A CHAIRA, 15 ANOS: CULTURA

Recoñecementos para a historia e certames imparables

Con Díaz Castro e Manuel María no ceo das Letras Galegas, estes foron bos tempos para a lírica chairega, pero quedan nomes pendentes
2014 ▶ Guitiriz acolle o gran acto das Letras Galegas de Díaz Castro. AEP
photo_camera 2014 ▶ Guitiriz acolle o gran acto das Letras Galegas de Díaz Castro. AEP
Ollo ao dato
Aparte de moitos escritores, músicos ou cineastas destacados, nestes anos houbo chairegos cun peso moi importante na cultura. O vilalbés Darío Villanueva foi director da Real Academia Española (RAE) de 2014 a 2019 e o xermadés Ramón Villares, do Consello da Cultura Galega de 2006 a 2018.
Aquel día
O 30 de xuño de 2018 familiares e amigos do escritor e xornalista Ramón Chao organizaron un acto na súa memoria na súa Vilalba natal. Falecera o 20 de maio e todos o recordaron no seu piano no Paseo dos Soños. Ese día viñeron os seu fillos, Antoine e Manu Chao, que emocionou a todos cun ‘Carreteiro’ improvisado coa súa guitarra.    
Escrito en pedra
O Paseo dos Soños non é o único camiño literario de Vilalba. Na céntrica Rúa Porta de Cima, a mesma na que unha placa recorda que alí naceu a ‘cantora da Terra Chá’, Carmiña Prieto Rouco, pódese pasear e ler letras e versos de Uxío García Amor, Manuel María, Bernardo García Cendán ou Xosé Lois Novo Cazón dende 2011 que se remodelou. 

Escribía Manuel María que "Ollada a Terra Chá dende as alturas/é semellante a un mar en calma./Pra medila só valen dúas mensuras:/ferrados de corazón, fanegas de alma". Que medida necesitaría para a súa cultura? Resumir nestas 150 liñas 15 anos é imposible e impensable, porque son innumerables os nomes propios que destacaron e puxeron o seu gran de area. 

As páxinas da Chaira meceron durante estes anos moitos novos libros —cantas contraportadas con escritores noveles, entrevistas aos que tantas historias crean, presentacións...—, viron nacer agrupacións musicais de todo tipo, produtoras audiovisuais, películas, obras de teatro, clubs de lectura, xigantescos murais... e acolleron infinidade de eventos, onde entidades como o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) de Vilalba, Xermolos de Guitiriz, a Irmandade Manuel María ou Hume, no concello veciño das Pontes, e tantas outras asociacións (Eme de Meira, Xotramu en Muimenta ou o colectivo veciñal de Cabreiros, en Xermade, por destacar algún exemplo máis) son clave para crear e seguir creando. Son os gardiáns da cultura, altruístas, e tan necesarios, traballan por protexer, espallar e pór en valor o patrimonio da comarca. 

No ámbito da escrita, estes anos deron para grandes fitos e para que varias plumas destacasen no máis alto. Abadín celebrou en 2019 o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño, ao que en 1986, 15 anos despois da súa morte, se lle dedicou o Día das Letras Galegas. 

O ano 2014 quedará gravado como o do poeta de ‘Nimbos’, o guitiricense Xosé María Díaz Castro, e nunca houbo Letras Galegas tan celebradas nas páxinas da Chaira. Dous anos despois, a memoria de Manuel María, o poeta da Terra Chá, natural de Outeiro de Rei, colleu o relevo co seu propio día para a historia. 

Pero quedan nomes pendentes. A asociación Avelino Díaz loita dende hai anos polo recoñecemento do poeta meirego, igual que a comisión Xosé Crecente Vega, que busca que se poña en valor outra das grandes voces líricas chairegas tras publicar a súa obra inédita en ‘O mundo nun puño de remol’.

Porque se algo ten esta comarcha é que hai moito creador e moito motor cultural que empuxa e invita, como as moreas de premios que serven de trampolín a uns para darse a coñecer, a outros, para asentarse. Ao tradicional Certame de Poesía de Vilalba, o máis antigo de Galicia, ou aos de arte, debuxo, poesía e xornalismo do belén de Begonte, outro clásico, sumáronse nestes últimos anos outras moitas propostas. 

En 2016 o Concello de Guitiriz lanzou o I Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía. En 2017 o Iescha puxo en marcha o Agustín Fernández Paz de literatura xuvenil e Lareira de Soños impulsou o primeiro certame de micropoesía Vilariñas. Foi xusto antes do nacemento de Nova Poesía Guitirica (NPG) e de iniciativas como Poemas Pendurados de Farolas. 

Un ano despois, en 2018, Culturalia GZ —peza necesaria na engranaxe literaria chairega—, o Concello de Cospeito e a asociación de veciños de Pino uníronse para lanzar da man o concurso de poesía Torre de Caldaloba e o Concello de Vilalba, tamén con Culturalia GZ e Alvarellos Editora, aposta ese mesmo ano polo Certame de Microrrelatos Día do Libro

Hai moitos máis, sobre todo infantís —ao Certame Terra Chá, enmarcado no Festival de Pardiñas, unironse os da Festa da Filloa, o premio Mariña Folgueira, que naceu en 2015 na Pastoriza para recordar á xornalista, ou o de debuxo e poesía Insua e o liño de Vilalba— ou de investigación histórica: o que organiza Hume nas Pontes e o Xermade na Historia. 

Pero non todo son letras e plumas. O audiovisual non deixa de medrar. Como exemplos, o meirego Andrés Goteira arrasando con ‘Dhogs’ nos Mestre Mateo, con 13 premios, en 2018; o actor Luis Tosar, que acadou o seu terceiro Goya con ‘Celda 211’ en 2009, o mesmo ano no que o cine entrou na RAG da man de Margarita Ledo, ou a fotógrafa pontesa Lúa Ribeira, que se converteu no ano 2020 na terceira española en formar parte da axencia internacional Magnum. E tamén hai unha longa lista de pintores, músicos, filólogos, tradutores, artesáns, arquitectos, deseñadores... que despuntaron e seguirán a despuntar, enchendo novas páxinas. 

Tamén abriron novos templos de cultura nestes 15 anos da Chaira, como o Museo da Zoca de Muimenta, o Museo Etnográfico Monte Caxado pontés ou o da Emigración de Santaballa, que se sumaron aos clásicos. E quedan peticións pendentes, como un centro para que non esmoreceza a tradición do liño en Insua, rehabilitar a casa natal de Díaz Castro, darlle o nome de Manuel María á casa da cultura de Vilalba —idea que leva anos sobrevoando a política local—, o de Xose da Flor á de Meira ou o de Agustín Fernández Paz á biblioteca vilalbesa. Sempre, por moito que se faga, quedan deberes por facer e xente necesaria á que descubrir. 

Protagonista
PACO MARTÍN. AEPPaco Martín. O 7 de outubro de 2006, o ano que estas páxinas empezaban a publicarse, nace o Paseo dos Soños en Vilalba e inaugúrase co primeiro Hectómetro Literario adicado ao escritor lucense. Era o mesmo ano que se celebraba o vixésimo aniversario do Premio Nacional de Literatura Infantil que acadou con ‘Das cousas de Ramón Lamote’. Foron despois Manuel María, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Darío Xohán Cabana, Xosé Manuel Carballo, Margarita Ledo, Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro, Xosé Chao Rego, Ramón Chao, Xulio Xiz, Mini e Mero e Alfonso Blanco. A pandemia deixou en espera o acto de Miguel Anxo Fernán Vello e o próximo será o de Víctor Corral. 

Comentarios