Rehabilitan un centenario muíño en Goá para comercializar fariña do país

A cospeitesa Isabel Rivas prevé iniciar a actividade a principios de abril. O seu obxectivo é moer de forma artesanal, conseguir o selo do Craega e fomentar o cultivo de trigo na comarca 

Muíño do Frouseiro, en Goá, Cospeito. CRISTINA ARIAS
photo_camera Isabel Rivas e Pepe Engroba no Muíño do Frouseiro, en Goá, Cospeito. CRISTINA ARIAS

O muíño do Frouseiro, unha construción centenaria, das moitas que aproveitaron noutros tempos a forza da auga para moer, modernízase para impulsar un antigo oficio tradicional que mira ao futuro con garantía de calidade. A cospeitesa Isabel Rivas e o fillo do antigo muiñeiro e propietario, Pepe Engroba, colaboraron na rehabilitación do muíño, situado na parroquia cospeitesa de Goá, para crear una "microempresa" coa que pretenden comercializar fariña do país para particulares e panaderías da zona.

"Era un muíño familiar. Meu pai moeu ata antes de morrer, no ano 2016, para amigos ou coñecidos. Non estaba dado de alta", explica Pepe, que indica que seu pai lle arrendou o muíño, hoxe propiedade da súa nai, a Isabel, que como ela recoñece, "xa tiña alma de muiñeira".

"Levaba dous anos moendo esporadicamente con el. José enfermou e díxome que seguise eu. Sempre me gustou, namoreime deste muíño", di esta veciña de Feira do Monte de 56 anos que ten claro os obxectivos que busca con este proxecto que iniciará a súa actividade a principios de abril: "Seguir moendo de forma artesanal e sostible e dar servizo á comunidade para seguir facendo pan con fariña do país de calidade".

"O proxecto é un impulso ao medio rural e inclúe un plan de desenvolvemento para fomentar o cultivo de trigo na comarca, que vai a menos. Agora aquí cultívase moi pouco", di a muiñeira, mentres fala de dous retos que xa ten en mente. Por unha parte moer en ecolóxico, xa iniciou os trámites para conseguir o selo do Craega, e por outra, abrirse un camiño dentro da IXP Pan Galego. "Esperamos conseguir unha protección", apunta, mentres indica que outra das ideas que xa lle anda na cabeza é "sacar o produto fóra de Galicia» e «vender por internet".

A nova muiñeira, que está arrendada, solicitou unha subvención a través do GDR Terra Chá, que lle concedeu 32.000 euros 

Durante meses traballaron na restauración do muíño, que contou cunha axuda de 32.000 euros do GDR Terra Chá. "Cambiouse o tellado, restauráronse as vigas e as paredes e renovouse toda a carpintería co obxectivo de ter rexistro sanitario para cumprir as esixencias para poder moer e comercializar a fariña", explican.

Muíño do Frouseiro, en Goá, Cospeito. CRISTINA ARIAS

A maquinaria segue a ser a mesma que moía hai máis de cen anos. Hai dúas pedras, unha de orixe francesa e outra do país -a primeira fai fariña máis branca- e as turbinas, que seguen traballando, renováronse en 1926.

O muíño pode moer 500 quilos de trigo por pedra -actualmente está unha funcionando-, o que se materializa nuns 350 quilos de fariña, nunha xornada de oito horas. "Oxalá funcione e poida coller un colaborador", pide Isabel, que asegura que non calquera vale para ser muiñeiro.

"O muíño é algo vivo, pídeche, esíxeche, tes que entendelo... e á auga, que tamén fala", di unha muller que mostra "ilusión" polo que fai. "O mellor é manexalo, reaxustalo constantemente; e o máis complicado, que o traballo é duro, é físico. Cada dous ou tres meses hai que levantar a pedra e picala porque senón non moe. E tamén hai que manter limpo o canal", di, mentres a auga do río Anllo move a pedra e o trigo comenza a baixar pola quenlla ata a pedra, que o lanza á peneira, onde a fariña se separa do farelo.

Muíño do Frouseiro, en Goá, Cospeito. CRISTINA ARIAS

Comentarios