A revista Croa 27 recolle artigos e as escavacións no castro en 2016

A asociación de amigos, que preside Felipe Arias, programa unha andaina pola Vía Rexia

Dous exemplares da revista Croa. EP
photo_camera Dous exemplares da revista Croa. EP

CASTRO DE REI. O Museo do Castro de Viladonga vén de editar o número 27 da súa revista científica e de divulgación cultural Croa, unha publicación de carácter anual que nesta ocasión recolle varios estudos sobre as escavacións e os traballos de consolidación realizados no castro no ano 2016.

A obra, que se pode consultar na web do museo (viladonga.xunta.gal) ou adquirila no centro (de 10.00 a 19.00 horas) tamén inclúe un resumo das novidades bibliográficas recibidas na biblioteca do museo e colaboracións de temática arqueolóxica, histórica, etnográfica, artística e museográfica.

Entre estas figuran un estudo da producción téxtil na cultura castrexa partindo das fusaiolas de Viladonga, unha presentación dun anel de bronce ou a continuación do proxecto de recuperación oral que fai o museo no contorno.

Tamén se fala das pinturas murais da Sala das Reliquias de Meira, da devoción ao San Adrián na Terra Chá ou da etimoloxía da palabra valuro, entre outros temas.

Asambleas. A asociación de Amigos do Castro de Viladonga celebrou unha asamblea extraordaria, na que se reelixiu a directiva da entidade, formada por Felipe Arias (presidente), Manuel Castro (vicepresidente), Lidia Aurora López (secretaria), María Luisa Fernández (tesoureira) e Manuel Cuba, María Carmen Ruiz (vogais), ademais da directora do museo, Elena Varela (vogal nato).

Tamén se celebrou a asamblea ordinaria, na que se lembrou a Xosé Manuel Carballo, que durante anos presidiu a asociación, da que era presidente de honra. Ademais, propuxéronse actividades.

Comentarios