo ano consecutivo a mellor vaca de Galicia

Rey 814 Beemer Yuri revalidou este sábado na Moexmu o título que acadou en Lalín en 2021
photo_camera A vaca Gran Campioa de Galicia, elixida en Moexmu, recaeu na gandería Rey de Miñotelo. S. IGLESIA

Por segundo ano consecutivo, na gandaría Rey de Miñotelo da Pastoriza volve estar a vaca elixida como gran campioa de Galicia, que non é outra que Rey 814 Beemer Yuri, exemplar que este sábado revalidou en Muimenta o título xa acadado en Lalín en 2021. E o seu orgulloso propietario, Alberto Iglesia Vila, só podía mostrar a súa satisfacción por "gañar na casa, na Moexmu, a onde empecei a vir hai 18 anos". "Son moitos premios xa", dicía emocionado pouco despois de levar os aplausos do público presente.

O xuíz luso Henrique Moniz destacou do animal –enfrontábase ás dúas mellores vacas novas, á segunda mellor intermedia e ás dúas mellores adultas– as súas boas patas, a equilibrada ubre e a excelente morfoloxía, aínda que a elección, recoñecía, non foi fácil polo elevado nivel que demostraron no XXX Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2022 as 16 ganderías participantes de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

Alberto Iglesia, Manuel Sandamil e Henrique Moniz coa vaca gran campioa de Galicia. S. IGLESIA
Alberto Iglesia, Manuel Sandamil e Henrique Moniz coa vaca gran campioa de Galicia. S. IGLESIA

O máximo galardón non foi o único que levou Rey de Miñotelo, xa que volve á casa, á parroquia de Aguarda, co recoñecemento de mellor descendencia de vaca, o de mellor vaca adulta e intermedia, o de campioa e subcampioa de xovencas –a gran campioa galega nesta categoría foi Casa-Nova Shania Moovin 1481, da gandaría Carro de Mesía–, e o título de ser os mellores criadores de xovencas. Pola súa parte, a SAT Gaigo de Meira alzouse co mérito de ser o lugar no que se atopan os mellores criadores de vacas.

Para o competido certame, cuxas 24 seccións se celebraron entre a mañá e a tarde, o pavillón localizado no recinto feiral Manuel Vila ateigouse de espectadores que tamén foron partícipes da entrega por parte do alcalde de Cospeito, Armando Castosa; do coordinador da Moexmu, José Manuel Rus; e do presidente de Fefriga, Manuel Sandamil, dunha praca conmemorativa a Ramiro Fouz polo seu labor no Centro Galego de Control Leiteiro e a súa estreita colaboración coa feira multisectorial.

Numerosos visitantes achegáronse á Moexmu. S. IGLESIA
Numerosos visitantes achegáronse á Moexmu. S. IGLESIA

Uns intres despois arrancaba a vixésimo sexta edición da poxa, que, tal e como apuntaron desde Africor, contou con once exemplares participantes que proviñan de oito explotacións diferentes. O prezo máximo, que chegou aos 3.100 euros, foi para unha vaca de leite de segundo parto da gandaría Midón, de Lalín, detallaron desde o colectivo.

Fóra, o solleiro e frío día deu pé a que o recinto da Moexmu se enchese de veciños e de visitantes, moitos deles interesados en adquirir algún dos equipos de maquinaria expostos e outros desexosos de volver a unha cita festiva coma as de antano, pois na Moexmu tampouco faltaron os postos de polbo e de churrasco, os de churros ou os de pezas de artesanía, agasallos, roupa e alimentación.

Programa
Manexadores e can de palleiro para o último día
Este domingo péchanse as portas da Moexmu co concurso de manexadores e o certame de can de palleiro, entre outras actividades.

9.30h. Apertura do recinto para expositores e gandeiros.
10.00h. Apertura ao público.
11.30h. Concurso de novos manexadores, con tres seccións: menores de nove anos, nenos de entre dez e 15 anos, rapaces de 16 a 20 e de 21 a 25.
12.00h. Apertura do Museo da Zoca e da Escola Vella.
12.30h. Concurso de manexadores adultos.
13.00h. Entrega de premios e sorteo dos dous animais cedidos pola granxa Gayoso Castro entre os participantes do concurso de Fefriga e as ganderías de Africor Lugo.
14.00h. Clausura oficial.
16.30h. Concurso de can de palleiro e actuación da Charanga 555.
21.00h. Peche do recinto feiral.

Comentarios