Un recordo de 182 follas de ferro para o pobo de Outeiro

A comisión de 2020 e 2021 agasallou aos veciños coa escultura dunha árbore cos barrios e coas casas desta parroquia de Castro de Rei
Membros da comisión de festas a carón da Árbore do Pobo. S.IGLESIA
photo_camera Membros da comisión de festas a carón da Árbore do Pobo. S.IGLESIA

Un total de 182 follas de ferro, unha por cada casa de Santa María de Outeiro, en Castro de Rei. Esa é a particular homenaxe coa que os membros da comisión de festas dos anos 2020 e 2021 decidiron agasallar aos seus veciños, unha gran árbore de ferro que loce no campo da festa.

Alfredo Martínez, María José Barja, Pablo Lamas e Carlos Anllo, veciños do barrio de Casas do Monte, forman parte dunha organización que este ano optou por dar un paso ao lado -os organizadores elíxense por orde das casas-, mais querían deixar pegada. "Vendemos lotaría para conseguir fondos para facer a festa. Xa a iamos organizar en 2020, logo en 2021 e, como non se puido facer, preferimos empregar eses tres euros de cada décimo vendido para sufragar esta peza", explican desde a comisión ante a bautizada como Árbore do Pobo.

Dun tronco principal saen catro grandes ramas -unha mira cara a Bazar, outra cara a Meira, outra cara a Muimenta e outra cara a Pacios, "porque este é un cruce de camiños", lembran- das que, á súa vez, saen follas de gran tamaño que representan os barrios de Outeiro e, nas pequenas, todas as casas, tamén aquelas que quedaron recentemente deshabitadas.

As ideas que barallaron foron varias, entre elas a de instalar un parque infantil a carón do biosaudable que xa existe, pero a de imitar un castiñeiro en ferro para plasmar nel cada un dos veciños da parroquia gañou por goleada. "A idea foi de Rosa Anllo -a muller de Alfredo-. Foi quen pensou no que se podía facer, a que elaborou o debuxo e o desglose das casas e dos barrios e a que investigou para asegurarse de que todos os datos ían correctos", din os membros da organización a modo de agradecemento.

Ademais, e para que quedase constancia do seu labor, entregaron a cada veciño un díptico no que se explica o traballo e a idea que hai detrás da escultura, acompañado dunha fotografía da súa correspondente folla.

"Cremos que a todo o mundo lle gustou, é un recoñecemento moi positivo", apunta unha comisión que puxo no corazón de Outeiro a todo un pobo.

Comentarios