Reencontrarse con doña Conchita

Unha trintena de antigos alumnos da escola do Calvario de Cazás celebraron unha xuntanza á que asistiu a última mestra do centro
Participantes na primeira xuntanza de exalumnos de Cazás. AMADOR
photo_camera Participantes na primeira xuntanza de exalumnos de Cazás. AMADOR

Nos anos 80, cando abría o grupo escolar de Xermade, pechaba as súas portas a escola do Calvario, na parroquia de Cazás, e dela non só marchaba a última xeración de alumnos, senón tamén a que fora a mestra nos últimos anos, "doña Conchita", da que gardaban un "gran recordo". Por iso, cando argallaron facer unha xuntanza, ela non podía faltar.

"Na comida dos maiores de Xermade, un antigo alumno díxome, e porque non facemos unha comida os que fomos a escola con Concha?", comenta Nélida Coira sobre o xermolo dun emotivo encontro que promoveron con éxito ela e ese interlocutor, Abel Barro, e que citou unha trintena de exalumnos da escola no restaurante A Magdalena de Vilalba, dende o primeiro curso no que estivo a mestra, o 74-75, ata o seu peche.

"Fun á escola dende moi pequeniña, porque me mandaban cunha tía; empezara con outra profesora, pero dende os sete anos ata que acabei estiven con "doña Conchita", lembra Nélida sobre o seu paso por aquela grande aula da que recorda especialmente a unión entre os compañeiros de distintas idades e a atención que a mestra lles prestaba, máis alá das clases: "Sempre coidou de nós coma se fósemos fillos", asegura.

"Daquela iamos andando dende as casas e se chovía chegabamos mollados, así que nos poñía a estufa para que non tivésemos frío, igual que cando comiamos alí". Esas positivas lembranzas que ten Nélida da súa época escolar tamén as comparte Ramón Bello, contento de que finalmente se fixese a xuntanza despois de telo falado varias veces.

"Con "doña Conchita" estiven no meu último ano de idade escolar e teño un recordo estupendo, era unha persoa moi cariñosa", di, explicando que neste reencontro tantos anos despois, ao que a mestra acudiu co seu home, José, se atopou coa mesma muller "simpática e cariñosa".

"Levámola ata a escola para que a vise", apunta, ao tempo que vai fiando lembranzas, coma que caera a ponte do río Trimaz en Gondaísque e a mestra, que viña dende Lugo nun 600, "tiña que dar a volta por Candamil e leváballe unhas dúas horas chegar".

"Daba as materias en castelán, pero con nós sempre falaba en galego, o que daquela non era común", lembra tamén Ramón, a quen o deixou especialmente marcado unha excursión que fixeran a Lugo por iniciativa da mestra.

"Foramos ao matadoiro de Frigsa, dixérannos que mataban 25.000 pitos cada día", di, recordando o impactado que quedara, aos seus 14 anos, ao ver sacrificar unha vaca. "Creo que aos de menos de doce anos xa non os deixaran entrar... menuda impresión", ri sobre esa viaxe na que tamén visitaran El Progreso: "Dixéronnos que facían 7.000 periódicos ao día e fixéronnos unha foto que se publicou e ela trouxéranos o periódico para que o vísemos".

Case medio século despois, os alumnos de "doña Conchita" volven ser protagonistas dunha imaxe no xornal grazas a un reencontro ao que esperan darlle continuidade.

Comentarios