A reportaxe da Chaira

Recíclate con Sogama: o coidado do medio ambiente chega ás aulas

Tres colexios da Terra Chá foron seleccionados este curso para participar no programa con cadanseu proxecto
Alumnas do Ceip Santo Estevo de Parga reciclan nos contedores de cores. C. PÉREZ.
photo_camera Alumnas do Ceip Santo Estevo de Parga reciclan nos contedores de cores. C. PÉREZ.

O tempo é cada día máis impredicible, cambiante e antinatural. Tanto pode quentar o sol durante toda unha semana en febreiro, con temperaturas altas, como que xuño veña pasado por auga case na súa totalidade. E a ninguén lle soa raro, senón que xa se pon como o normal, igual que algo tan simple como ver nevar sexa máis de película que outra cousa.

Aquí entran en xogo a contaminación e o cambio climático, dúas problemáticas estreitamente relacionadas que se acrecentan co paso do tempo e fan perigar a terra. Porén, os máis pequenos de hoxe poden ser os impulsores do cambio de tendencia e un exemplo de como facer as cousas, algo que teñen moi claro nos centros escolares de Xermade, Parga e Castro de Rei.

Alumnos do Ceip Santo Estevo de Parga, cos contedores de Sogama. C. PÉREZ.
Alumnos do Ceip Santo Estevo de Parga, cos contedores de Sogama. C. PÉREZ.

É por iso que os tres entraron este curso no programa Recíclate con Sogama 2022-2023, e desenvolverán candanseu proxecto de reciclaxe. Para elo, contarán con coñecementos e asesoramento de Sogama, ademais de medios materiais e divulgativos dispensados pola propia empresa, o que fai que sexa un contexto positivo para a concienciación e a apredizaxe sobre o coidado do medio ambiente e do planeta.

O proxecto da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) arrancou fai dez anos co obxectivo de implantar a cultura de reciclaxe en centros educativos e contribuir así ademais a fomentar hábitos ecolóxicos na poboación, como explican dende a empresa pública autonómica.

"Elíxense un total de entre 20 e 25 centros para cada curso escolar, xa que así é moito máis doado colaborar con eles, supervisar e coordinar as actuacións, asegurándose así un traballo de calidade", proseguen dende Sogama, recalcando a importancia deste tipo de traballos e iniciativas nos centros educativos.

Unha das partes máis importantes do plan impulsado por Sogama é a dos medios que aportan aos colexios. "Facilitámoslles medios materiais, como son unha illa de reciclaxe con tres contedores e, para algúns que teñen comedor ou hortos ecolóxicos, un composteiro", ademais de medios documentais, como son "formación específica en vídeo para os profesores, manuais ou vídeos máis xenéricos, entre outros", apuntan.

Alumnos do Ramón Falcón, colocando un mural. EP.
Alumnos do Ramón Falcón, colocando un mural. EP.

 

O Ceip Ramón Falcón, de Castro de Rei, é un dos tres colexios da Terra Chá que participan no programa este curso escolar, tomando a decisión por mor de que "a xestión dos residuos e da reciclaxe no centro non é a ideal, e así ensinámoslles ao alumnado a facelo de forma correcta e a mellorar niso", explica Xoán Carretero, coordinador do proxecto de reciclaxe do centro.

"Ademais dos cubos do lixo para separar os refugallos, imos facer murais, decoracións en diversas fechas do ano empregando materiais reciclados e obradoiros nas aulas", conta Xoán sobre as actividades que van realizar no centro.

A estas pódenselles unir outras que teñen en mente como "un horto escolar ou cine e contacontos coa temática do coidado do medio ambiente", engade.

"Imos tentar darlle visibilidade na vila con carteis e sinalizacións nos contedores", apunta, ademais de darlle aos máis maiores a responsabilidade de "explicárllelo aos pequenos despois dunha charla que lles van dar profesionais de Sogama".

O Ceip Plurilingüe de Xermade ten, pola súa parte, un traballo máis continuista, xa que "hai anos que se fan actividades para concienciar aos nenos sobre o coidado do medio ambiente", conta Uxía López, coordinadora do proxecto.

Alumnos do Ceip de Xermade xogan con material reciclado. EP.
Alumnos do Ceip de Xermade xogan con material reciclado. EP.

"O primeiro paso vai ser realizar unha enquisa para coñecer os hábitos dos nenos e das familias, ademais de empregar material reciclado nas decoracións das actividades que se fagan durante o curso", explica Uxía, que prosegue falando do "horto escolar, que xa houbo hai uns anos e queremos recuperar, ademais de empregar o composteiro que lle facilita Sogama aos centros".

Tamén coinciden co Ceip Ramón Falcón na estratexia de que sexan os de primaria os que reciban a formación de Sogama e despois llela trasladen aos máis novos mediante actividades.

Pola súa parte, o Ceip Plurilingüe Santo Estevo de Parga vai optar tamén polo "horto ecolóxico e as actividades relacionadas coas tres erres, así como unha forte concienciación cos tres contedores de cores, para que aprendan a empregalos e o fagan", explica Jesús Rivas, coordinador do proxecto.

"Tamén imos facer xogos con material reciclado en educación física, como poden ser facer lanzamento de disco con cartóns", engade Jesús.
 

Un seguemento de cerca e orientacións para acadar a meta
O Recíclate con Sogama 2022-2023 botou a andar xunto co curso escolar, tendo este ano no seu seo 20 centros de toda Galicia, cinco deles de Lugo, entre os que se atopan os tres da Terra Chá, no ano no que conta co maior número de centros dentro do plan. Estes van ser avaliados ao longo de todo o curso, así como orientados para poder acadar os seus obxectivos e contar como éxito as súas programacións. 

Precedentes. Os dous primeiros colexios da comarca que entraron no programa foron, os dous no cursos 2015-2016, o Ceip Veleiro-Docampo, de Castro de Rei, que se converte no único concello con máis dunha participación, e o Ceip de Muimenta, pertencente ao concello de Cospeito. Tamén participou, dous cursos despois, no 2017-2018, o Ceip Manuel Mato Vizoso de Vilalba

Diagnósticos. Varios membros de Sogama van ir, en diversas datas, sendo a primeira preto do Nadal, a realizar diagnósticos para ver o funcionamento dos proxectos e orientar en caso de que haxa algo que non funcione e que estea acarreando dificultades.

Puntuación. En maio ten lugar a última visita, na que se examinan os contedores, con mostras para ver que os residuos que haxa neles sexan os correspondentes. Con isto e coa memoria de cada centro, faise unha avaliación. Ata o de agora todos os centros superaron a proba.

Comentarios