Relatos que pechan o círculo

A pontesa Charo Cuba, que se iniciou na escrita nuns talleres da biblioteca, acaba de publicar o seu primeiro libro, 'A vinganza das raíces cadradas'. A obra ofrece 16 historias ao redor da emigración cun fin solidario en favor de Arraianas
Charo Cuba, co seu primeiro libro e o colexio Santa María ao fondo. M.MANCEBO
photo_camera Charo Cuba, co seu primeiro libro e o colexio Santa María ao fondo. M.MANCEBO

Con nervios, ilusión e un chisco desbordada afronta o seu debut literario a pontesa Charo Cuba Penabad, que se achegou ás letras de adulta e da man da biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco hai "uns doce ou 13 anos" cuns talleres de escritura impartidos por Eduardo Estévez, e que hoxe xa ten nas súas mans o seu primeiro libro A vinganza das raíces cadradas.

Este traballo, publicado por Medulia Editorial, é unha recompilación de relatos que a autora foi elaborando ao longo deses talleres, e que tiñan a mesma temática como nexo de unión.

"Fose a consigna que fose a que nos poñía Eduardo eu sempre acababa escribindo da emigración", conta Charo, que durante a pandemia xuntou e imprimiu todos os textos que tiña para regalarllos a súa filla Ana, que ademais de filla é tamén "neta e bisneta de emigrantes", explica.

"Chorou os sete chorares, gustoulle moito e entón empezaron a preguntarme por que non o publicaba", conta Charo, que nunha "arroutada" e buscando a aprobación de alguén máis que non fose da súa familia, remitiu un exemplar a Medulia, e a resposta foi case instantánea.

"Contactaron por teléfono rapidisimo", asegura aínda asombrada a autora, mentres avanza máis detalles dun libro que se divide en 16 relatos que narran "outras tantas historias de ficción mesturadas con experiencias reais".

Nelas amosa diferentes realidades de persoas que tiveron que percorrer o mundo en busca dun lugar máis amable onde vivir. Xente que vén e vai. Algo que a propia Charo viviu en primeira persoa.

O libro poderá adquirirse nas librarías locais e será presentado este Nadal na biblioteca  que a viu nacer como escritora

"Eu emigrei con once anos a Francia, pero a emigración xa estaba presente moitos anos antes na miña vida sen que eu fose consciente, xa que estudei nas escolas indianas do Freixo e de Santa María", explica a escritora, que recoñece que lle costou adaptarse, pero só ten palabras de "agradecemento" hacia o país que a acolleu lonxe da terra á que volvía de cando en vez no verán.

"Cando tiña que marchar de volta regresaba chorando ata Santander", conta Charo, que con 22 anos tomou a determinación de regresar para As Pontes, unha decisión "coa que deixei parte da familia e amigos de por vida".

"Unha vintena de descendentes directos seguen alí, a emigración é un mundo que me afecta moito", afirma, recordando que seu avó materno xa marchara a Cuba e a familia da súa avoa tamén tivera que facer as maletas.

Historias como tantas outras que "esgazaron familias" e que Charo quixo plasmar nas páxinas da súa obra, que ademais terá un fin solidario, xa que os dereitos de autoría e un número de exemplares destinaranse á asociación Arraianas de Santiago, unha entidade que traballa para a xustiza social e os dereitos humanos, con especial atención a colectivos migrantes e a mulleres.

"É unha maneira de pechar o círculo", di, en referencia ás asociacións das que ela tamén se beneficiou durante a súa estadía en Francia, unha etapa á que regresa nos textos creados nos talleres de escritura que se convertiron "nunha prórroga de ilusión" con recompensa en forma de libro.

Unha obra que se poderá adquirir nas librarías locais e será presentada este Nadal na biblioteca que a viu nacer como escritora.

Comentarios