jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

A relevancia do tecido na antigüidade

Exposición sobre o tecido na antigüidade. EP
Exposición sobre o tecido na antigüidade. EP
O Museo do Castro de Viladonga impulsa unha exposición composta por oito paneis para dar a coñecer os vellos labores téxtiles. O persoal que traballa nas instalacións deseñou esta mostra divulgativa, á que se lle quere conferir un carácter itinerante 

"A Hispania Citerior ten tamén un liño dunha brancura extraordinaria, pola calidade das augas do torrente que baña Tarragona, no que se lustra; a súa finura é marabillosa e é alí onde se descubriu primeiro os tecidos cárbaso. Da mesma Hispania e dende fai pouco tempo, veu a Italia o liño dos Zoelas, utilísimo para as redes de caza, as civitas Zoela é unha Gallaecia e está próxima ao océano", escribía o investigador e naturalista romano Plinio sobre o liño español, do que tamén daba detallada conta do seu proceso de transformación ata obter un tecido.

Esta é unha das curiosidades que se poden atopar na exposición O tecido na antigüidade, ideada no Museo do Castro deViladonga para dar a coñecer a relevancia que o tecido téxtil tiña antigamente, un feito constatado nas sucesivas escavacións e estudos levados a cabo neste xacemento de Castro de Rei

E é que como precisan no propio museo, entre os moitos materiais atopados e documentados figuran ao redor de 450 fusaiolas (peza cun burato central que se coloca nun extremo do fuso), así como tesoiras antigas, pesas de tear e outros moitos elementos relacionados co tecido, como agullas, fíbulas (broches usado para suxeitar os extremos dunha vestimenta), doas (boliñas de vidro ou outro material, cun buraquiño polo que se enfía con outras pezas para facer colares) e outro tipo de adobíos. 

Todos estes achados permiten coñecer mellor algunhas tarefas artesanais dos castrexos, como se vestían na época na que o poboado estivo habitado e tamén axudar a contextualizar pezas que forman parte da exposición permanente do museo, empregadas para o contido gráfico dos paneis.

A mostra está composta por oito paneis divulgativos que inclúen textos breves e fotografías. Ademais da portada, conta cun centrado nas referencias históricas, dous dedicados á la e ao liño como materias primas e outro ao proceso de transformación (o fiado). A elaboración do tecido, técnicas complementarias coma os tinguidos e os materiais relacionados con este labor, coma os adobíos que empregaban os castrexos, completan o contido que ofrece a exposición.

Os traballadores do propio Museo do Castro de Viladonga foron os encargados de darlle forma á exposición, na que estiveron especilamente implicados o arqueólogo Álvaro Pérez e a técnica Ana Rubiero, así coma Marta Cancio, responsable das fotografías e dos debuxos que ilustran a mostra.

O tecido na antigüidade pódese visitar polo momento no salón de actos do museo, mais o obxectivo dos seus promotores é conferirlle un carácter itinerante e que poida viaxar a aqueles centros educativos ou institucións que a soliciten. De xeito complementario a esta, o museo promoveu o obradoiro Aproximación aos labores de tecido na antigüidade a cargo de Míriam Fernández e Rubén Carricoba, de Clío Reconstrucción Histórica.

Obradoiro de tecido en Viladonga. EP

Práctica: Un obradoiro para tecer e tinguir
Unha decena de persoas, que cubriron todas as prazas dispoñibles, asistiron no museo ao obradoiro de ‘Aproximación aos labores de tecido na antigüidade’, a través do que descubriron de xeito práctico os procesos do téxtil na época clásica e probaron a elaborar os seus propios tecidos, ademais de descubrir técnicas antigas e materiais usados para obter cores.
Bastidor
"Usamos teares de bastidor para elaborar patróns básicos", explica Míriam Fernández sobre o taller, no que tamén se amosaron reproducións de materiais usados na época, coma un tear que quedou exposto no museo.
Azul e amarelo
A segunda parte do obrodoiro centrábase no tinguido con elementos naturais, para o que se usou índigo para obter azul e cúrcuma para o amarelo. "As cores tamén marcaban o estatus", di Míriam, que precisa que se usaban produtos autóctonos, doados de conseguir, coma a ortiga ou o fento, pero tamén exportados, máis caros, coma o murex para obter vermello ou o índigo.

A relevancia do tecido na antigüidade
Comentarios