Regina Polín: "As obras para amañar a Casa da Botica contrataranse antes de final de ano"

No seu regreso á alcaldía no que é o seu terceiro mandato, Polín destaca o impulso a proxectos que se prolongaron no tempo como a residencia na Casa da Botica ou o colector de Sete Muíños, entre outros. Mentres, o concello foi salvando a sangría demográfica e gañando en presenza turística a pesar do peche do recoñecido Hotel Balneario

Regina Polín. M. ROCA
photo_camera Regina Polín. M. ROCA

Afronta o final do seu terceiro mandato, ao que chegou desde a oposición. Catro anos que lle serviron a Regina Polín como aprendizaxe para encarar un periodo no que se foron resolvendo e encamiñando diversos proxectos de gran importancia para Guitiriz.

Que balance fai destes anos?

Foi un mandato moi complicado pola situación social que vivimos e por todas as medidas que se tomaron nos últimos anos desde o Goberno central e que supuxeron unha problemática insoportable para a vida municipal. Sinto unha grande impotencia para darlle as respostas que se merece a sociedade e estou cansa de rogar a estamentos superiores para que se involucren, tomen medidas e nos resolvan temas urxentes como, por exemplo, a contratación de persoal cando temos dotación económica suficiente ou suprimir a nova lei de contratación, que vai acabar coas empresas pequenas. E que cando os concellos asuman novas competencias, estas veñan acompañadas de dotacións orzamentarias.

Que proxectos destacaría?

Presenteime a estas eleccións con tres proxectos concretos que me preocupaban e quería resolver. O primeiro, o novo colector de Sete Muíños, que está a punto de rematarse e vai contribuír a mellorar a saúde medioambiental en Guitiriz. Despois, a residencia da Casa da Botica, que despois de moitos atrancos, sobre todo polos catro anos perdidos no anterior mandato, xa está en marcha e o proxecto contratarase antes de final de ano e posiblente estean iniciadas as obras. Despois está a aprobación do PXOM, que se empezou en outubro do 2004 e estivo estancado, pero agora parece que empeza a verse a luz ao final do túnel.

Que outras iniciativas se puxeron en marcha?

O noso obxectivo principal é conseguir que Guitiriz sexa un concello saudable, tanto humana como medioambientalmente. No anterior mandato fixeramos un bo traballo de limpeza de ríos e separación de residuos e tivemos agora case que empezar de cero. Ademais, conseguimos frear a sangría demográfica e incluso algún ano, como no 2016, subimos poboación. Estamos vivindo un boom de nacementos e creo que é froito das ofertas que facemos ás familias novas para conciliar a vida familiar e laboral. A principios de outubro tamén abriremos o centro de día municipal.

Algún proxecto que lle quede pendente?

Gustariame recuperar o antigo cine de Guitiriz e convertilo en local social. É un obxectivo que teño e non o vou conseguir. E teño outro proxecto estrela que sería moi importante non só para Guitiriz, senón para toda a comarca.

Que hai da privatización do servizo de axuda no fogar (SAF)?

Sempre tiven a idea de dar servizos municipais e ata hai moi pouco todo se levaba desde o Concello, pero chega un momento que é imposible. Temos 25 persoas contratadas, 100 usuarios e 150 en lista de espera. Se non podo contratar persoas, non podo dar servizos. Intentamos externalizalo e a primeira vez quedou deserto e agora estamos buscando a posibilidade de contratar sen externalizar.

Nestes anos houbo varias polémicas co GES. Que ten que dicir?

Os traballadores do GES considéranse bombeiros e persoas exclusivamente dedicadas a iso e non é certo, están para máis cousas. E pódese ver a súa roupa de traballo e podo dicir que Guitiriz é o único concello no que cada un ten un traxe ignífugo. Que houbo conflitos con eles? Si. Que son poucos? Si, son sete e hai un de baixa. Pero estamos cubertos porque hai catro traballadores do Concello que estiveron no GES e que podemos botar man deles. Tamén creo que este servizo, que a Xunta ten a obriga de ofrecer, o ten que levar ela, non os concellos. De feito, nós non estamos dispostos a continuar con el a partir do 31 de decembro.

Destaca tamén a promoción turística que queren facer do concello. Como afectou neste ámbito o peche do balneario?

Era o motor de Guitiriz. Pero a vila ofrece tamén outros alicientes que ver e disfrutar, moitos espazos naturais, Reserva da Biosfera, Patrimonio da Humanidade co Camiño e LIC. É un problema moi grave que non estea aberto, pero espero que a situación se amañe. Non vai ser inmediato, pero espero que a medio prazo se recupere.

"Se soubera que ía ser avoa, non me tería presentado"
Neste mandato estreou novo cargo, o de avoa. Que tal se lle dá?

Foi o mellor que me puido pasar. Se soubera que ía ser avoa, non me tería presentado ás eleccións. Dedicaríame a disfrutar del.

E agora, pensa volver presentarse para a alcaldía?

Estamos nun momento previo, de pensar. E antes que ninguén, a decisión terá que sabela o meu partido.

Como foi pasar á oposición entre o seu segundo e terceiro mandato?

Unha experiencia moi positiva, ao mellor porque a min faltábame iso, porque entrei no Concello sen experiencia política. Valeume para entender moitas cousas e ver isto desde outro punto de vista. Foi unha aprendizaxe.

Como é gobernar en minoría?

Estivemos unha vez con maioría absoluta e dúas con minoría e paréceme moi útil ter que dialogar con todos os representantes que hai dos veciños. Valoro as distintas opinións e tamén valoro moito que máis do 90% dos temas que foron a pleno aprobáronse por unanimidade.

Agora está xubilada, pero pensou nalgún momento regresar á docencia?

Sempre pensei en volver, pero cando tiven a oportunidade vin que a ensinanza non estaba no mellor momento. Pero bótoo de menos.

É a presidenta da agrupación local da AECC. Como chegou aí?

Por humanidade e porque o cancro é un tema que está aí e sobre o que debemos concienciar. A día de hoxe dedícolle menos do que debería, pero estamos facendo cousas importantes.

Comentarios