A renovación integral da Rúa da Pravia humanizará a principal arteria de Vilalba

Investimento  Á execución dos traballos destinaranse 850.000 euros, que achegarán o Concello de Vilalba e a Deputación co fin de recuparar espazos para a cidadanía

 

Rúa da Pravia. EP
photo_camera Rúa da Pravia. EP

O Concello de Vilalba acometerá a humanización e renovación integral da Rúa da Pravia, co obxectivo de converter esta arteria principal nun bulevar no que teñan un maior protagonismo os peóns e, tamén, mellorar a deteriorada rede de abastecemento de auga. O orzamento para esta actuación, coa que esta vía quedará de forma definitiva de sentido único, na dirección actual e cunha plataforma única, rolda os 850.000 euros.

Unha parte dos traballos inclúense no plan único da Deputación de Lugo, institución que aporta 500.000 euros. A empresa adxudicataria da obra é Ovisa e o proxecto correu a cabo de Planificación Tec.

Rúa da Pravia. EP
Rúa da Pravia. EP

O obxectivo prioritario do proxecto é reforzar o concepto de humanización da capitalidade chairega e recuperar espazos para a cidadanía, coa Rúa da Pravia cun papel protagonista como a arteria principal que é, segundo indicou a alcaldesa, Elba Veleiro, quen lembrou que se adiantaron decisións por mor do derrube dunha casa".

"Hai que facer unha actuación necesaria para liquidar problemas de canalización de auga, xa que as tubaxes son moi antigas, con materiais insalubres, e hai que repoñelas", comentou Veleiro.

Ademais, farase a separación de augas pluviais e fecais, para mellorar a capacidade da depuradora cando chove moito", engadiu a rexedora en relación a un dos piares do proxecto, a renovación das redes de saneamento, pluviais e fecais.

Rúa da Pravia. EP3
Rúa da Pravia. EP

Ademais da renovación de servizos —que inclúe tamén o soterramento das redes de telecomunicacións e electricidade e a sustitución do sistema de iluminación por Led en toda a vía—, a Rúa da Pravia experimentará un notable cambio estético e funcional, nunha das grandes apostas do goberno local socialista.

"Entendemos as dúbidas e as inquedanzas dos veciños e dos usuarios, pero estamos convencidos de que todos gozarán do resultado unha vez estean rematadas as obras", asegurou Veleiro durante a presentación dun proxecto que "vai ser moi beneficioso para o concello, tamén para a hostalaría e o comercio", engadiu a rexedora vilalbesa.

Deste xeito, a Rúa da Pravia pasará a ser de plataforma única, nunha aposta tamén por mellorar a accesibilidade, cun carril central de tres metros para a circulación de vehículos e con senllas rotondas nos seus extremos.

En ambas as marxes se intercalarán zonas verdes con bancos e espazo para terrazas de bares con prazas de aparcamento. Onde non se poderá estacionar será na zona xunto á Alameda Basanta Olano, onde o firme será de granito con lousa para integrar ambas zonas visualmente e crear unha especie de praza.

Rúa da Pravia. EP
Perspectiva axonométrica do proxecto de renovación da Rúa da Pravia. EP

Búscase facilitar os tránsitos peonís e recuperar a noción de espazo de encontro e non só de paso. Así, habilitaranse 32 prazas de estacionamento, incluidas as destinadas a persoas con mobilidade reducida e as zonas de carga e descarga que sexan precisas.

Así mesmo, prantaranse 28 novas árbores, ademáis de manter as pravias xa existentes na praza Suso Gayoso.

O bulevar contará con case 900 metros cadrados de superficies permeables e achegará á cidadanía 60 prazas en banco e bancadas corridas, mesmo con dotación de puntos de recargar USB, ademais de incorporar máis de 2500 metros cadrados de superficie peonil ou verde.