O regreso da feira de Castro de Ribeiras de Lea contou con poucos postos

Houbo escasa afluencia de xente e unha grande ausencia: a do polbo
Un dos postos do mercado de Castro. XESÚS PONTE
photo_camera Un dos postos do mercado de Castro. XESÚS PONTE

Para moitos, a feira de Castro de Ribeiras de Lea era este mércores a primeira toma de contacto cos mercados logo da súa suspensión pola crise sanitaria e o obxectivo era facerse ver. “Viñemos para que se saiba que estamos aquí”, dicía Estrella Fernández dende o seu posto de roupa, opinión compartida co resto de feirantes que fixeron desta cita unha especie de “escaparate” na que eran todos os que estaban, pero non estaban todos os que eran.

A pouca afluencia de vendedores e xente, sumada á ausencia das polbeiras, marcaron o regreso da feira de Castro, na que se instalaron algo máis dunha decena de tenderetes nos arredores da carballeira. Deles, a maioría ofrecía produtos agroalimentarios, outros maquinaria e algúns téxtil.

“Non deixamos tocar as prendas, só ensinamos as que o cliente queira e, se compra e devolve, ese produto déixase en corentena”, explicaba María Jesús Peteira, unha veterana da feira dos mércores que comparte normas co resto de profesionais da roupa e do calzado que se achegan ata Castro. Pola súa parte, Iván López, que acudiu con artigos de menaxe, apelou ao “civismo da xente” para controlar un “bicho que vai ser imposible erradicar” e agardaba que funcione o boca a boca e “a semana que vén haxa máis movemento”, aínda que ningún tendeiro espera recuperar o ritmo habitual no que queda de ano.

E é que o costume de testar o xénero a través do tacto será un dos obstáculos cos que se topen clientes e comerciantes de produtos non alimentarios, unha barreira que sortearán aplicando os protocolos de protección e de hixiene.

Nesta semana regresarán outros mercados, coma o de Vilalba, o venres 15 no Campo da Feira, ou o das Pontes, que o fará este sábado 16 no patio do colexio Santa María

Mentres tanto, os vendedores de verduras e hortalizas para plantar correron outra sorte e contaron con boas vendas pese á pouca xente que había. E para mostra, o repolo, a remolacha e o cebolo quedaron esgotados dende as primeiras horas da xornada, como lle aconteceu a Divina Cadahía: “A xente estaba esperando a que volveran as feiras para mercar, a nós xa nos deixaron encargas feitas para a semana”.

A normalidade, cren, vai chegar lentamente e en Castro farao da man do polbo, sinal de identidade coa que profesionais como Adrián Eiras, de Patatas Eiras, ou José María Darriba, da panadaría Irene, agardan que volvan os de sempre, os que nunca perdían unha feira.

OUTRAS CITAS. Nesta semana regresarán outros mercados, coma o de Vilalba, o venres 15 no Campo da Feira, ou o das Pontes, que o fará este sábado 16 no patio do colexio Santa María. Ambos estarán centrados na venda de produtos do sector primario. E o domingo tocaralle a quenda á feira de Meira, na Praza do Concello. Tamén contará só con produtos agropecuarios e nela si se prevé que haxa polbo, aínda que só para levar.

Comentarios