Os Reis Magos, a punto de chegar

Melchor, Gaspar e Baltasar fan o seu tradicional tour por terras chairegas, meiregas e pontesas
 
Os Reis Magos, de visita no Ceip Monseivane de Moreda. EP
photo_camera Os Reis Magos, de visita no Ceip Monseivane de Moreda. EP

Melchor, Gaspar e Baltasar, as súas Maxestades de Oriente, volven un Nadal máis a visitar todos os nenos das terras chairegas, meiregas e pontesas para que ningún quede sen o seu agasallo. Será este xoves, día 5, cando pequenos e maiores poderán saudar aos Reis Magos e facerlle entrega das cartas de última hora.

A primeira parada será ás 11.00 horas nas Pontes, e máis concretamente na asociación de veciños de Ribadeume, comenzando así unha ruta polas asociacións veciñais pontesas que tamén inclúe Goente (12.00), Saa (12.45) e Espiñaredo (13.45).

Xa pola tarde, será o turno das parroquias vilalbesas de recibir a esperada visita dos Magos de Oriente. De 15.00 a 16.00 horas pasarán por Insua, Codesido e Nete; de 16.30 a 17.30, por Lanzós, Goiriz e Sancovade; e de 18.15 a 19.15, por Carballido e Santaballa. E nesa apretadiña axenda tamén pasarán polas rúas a partir das 18.15 horas e recibirán aos nenos na Praza da Constitución de Vilalba.

Por outra banda, Melchor, Gaspar e Baltasar tamén estarán ás 15.30 no Campo da Feira de Parga e ás 16.30 horas en Guitiriz, onde partirán da Ponte Veiga cara o consistorio e o Campo da Feira.

Ás 16.00 horas, está previsto o seu paso por Xermade, onde serán recibidos no pavillón; por Castro de Rei, onde farán parada no teleclub; pola Pastoriza, a onde chegarán con música e agasallos, e por Pol. Á mesma hora desprazaranse a Abadín, onde visitarán o centro de día, pasearán pola localidade e entregarán agasallos aos nenos.

Ás 17.00 horas estarán en Begonte, cunha recepción na Praza Irmáns Souto Montenegro, e en Meira, onde haberá percorrido dende a Praza do Concello, agasallos, chocolatada e roscón de reis. Media hora máis tarde desprazaranse ata Cospeito, onde ademais da cabalgata polas rúas terán un recibimento no pavillón de Feira do Monte, con inchables e chocolate con churros.

Máis tarde, ás 18.00 horas, estarán nas Pontes, onde sairán da Rúa Monte Caxado. Os veciños poderán desfrutar de música, xogos, chocolatada e roscón, uns manxares que tamén se degustarán en Muras.

Ás 18.15 será a quenda de Castro de Ribeiras de Lea, onde os Reis sairán do hotel Río Lea e farán unha recepción na casa da cultura.

As visitas reais continuarán o propio Día de Reis. Ás 11.15 horas, as Súas Maxestades de Oriente pasarán por Momán (Xermade) e posteriormente, ás 11.45, por Labrada (Guitiriz), ambas iniciativas promovidas polas respectivas parroquias e que contarán con reparto de agasallos doados por Coca-cola e de caramelos.

Comentarios