De resiliencia e resistencia

A poetisa guitiricense Luz Campello, nada en Labrada, publicou este mes a súa terceira obra, 'Ben sabe o mar que posúo o botín dos piratas', un poemario "froito das fracturas e das arestas do noso transitar, que non é para nada doado"
Luz Campello. AEP
photo_camera Luz Campello. AEP

A vida sempre dá unha de cal e unha de area, aínda que existe a convicción de que a primeira é sempre a máis habitual, sendo a referida ás cousas malas, ao que fai sufrir ás persoas. Porén, chega outro dito, o que di que a toda cousa mala lle podes sacar a súa parte boa. Moitas veces, de feito, é o conseguir saír desa situación o satisfactorio e o positivo que levas.

Luz Campello tivo en conta todo isto cando xuntou varios dos seus poemas, "algúns escritos cando tiña 20 anos, e o resto dispersos polos días da miña vida", para crear e acabar sacando á luz Ben sabe o mar que posúo o botín dos piratas, unha obra "de longo percorrido", ao tratarse dun poemario que abarca temas moi diversos baixo a mesma premisa, a de "reflexionar sobre a resistencia e a resiliencia", e estar escritos nun espazo longo de tempo.

"Este poemario é froito das fracturas e das arestas do noso transitar, que non é doado", conta, deixando claro así que o libro navega por acontecementos esparexidos no tempo e que fala de cousas que poden acontecer na vida cotiá de calquera persoa.

Aínda que expresa que non son todas experiencias propias e non é cometido do libro reflectilas, Luz Campello admite que experimentou consigo mesma: "Úsome como traballo de campo, así como ás miñas experiencias". Isto dálle ao contido un extra de intimismo e de profundidade presente na totalidade das follas.

Porén, aínda que o sufrimento sexa un dos temas por excelencia dun poemario que penetra nos sentimentos e vai da man con eles, a ollada do mesmo é "alegre e optimista, de afrontar os problemas e saír deles, da vulnerabilidade humana e tamén da fortaleza coa que se afrontan os retos e as dificultades", explica a poetisa guitiricense.

"Serve para os tempos que vivimos, onde hai que mirar adentro e fortalecernos ante unha sociedade esixente e apurada, afondando na ferida e facendo que cicatrice", prosegue sobre o contido e o significado do poemario, o terceiro da súa carreira literaria.

O proceso creativo e a elaboración do mesmo foi unha carreira de fondo onde os diferentes textos foron aparecendo segundo lle ían acontecendo ou se lle ían poñendo diante cousas á autora, o que a motivaba a sentar a escribir.

"Entre a inspiración hai situacións como a miña primeira separación, poblemas diversos relacionados coa saúde ou co mobbing... Foi un proceso de vivir, ver e escoitar moito", relata Luz Campello.

De entre os poemas que compoñen a obra, un deles é o que lle dá nome e o que reflicte "máis o meu eu, da superación da muller, das dificultades...", explica sobre Andrómeda empoderada, en cuxos versos aparecen as verbas ben sabe o mar que posúo o botín dos piratas.

Sobre a evolución que se pode ver neste libro en relación aos dous anteriores, expón: "O primeiro é un libro fresco, de xuventude, por cando o escribín. O segundo é máis do eu muller, da conciencia de xénero, pedagóxico e intencional, e este último, seguindo con iso, adquire a filosofía dos pedrouzos e cantos rodados". Á súa vez tamén adianta que, de cara ao futuro, xa ten "outros dous traballos en camiño, un que xa está acabado e outro a medio facer".

PRESENTACIÓNS. O libro presentarase na Coruña o 16 de decembro, na Fundación Luis Seoane, ás 19.30 horas. Teresa Seara será a encargada de abordar o poemario.

Ademais, ao día seguinte terá lugar na Casa Habanera de Guitiriz outra presentación, organizada por Xermolos e pola Nova Poesía Guitirica, ás 12.30, coa presenza de Marica Campo e Pas Veres.

Comentarios