domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

O regreso de Crecente Vega

Xosé Crecente Vega. DP
Xosé Crecente Vega. DP
Espiral Maior publica O mundo nun puño remol, a obra inédita do poeta de Ponte de Outeiro que impulsa a comisión que loita por acadar para el o recoñecemento do Día das Letras Galegas

No ano do 125 aniversario do seu nacemento, o poeta Xosé Crecente Vega (Ponte de Outeiro, 3 de xuño de 1896-Segovia, 21 de marzo de 1948) regresa, e faino a través da súa poesía con O mundo nun puño de remol, unha obra inédita que edita Espiral Maior a través dunha iniciativa que financia o Concello de Castro de Rei e que impulsa a comisión que loita por acadar para el un Día das Letras Galegas.

"É o libro que non puido publicar en vida con poemas inéditos en galego", di o arquitecto Mario Crecente, bisobriño do sacerdote, profesor e poeta de Ponte de Outeiro e un dos membros desa comisión formada por moitas voces -entre as que están o arqueólogo Felipe Arias, a exmestra Regina Polín e o párroco Félix Villares- que buscan cumprir "unha débeda histórica" con Crecente Vega que este ano non puido ser -o Día das Letras Galegas é para Xela Arias- e dárlle o lugar que merece na cultura e a literatura.

"Este libro é o poeta que regresa afirmándose dun xeito absoluto, é o paso que faltaba do recoñecemento total e a consagración definitiva, unha especie de monumento que causa conmoción e é un redescubrimento do poeta", valora Miguel Anxo Fernán Vello, de Espiral Maior, ao tempo que destaca "un libro que marca un fito" e que abraza entre as súas páxinas "a mellor poesía do campo galego". Porque Crecente Vega, un dos clásicos da literatura galega, pode ser un descoñecido para moitos, pero os seus versos teñen un imán para outros, que reflexa un mundo que esmorece: o rural máis vivo e a interrelación do home cos animais e a natureza.

"É un dos puntais esenciais desa patria poética que é a Terra Chá", "pai de autores como Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé María Díaz Castro -ambos foron recoñecidos xa co Día das Letras Galegas e os tres formaron un triunvirato de poetas latinistas- e do propio Manuel María" e "clave na cultura tradicional", "cunha etapa esencial no desenvolvemento da literatura galega contemporánea", destaca o escritor Ricardo Polín, autor do prólogo, encargado de dárlle forma ao libro e un gran coñecedor dos seus versos.

No ano 2002 publicou unha recompilación da súa obra e tamén buceou moito entre as letras do seu primo, Francisco de Vega Ceide, coñecido como Francisco de Fientosa, que foi asasinado en Madrid en 1936 e nunca foi localizado.

Crecente Vega, que como moitos outros poetas chairegos pasou polo Seminario de Mondoñedo, publicou en vida unha única obra Codeseira. Era 1933 e reeditouse anos despois, en 1965, co prólogo de Trapero Pardo.

El falecera case dúas décadas antes, en 1948, e deixou un poemario practicamente escrito, que comentaba por carta co seu gran amigo Aquilino Iglesia Alvariño e con Ricardo Carvalho Calero (recoñecido co Día das Letras Galegas neste infrecuente 2020 sen apenas actos). "Puideron ter sido os primeiros poemas publicados en galego tras a guerra", di Polín, que sinala á súa mala saúde -tiña tuberculose- e vivir na diáspora, en Segovia, alonxado dos colectivos galegos e das editoriais como as posibles causas que non o fixeron posible.

Os versos de Cómaros verdes, do poeta de Abadín, foron pioneiros. Os de Crecente Vega quedaron apagados coa súa morte pero regresan agora, moito tempo despois, como fixo el. No ano 1998, medio século despois de falecer en Segovia, os seus restos foron trasladados á súa localidade natal, onde descansan dentro da propia igrexa de Ponte de Outeiro. "Volve un poeta amado", di Polín, que invita a recibir o seu novo regreso entre os poemas de O mundo nun puño de remol

O lirismo das cousas pequenas
O libro, que recolle ao redor dun cento de poemas de Crecente Vega, ten un traballo de deseño moi coidado da man de Pepe Barro, con folliñas e flores, as mesmas da portada, que se misturan en páxinas cos versos, clasificados tematicamente. Os debuxos representan o lirismo das cousas pequenas que define a poesía do poeta de Ponte de Outeiro, así como o valor do sinxelo, unha ollada humanista sobre a natureza, a tenrura polos animais ou a saudade.

O título, un verso
O título do libro, O mundo nun puño de remol, é un verso do poema Estreliña nova, "unha metáfora do que a partir dun pequeno vagalume pode representar a eclosión da vida", explica Ricardo Polín, que indica que é "un verso cargado de enerxía" que fala "desas brasas que quedan ao final dun lume e concentran a última esperanza".

800 números
Nesta primeira edición, que patrocina o Concello de Castro de Rei, publicáronse 800 exemplares.

Outras propostas
Antes do libro a comisión Crecente Vega publicou un facsímil e un tríptico sobre a súa figura. O obxectivo é continuar coa labor de promoción e difusión da súa obra.

O regreso de Crecente Vega
Comentarios