O regreso dos reis da sátira

Irmandades do Falo volve este sábado aos escenarios coa xira Once Cupón a Time, polo seu undécimo aniversario, na que presenta novos temas e membros e moitas sorpresas
Integrantes de Irmandades do Falo cos seus dous novos membros, un deles aínda descoñecido. RUBÉN VEIGA
photo_camera Integrantes de Irmandades do Falo cos seus dous novos membros, un deles aínda descoñecido. RUBÉN VEIGA

Unha das melodías máis pegadizas da memoria colectiva é a do sorteo do Telecupón, nome que é imposible de dicir sen que se veñan os primeiros acordes da sintonía á mente. Esta era empregada habitualmente polo grupo vilalbés Irmandades do Falo para abrir os concertos, un feito ao que os seus membros quixeron recurrir para darlle nome á súa xira deste ano, Once Cupón a Time, coa que conmemoran o seu undécimo aniversario.

A razón de conmemorar estes once anos de historia e non os habituais dez non é outra que "problemas de axenda" entre os músicos, o cal fixo imposible intentar facer ese tour especial en 2019. De feito, o último concerto conxunto de todo o grupo foi no verán de 2018 e había que facer algo para solucionalo. "O ano pasado queriamos facer unha xira conmemorativa e ao final foi imposible, polo que este ano, en xaneiro, puxémonos en serio con isto e fixemos ensaios nas últimas semanas e traballamos os temas, novos e vellos, e incluso fixemos incorporacións", explica Baruk Domínguez, guitarra e voz da agrupación.

Así, o ‘pop inchable’ característico de Irmandades do Falo volverá soar este sábado 14 na cervexería Stama, a partir da medianoite, onde haberá novidades e sorpresas. De entrada, únense ao grupo Daniel Veiga, irmán de Rubén, membro fundador, e tamén clarinetista, e un novo baixista, con amplia traxectoria musical en Vilalba e cuxo nome se fará público no concerto.

"Presentaremos un tema novo dun bar moi pequeno, peculiar e característico do casco histórico e faremos a estrea oficial doutro sobre unha personaxe ilustre da historia vilalbesa. Ademais, recuperamos dous ou tres cancións dos primeirísimos tempos que levaban moito sen facerse e versións doutras míticas", expón misterioso Baruk, que anima á xente a acudir "con intención de pasalo ben" a un concerto no que haberá tamén "obviamente sorteos" que sorprenderán.

A cervexería Stama acolle o primeiro concerto e hai outros dous máis previstos antes do verán nos bares 80/20 e Xoldra

No horizonte hai xa, aínda que sen data, outras dúas actuacións, coa colaboración da asociación Camino de Santiago por Vilalba, que lle propuxo ao grupo facer tres concertos en distintos formatos antes do verán. Ao da Stama, "nocturno, máis rock, máis propio das Irmandades", uniranse outros no bar 80/20, "unha sesión máis traquila", e no Xoldra, "en plan sesión vermú, máis bailable e divertido".

A partir de aí, a idea é ir sumando datas á xira Once Cupón a Time. "Agora que temos todo remirado e ensaiado, se se dá a ocasión e sempre que o tempo nolo permita, queremos ir a outros sitios que vaian xurdindo", apuntou Baruk, que tamén fai balance desta máis dunha década de música satírica na que a broma e o escarnio, sempre desde o respecto, son o eixe principal.

"Evolución sempre hai, pero seguimos todos con estilos moi diversos que se complementan e enriquecen. En canto ás letras, trátase de facer crítica para a risa, sen chegar a máis, aínda que agora parece que é máis difícil pola ditadura do politicamente correcto na que estamos, que non sabes ata onde podes chegar", comenta e recorda que os primeiros cos que fan bromas é con eles mesmos.

Tamén lamentou que moita xente á que lle fixeron un tema "ou morreu ou pechou o seu negocio" ao longo destes dez anos. "Cada vez vai quedando menos desa xente e pérdese dalgunha maneira a identidade do pobo", di Baruk. Pili do Lambuxos, Manolo de Casablanca, A Picouza, frutería Inés, carnicería Generosa... Irmandades do Falo pertetuará o seu legado.

Comentarios