Recoñecemento á calidade

Talleres Barja, de Abadín, vén de recoller o premio ao mellor servizo posvenda 2018 de Peugeot. Detrás dese galardón agóchanse anos de dedicación e bo facer cos clientes

Antonio Barja co galardón a carón do Peugeot 201. S.IGLESIA
photo_camera Antonio Barja co galardón a carón do Peugeot 201. S.IGLESIA

O traballo incansable e o bo facer que o abadinés Antonio Barja leva a cabo no seu taller en Quende (Abadín), vén de darlle un dos seus últimos froitos. O premio ao mellor servizo posvenda en 2018 de Peugeot, entre máis de 500 candidatos por toda España, é a recompensa a máis de 35 anos de dedicación. "É unha satisfacción enorme, porque neste premio non importa o volume de vendas, aquí o que se mira é a valoración que fan os clientes logo de pasar polo taller", explica Antonio, quen comezou con 24 anos nun pequeno local e foi "ampliando en función das necesidades".

Man a man con el traballan un total de dez empregados mais algúns alumnos de prácticas, porque tal e como di "hai que darlle a oportunidade á xente nova". A eles, a todo o seu cadro de persoal, agrádecelles a súa implicación para facer posible este fito. A confianza que depositan os clientes en Talleres Barja fai que algún incluso "cambiara de coche sete ou oito veces aquí", apunta o xerente. Outros, ademais, "veñen de Madrid ou de Bilbao e fan coincidir as datas para facer a revisión". 

Dous dos vehículos históricos que ten Antonio apareceron no filme de Dani de la Torre, 'La sombra de la ley'

Boa parte da culpa do éxito depende "da innovación", coma cando comezaron a levar automóbiles a pasar a ITV. "Empezou sendo un favor que lle faciamos a algún señor maior e agora levamos catro ou cinco a diario", comenta Barja.

E se hai algo que non pode quedar no tinteiro é a incursión que Antonio fixo no cine a través de dous dos seus vehículos históricos. Cunha colección que anda polos 20 coches antigos, dela foron elixidos un Peugeot 201 do ano 1931 e unha Chevrolet de 1927 proveniente de Uruguai para o filme de Dani de la Torre, La sombra de la ley

O primeiro tivo un papel protagonista —ademais de que é habitual velo rodando por Abadín—, mentres que a segunda tan só se ve en planos fixos debido ao seu estado. Unha anécdota que lle fai enorgullecerse máis da súa afección por unhas xoias ás que "non lles podo poñer prezo", di.
Toda unha vida ligada ao motor coa satisfacción dos seus clientes como horizonte, "intentando superarnos día a día porque, ao fin, temos unha responsabilidade con eles", resume.

Comentarios