Reencontro coa arte de xogar coma antes

Numerosas familias achégaronse ao contorno da Igrexa Vella de Muimenta para gozar da Festa dos Xogos Tradicionais de Xotramu
Carreira de sacos en Muimenta. CRISTINA PÉREZ
photo_camera Carreira de sacos en Muimenta. CRISTINA PÉREZ

"Facíanos moita falta algo así, botabamos de menos ter unha festa dos xogos", aseguraban dende a Xotramu botando unha ollada todo ao redor do campo da igrexa vella, mentres grandes e pequenos testaban a vintena de propostas que había para xogar: crebacabezas, probas de habilidade, de puntería, o mítico zambombazo...

"Non contabamos con tanta xente, e só vendo a cantidade de pequenos e de pequenas que hai, dámonos por satisfeitos", precisaban tamén dende a organización, contentos de ter argallado, malia as dificultades, unha nova edición da Festa dos Xogos Tradicionais de Muimenta. E é que dous anos sen ela era inconcibible para un colectivo que pelexa por conservar a difundir a arte de xogar coma antes, coma sempre.

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Una publicación compartida de El Progreso A Chaira (@elprogresoachaira)

"Isto é moi divertido, é unha xornada para compartir cos pequenos, porque aquí podemos xogar grandes e pequenos xuntos, e ademais, a tarde acompaña", dicía Nélida, chegada dende Vilalba, mentres o seu pequeno descubría a chave á sombra dunhas das árbores senlleiras de Muimenta.

Tamén dende Vilalba, concretamente dende Goiriz e San Simón, chegaba o grupo de Cristina: "Viñemos porque temos pequenos e pareceunos ben que decidisen facelo, a pesar da situación, así non se perde o costume". Nin a práctica, coma a dos xogadores de billarda, que gozaron dunha competición "informal" na que o importante non foi quen gañou, senón o volver compartir cun varal nas mans.

"Está xenial, nós estiveramos hai dous anos, gustounos un montón e estabamos desexando vir outra vez", apunta Marisa, de Castroverde, quen ao longo de toda a tarde foi probando as diversas propostas de divertimento.

Mais non todo foi xogar. Tamén houbo tempo para a música, da man do zanfonista Xermán Díaz, e para facer memoria, coa presentación dunha mostra fotográfica que repasa as edicións previas da cita, posta en marcha en 2009, e que se manterá durante un tempo na Igrexa Vella, transformada en salón de actos logo da súa restauración. Nela tamén se expón unha compilación de xogos tradicionais e populares, que atraeu numersoas miradas, entre elas a da vicrepidenta da Deputación, Maite Ferreiro, encargada de inaugurar a xornada.

E nese mesmo recinto tamén houbo oco para o debate. Pola mañá reuníase o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, con representantes de diversos colectivos, para barallar actividades a realizar de cara ao ano 2022, entre elas a posibilidade de organizar xogos tradicionais en distintos puntos dos Camiños de Santiago. Pola tarde, celebrouse unha mesa redonda sobre a creación da Federación Galega de Deportes Autóctonos, analizando os pros e os contras de pertencer a esta.

Comentarios