miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Renovación musical en Vilalba

Integrantes da agrupación BMV Ensemble. M.ROCA
Integrantes da agrupación BMV Ensemble. M.ROCA
A banda de música local creou o grupo BMV Ensemble dentro da formación para adaptarse ás situacións derivadas do covid-19 e poder ofrecer concertos

O famoso dito de ‘renovarse ou morrer’ foi moi socorrido durante toda a pandemia do coronavirus. Foron moitos negocios, entidades e familias que tiveron que adaptarse ás novas circunstancias, e no ámbito da cultura, tan afectado polas restriccións, non foi menos.

Pero os obstáculos ás veces son novas oportunidades e iso foi o que lle pasou á banda de música de Vilalba, que supliu a falta de concertos creando unha proposta que os propios implicados cualifican de "novedosa": outra formación musical dentro da propia agrupación.

E, como quen non quere a cousa, naceu BMV Ensemble, un grupo de música de cámara que nunca foi igual nas súas actuacións, xa que foi medrando e variando a medida que a nova normalidade foi chegando.
"O grupo sae a raíz da situación que vivimos recentemente e que nalgúns meses imposibilitou o feito de facer concertos e actos públicos e, máis adiante, por tema de aforos non poderíamos acudir coa banda ao completo", explica Daniel Veiga Roca, director do BMV Ensemble.

Esta «novedosa» proposta naceu para actuar no Certame Literario do 2020 e foi medrando e variando nos seguintes concertos

O seu debut foi na entrega do premio do Certame Literario de Poesía Concello de Vilalba de 2020, que se viu aprazado de agosto a outubro polo covid-19. "Ao non poder actuar a banda ao completo e seguir adiante o certame, fomos cunha formación reducida, un grupo de clarinetes e algunha frauta", recorda Veiga.

O Certame Literario deste ano, xa dentro do San Ramón, foi a seguinte cita, e a mellora da situación sanitaria permitiu ampliar o número de músicos, incluíndo instrumentos de percusión.

"A raíz desta actuación, desde o Iescha propuxéronnos colaborar na entrega do Premio Agustín Fernández Paz e decidimos ampliar o grupo, chegando aos once músicos", indica Daniel.

A banda vilalbesa celebra o 27 deste mes o seu tradicional concerto de Santa Icía, no que conmemorará o seu 30 aniversario

Explica que o BMV Ensemble "non é unha banda reducida, porque non hai vento metal, é un grupo dentro da banda que se adaptou bastante ben ás circunstancias e que non ten un repertorio propio ou específico, senón que para cada actuación fixemos as adaptacións para a formación que tiñamos nese momento".

A partir de agora, os membros da banda, que superan o medio cento, confían en "poder actuar de novo como asociación e cun calendario o máis aproximado ao de antes da pandemia". E para esa volta á normalidade xa teñen unha data fixada: o 27 de novembro, co tradicional concerto de Santa Icía no que, ademais, conmemorarán o 30 aniversario da banda nun acto con "sorpresas importantes".

Renovación musical en Vilalba