O atraso nas obras do Viveiró pola chuvia obriga a adiar a Feira do Mel de Montaña

A cita, organizada polo Concello de Muras, ía ser os días 18 e 19 ► O PP critica o aprazamento
Última edición de la Feira do Mel de Montaña de Muras. EP
photo_camera Unha edición pasada da Feira do Mel de Montaña de Muras. ARQUIVO

O mal tempo, con intensas chuvias no último mes, impediu o remate nas datas previstas das obras de remodelación que a Deputación de Lugo está a executar na praza do Viveiró, o que obrigou ao goberno local de Muras a adiar a Feira do Mel de Montaña, que ía celebrarse os días 18 e 19 deste mes.

"Faltan tres ou catro días de traballo para rematar as obras de remodelación da praza —ás que o ente provincial destina 400.000 euros—, pero ao estar chovendo seguido non se puideron ter a tempo e non cremos que se poidan rematar para a data que estaba prevista a feira. Pospoñemos por seguridade", explica o rexedor de Muras, Manuel Requeijo. Este non precisou cando se retomará o evento, que acada a súa oitava edición, aínda que si adiantou que podería ser previsiblemente "a primeira semana de decembro".

No programa había dous días de actividades. O sábado, convocávase unha cata de mel de montaña e un relatorio co apicultor e biológo Miguel Vélez, ademais dunha degustación popular de liscos amenizada con música. O día grande da feira ofrecía un obradoiro de cera a cargo da Casa do Mel de Goente, un showcooking con Lucía Freitas, xantar e postos de venda que se montarían na carpa instalada na praza, así coma un obradoiro de cociña para os máis pequenos e, para clausurar a cita, íase celebrar a entrega de premios da cata de meles.

Coas obras que aínda están por rematar, a praza do Viveiró, que se usaba como aparcadoiro, recuperará a función de Campo da Feira e lucirá unha estética renovada, cunha plataforma única, máis accesible, e cun acabado en formigón lavado con bandas de pedra.

O adiamento da Feira do Mel de Montaña xerou as críticas do PP, que consideran a decisión "unha tomadura de pelo aos produtores". "A época de venda do mel é agora, non dentro dun mes ou noutra data", defenden, indicando que no concello "hai outros moitos lugares onde celebrar a feira".

Os populares lamentan a "falta de previsión" e tamén que o goberno local "non apreciase ata o de agora os prexuízos que causan as obras na praza no día a día".

Comentarios