O rei dos afumados volve por todo o alto

A Festa do Queixo de San Simón arrincou en Vilalba, tras dous anos de parón pola pandemia, con moitas ganas por parte de queixeiros e visitantes. O completo programa incluíu un showcooking, varios talleres e moita música.
Visitantes degustando queixo na XXVI Festa do Queixo San Simón. V. BRAN
photo_camera Visitantes degustando queixo na XXVI Festa do Queixo San Simón. V. BRAN

O rei dos afumados volveu ser o absoluto protagonista este sábado en Vilalba. A XXVI Feira do Queixo San Simón, que levaba dous anos sen poder celebrarse por causa da pandemia, arrincou de novo con moi boas expectativas e moitas ganas e ilusión por parte de queixeiros e de visitantes.

A Praza da Constitución encheuse desde primeira hora de xente que acudiu para percorrer os 50 postos instalados, entre os que figuraban sete das nove queixerías da denominación de orixe, así como casetas con diversos produtos de artesanía e gastronómicos. "Tiñamos moitas ganas de que se retomase esta festa, a xente está moi animada e iso nótase no ambiente", comentaba María Cuba, da queixería Don Crisanto.

Obradoiro infantil na XXVI Festa do Queixo San Simón. V. BRAN
Obradoiro infantil na XXVI Festa do Queixo San Simón. V. BRAN

O día soleado animou a xornada e a completa programación atraeu a nenos e maiores que non se puideron resistir á exquisitez do produto estrela. "O seu sabor a fume é único, non hai outro queixo igual", comentaba Carmen Cuba, da queixería Catadoiro, quen explicaba que "a madeira de bidueiro é a que lle dá ao San Simón ese olor e gusto tan propios, non vale ningún outro tipo de madeira".

A festa puxo ademais en valor todo tipo de produtos alimentarios como chocolate, mel, dulces, aceite ou queixos menorquinos e franceses. Desta última denominación tiña un posto Olga Millo, quen destacou a importancia deste tipo de citas: "Eu veño a esta feira desde os comezos e son necesarias para enxalzar os nosos produtos. O ano pasado celebrouse de xeito online, porque non se podía doutro xeito, pero o queixo hai que ulilo, saborealo e tocalo para apreciar todas as súas características", comentaba.

Showcooking na XXVI Festa do Queixo San Simón. V. BRAN
Showcooking na XXVI Festa do Queixo San Simón. V. BRAN

En torno ás 12.30 horas o cociñeiro do programa da TVG Estache Bo dirixiu un showcooking no que ensinou ao público a preparar tres receitas co queixo como protagonista. E pola tarde foi o turno dos máis pequenos que participaron nun obradoiro de elaboración de queixos da man de Miguel e María, donos da queixería Bisqato de Labrada (Guitiriz). Os nenos aprenderon a facer bombóns de requeixo e elaboraron o seu propio queixo fresco.

O exconselleiro Francisco Sineiro leu o pregón e puxo en valor a "coraxe" dos queixeiros que apostaron nos 80 por esta variedade

Ás 19.00 horas chegou o tradicional pregón, a cargo do exconselleiro de Agricultura Francisco Sineiro, que eloxiou o labor que todos estes anos levan facendo os queixeiros de San Simón. "Foi un acto de coraxe que nos anos 80 apostarades por investir os vosos aforros elaborando un produto do que non se sabía cal sería a resposta do mercado nin dos consumidores", dixo. E puxo en valor o seu sacrificio durante todo este tempo "que queda recollido no aumento de volume de produto elaborado ano tras ano e tamén nos recoñecementos á calidade acadados en España e tamén na escala internacional. O voso queixo é tan bo e especial grazas ao voso empeño e iniciativa. Convido a que todos recoñezamos o gran labor de todos os queixeiros e deséxovos saúde para o progreso e desenvolvemento do voso San Simón por moito anos máis", concluíu o pregoeiro.

Sineiro lendo o pregón na XXVI Festa do Queixo San Simón. V. BRAN
Sineiro lendo o pregón na XXVI Festa do Queixo San Simón. V. BRAN

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, tamén interviu para destacar que este sábado foi "un día moi importante para toda A Chaira porque volveu esta feira que levabamos esperando dous anos con moita ansia", dixo, e recordou que a cita continúa este domingo con pasarrúas, unha foodtruck, música e moito queixo.

Comentarios