Recoñecemento para don Modesto

Veciños de Muras solicitan ao Concello que lle conceda o título de Fillo Adoptivo ao xesuíta Modesto Vázquez-Gundín Teijeiro, impulsor do parvulario e de diferentes accións nos anos 80
Don Modesto, cun grupo de alumnos no parvulario de Muras a principios dos anos 80. EP
photo_camera Don Modesto cun grupo de alumnos no parvulario de Muras a principios dos anos 80.

O SEU labor supuxo unha auténtica revolución. Un antes e un despois nunha vila rural con moitas necesidades. "Viña de Madrid e chegou a Muras en 1975, imaxina as diferenzas", resume Pablo Pernas, un dos promotores dunha iniciativa coa que tratan de que o crego Modesto Vázquez-Gundín Teijeiro, que actualmente reside na Coruña, sexa recoñecido polo Concello de Muras como Fillo Adoptivo.

Este xesuíta, ordenado en 1962, chegou á vila chairega a mediados dos anos 70 para exercer de crego nas parroquias de Muras e no Burgo e, posteriormente, nas de Irixoa e Viveiró. "O seu labor significou unha innovación en relación ao cometido que viña desenvolvendo a igrexa tradicional, implicándose de maneira especial na axuda para resolver os problemas de toda a veciñanza", aseguran os que viviron aqueles tempos precarios con "falta de infraestruturas viarias, carencia ou mal subministro de enerxía eléctrica e un importante atraso económico".

Pero se había unha cuestión que presentaba un importante retroceso ese era o eido educativo con "escolas unitarias que non reunían un mínimo de condicións para impartir ensino", indica Pernas, quen lembra que a implicación con temas sociais e educativos de don Modesto foi casi instantánea.

"Ao día seguinte da súa chegada a Muras solicitóuselle apoio para o estudo da rapazada", recorda, e a resposta non se fixo esperar. Converteu a casa reitoral nunha "casa de estudo durante o curso, e no verán aínda con máis intensidade", lembran uns alumnos que tiveron a fortuna de empaparse dos seus coñecementos, e que aínda hoxe manteñen intacta esa boa relación co mestre e amigo.

Esa primeira escola improvisada permitiulle ao crego comprobar o atraso académico que tiñan os pequenos do municipio e animouno a fundar, no ano 1978, o parvulario Os Anxeliños, para nenos de tres a seis anos, unha institución que na maior parte foi «financiada por el mesmo», confirman os veciños, rememorando como o seu Citroën 2CV se transformou tamén en transporte escolar.

O parvulario funcionou durante nove anos e foi o xerme, grazas "ás súas xestións", para a construción do colexio comarcal de Muras, "conseguindo así superar de forma notable as malas condicións que presentaban as escolas unitarias e a mellora significativa da educación nas etapas inicial e básica". Como resultado da posta en marcha deste parvulario, creouse a asociación de pais de alumnos de Muras, otro fito importante para a época.

OUTRAS INICIATIVAS. Modesto Vázquez-Gundín Teijeiro, que se presentou como independente ás primeiras eleccións democráticas nas que foi elexido rexedor, impulsou outras actividades culturais e sociais ao longo da súa etapa na vila chairega, que se extendeu ata principios dos anos 90.

Organizou excursións para ver o mar ou representacións sinxelas de obras teatrais "un labor de integración e formación moi propia dos xesuítas en Europa", explican dende o grupo de veciños que pelexa por ese recoñecemento necesario para don Modesto, lembrando que houbo actuacións en Muras pero tamén "en Vilalba, Ourol ou Viveiro".

A casa reitorial serviu de apoio para albergar iniciativas sindicais de axuda a agricultores e gandeiros, unha cuestión que se plasmou "na creación do Sindicato Labrego Galego", lembran os que o viviron.

"Non podemos esquecer tampouco as múltiples axudas e accións específicas e particulares prestadas a familias con necesidades especiais", engaden os promotores desta iniciativa, que cada ano, e de maneira ininterrompida dende hai oito, se reúnen co protagonista en Muras para recordar e festexar.

"Facemos unha xuntanza anual para compartir con el as nosas vivenzas do ano", explican, satisfeitos por manter viva esa amizade, e insistindo en que "hai un recordo moi especial polo seu extraordinario labor e entrega desenvolvidos durante a súa longa permanencia entre nós, o que debe ser recoñecido no ámbito municipal para constancia na historia deste concello", conclúen.

Apoio "total" do equipo do goberno
Esta iniciativa veciñal foi recibida de bo grado polo equipo de goberno de Muras, segundo defendeu o rexedor, Manuel Requeijo. "Estamos completamente de acordo en que don Modesto deixou unha forte impronta no concello", afirmou o alcalde, recordando que "puxo en marcha moitas iniciativas que permitiron facer cambios importantes na vida dos veciños". Por iso amosa o seu apoio "total" e avanza que esta cuestión se debatirá nun pleno, cuxa data todavía está por determinar.

Antía Cal
Non hai moitos anos, concretamente en 2015, o mesmo equipo de goberno —co respaldo da oposición— concedeu a distinción de Filla Adoptiva a unha muller vencellada tamén ao mundo da educación. A pedagoga Antía Cal foi merecedora deste recoñecemento e dende o mesmo ano o colexio da vila, aquel polo que pelexou Modesto Vázquez-Gundín Teijeiro, leva o seu nome.

Comentarios