Retratos da fervenza creativa das aldeas

Esther e Sandra López colaboran en 'Hai presente', unha mostra que recolle 15 fotografías de artistas e artesáns que desenvolven a súa actividade en zonas rurais e pode verse ao longo das vindeiras semanas na Pastoriza
Sandra e Esther López, na casa da cultura da Pastoriza. EP
photo_camera Sandra e Esther López, na casa da cultura da Pastoriza. EP

Unha arte, a fotográfica, para convidar a ver outras, esas ás que lle dan vida a través das súas mans, dos seus corpos, das súas ideas, dos seus obradoiros... creadores en distintos puntos de Galicia. E fano hoxe, agora, mentres ti les estas liñas, cunha aposta non sempre doada nin exenta de dificultades que dá testemuña de que hai "moita presenza de cultura no rural" e de que hai "moita xente conservando a cultura que temos e facéndoo con orgullo dende o rural".

Así o defenden Esther López, de Baralla, e Sandra López, de Láncara, unidas no proxecto Hai presente, unha exposición que casa fotografía e literatura con todo tipo de creatividade e que pode verse estes días no Hábitat Cultural Fogar de Maeloc, a cafetería da casa da cultura da Pastoriza.

                      Algúns dos retratos dos creadores, xunto a unha mostra do seu traballo.
Un dos retratos da exposición 'Hai presente'. C.PÉREZ

"Benvido, visitante, a Hai presente, que nace coma a nosa humilde posta en valor de todos eses artistas da terra que, se ben, non garanten a subsistencia futura da nosa lingua, da nosa música e os nosos bailes, da natureza que inspira as nosas verbas e as nosas ilustracións, si lle amosan ao mundo que aquí hai un legado cultural", recolle o texto de presentación da mostra, escrito por Sandra López, que se sumou ao proxecto pola súa querenza pola escrita e pola amizade que a une dende hai anos e a confianza que ten posta no potencial e no talento da fotógrafa, Esther López.

Nesa viaxe que as levou ás dúas a percorrer eses espazos onde mana esa creatividade cultural que queren transmitir, Esther foi a encargada de retratar aos 15 creadores e ás súas respectivas propostas creativas, dándolle forma a unha exposición que ten vocación de continuidade. Estreábase en Baralla con só sete protagonistas, hoxe xa duplica o número e "a idea é seguir sumando xente".

"É un proxecto que estou gozando moito, como fotógrafa atráenme un montón eses talleres, ver as súas zonas de traballo é espectacular e ademais está resultando moi sinxelo chegar a eles, falar con eles", valora Esther do labor feito ata o momento, xurdido pensando nesa estereotipada idea de que "no rural non se lle dá importancia á cultura", cando só hai que botarlle un ollo ás súas fotos, e ás distintas pezas que complementan a mostra, para ser un pouquichiño máis consciente de "toda a variedade que hai".

Algúns dos retratos dos creadores, xunto a unha mostra do seu traballo.
Retratos dos creadores, xunto a unha mostra do seu traballo. C.PÉREZ

"Son ceramistas, artesáns que fan lámpadas con cabaza, ilustradores, escultores... son campos moi distintos da arte", di Esther sobre esas imaxes de Blas, Mirella, Gaby, Noa, Lolo, Isabel, Lucía, Carmen, Xoán, Ismael, Andrea... que capturou a través do seu obxectivo, nesas localizacións eminente rurais de aquí e de acolá na que cada quen está asentado, aínda que, como apunta Sandra, "a calquera deles probablemente lle sería máis doado atopar traballo nunha capital que no rural".

"Oxalá paseando entre os diferentes retratos destas xentes de distintos puntos de Galicia, e vendo algunha pequena mostra das que vos traemos, sexas capaz de ver a través dos ollos do artista todo aquelo que nutre a súa obra", escribe tamén Sandra na presentación deste proxecto fotográfico que busca recoller "toda a riqueza cultural que converte esa linguaxe universal que non é outra máis que a arte e que toman forma en soños que son danza, debuxos, fotografías, esculturas, teatro, poemas e cantares".

                      Algúns dos retratos dos creadores, xunto a unha mostra do seu traballo.
Imaxe dun dos creadores da exposición, cunha mostra do seu traballo ao carón. C.PÉREZ

Hai presente é a segunda mostra de Esther López logo do éxito de Engurras, unha colección de retratos de persoas maiores do rural que a fixo merecente en 2021 do Premio Extraordinario nas Ensinanzas Artísticas de Artes Plásticas e Deseño en Galicia concedido pola Xunta. Unha e outra denotan o camiño que quere seguir a artista, que se en Engurras usou a súa ferramenta de traballo para renderlle homenaxe a un sector da sociedade clave para a conservación da cultura e da tradición, agora emprégaa para valorar os creadores da riqueza da arte galega.

E como di Sandra López: "Non sabemos o que vai pasar mañá, o que pasará coa música, coa cultura... pode que desapareza todo, pero hai esperanza porque hai presente".

Comentarios