Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Reigosa lembra nun certame unha Mariña Folgueira "fiel á súa xente"

Premiados e as súas mestras, membros do xurado e representantes da asociación sociocultural de Reigosa. M. ROCA
Premiados e as súas mestras, membros do xurado e representantes da asociación sociocultural de Reigosa. M. ROCA

A cuarta edición do concurso de redacción na honra á xornalista pastoricense contou co participación dun cento de obras

O centro cultural Mariña Folgueira de Reigosa acolleu este xoves a entrega de premios do cuarto concurso de redacción que leva o nome da xornalista pastoricense, un certame ao que concorreron uns cen traballos. O evento serviu, un ano máis, para recordar dende a asociación sociocultural local unha veciña "non pola súa traxectoria profesional, senón como persoa".

O acto comezou cunhas breves intervencións por parte dos membros do xurado e amigos de Mariña Folgueira. "Era unha muller sen complexos, fiel a ese país físico, que se mostraba nos valados, corredoiras, festas..., e tamén ao inmaterial. Era fiel á súa xente e ás necesidades do seu país, e nunca dobrou. E esa é a grande lección que nos deixa Mariña como persoa", afirmou Mini Rivas.

Na mesma liña se manifestaron os xornalistas Alberto Barciela e Xurxo Salgado. O primeiro recordou como Folgueira falaba sempre da súa vila natal. "Reigosa forma parte emocionalmente de todos os xornalistas que formaban o mundo de Mariña, porque sen ter estado aquí, coñeciamola", dixo.

Salgado, pola súa banda, recoñeceu que lle "encanta" que un premio xornalístico leve o nome da que fora a súa compañeira de traballo. "Se algo caracteriza a un xornalista, é a palabra; a unha cultura, é a palabra. A palabra fai país nesta terra", relatou.

Da importancia das verbas, de ler e da cultura tamén falou o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias. "Escribir, ler, cultivar a palabra é un mundo marabilloso do que nunca debemos escapar", díxolles aos premiados o rexedor, que tamén recordou as vivencias que compartiu con Mariña Folgueira na súa mocidade.

En canto aos traballos, o lingüista Paulino Novo destacou que neles se recollían as distintas fases da creación: "Estar atentos ao que pasa ao redor, aclarar ideas e documentarse previamente, estruturar a información e a redacción".

PREMIOS.O xurado considerou que quen mellor realizou esas fases foi a vilalbesa Ariana Núñez, do IES Basanta Silva, co traballo 'Serendipia', co que gañou no segundo ciclo de secundaria. Ademais, foi o mellor valorado.

No primeiro ciclo, impúxose Paula Comendeiro, do IES Enrique Muruais, con 'Sempre en Galicia'. En segundo e terceiro ciclo de primaria os premios foron para Iker Fernández, con 'Axuda entre os veciños', e Pablo Ledo, con 'Sempre en Galicia: así é a miña aldea', do Ceip O Salvador da Pastoriza.

Reigosa lembra nun certame unha Mariña Folgueira "fiel á súa xente"
Comentarios