Raúl Ferreiro: "Amar, servir e querer á xente axudoume moito"

O crego recibirá unha homenaxe o vindeiro día 20 en Castro de Rei
Raúl Ferreiro. JOSÉ Mª ALVEZ
photo_camera Raúl Ferreiro. JOSÉ Mª ALVEZ

Naceu na Meda (Castroverde) hai 83 anos. Fillo de labrador, criouse con oito irmáns. Despois de facer o servizo militar na Coruña, decidiu facerse sacerdote. Durante a súa carreira administrou 20 parroquias. Entre elas, algunhas de Castro de Rei, Pol ou A Pastoriza.

Que sente ao recibir unha homenaxe polos seus 50 anos no sacerdocio (día 20, no Val dos Soños) das parroquias onde estivo?

Nun primeiro momento non quería que se fixese, a min gústame pasar desapercibido (ri). Se o fan é por algo, eu síntome moi agradecido, penso pasalo ben.

De todos os lugares onde exerceu, hai algún ao que lle garde especial agarimo?

As parroquias onde empezas sempre te marcan máis. Pero eu téñolle cariño a todas. De feito, é doloroso cando tes que deixar atrás unha porque cho indica o bispo. Doe pero hai que obedecer... ata certo punto, se manda que me tire ao río non o faría (ri).

Como mantén a paixón polo seu despois de tanto tempo?

Estando ao servizo da xente e botando unha man no que podo. Iso axudoume moito na vida. A través da oración tamén a conservo, e iso que non son dos que máis o fan.

No seu momento, como se decantou por coller o camiño da fe?

Decidín dar o paso cando examinei os meus pensamentos. Dinme conta de que era o que Deus quería para min, non podía rexeitar o regalo.

Tivo dúbidas nalgunha ocasión?

Nunca. Sempre estiven convencido da decisión que tomara. Deus quería isto para min. Ser sacerdote nunca me provocou dúbidas. Amar, servir e querer á xente axudoume moito, igual que ter unha familia que me apoiou en todo momento.

Cal foi o momento que máis o marcou como párroco?

Marcoume o feito de descubrir a Deus. Esa é a felicidade para min. E canto máis quero aos demais, máis feliz estou.

Como definiría a relación que tivo cos seus fregueses?

Moi boa. Deles aprendín moito. Cando escoitas aos demais e sabes ver o positivo de cada un deles, creces como persoa.

Cre que debería haber cambios na Igrexa?

A Igrexa debería dar un paso xa hai un tempo. Por exemplo, un home casado que sinta a fe podería exercer como sacerdote. Do mesmo xeito, unha muller podería ser cura se o sente. Penso que son pasos que se acabarán dando, pero vai con atraso.

Que consello lle daría a un rapaz novo que quere ser sacerdote?

Que o pensase ben, pero que non teña medo. Eu son dos que di que ‘Deus aperta, pero non afoga’. A vida non é fácil, pero un sacerdote ten que estar seguro, porque do contrario pode esvarar.

Despois de medio século, pensa deixar de exercer?

Sempre fun claro, mentres poida seguirei, pero prefiro faltar que sobrar. Agora estou con oito parroquias, elas están felices comigo e eu igual. Ben podo con elas (ri). Cando un ten 83 anos, a vida cambia. Estou convencido de que chegará o momento de parar. Cando toque, darei o paso.

A que dedica o seu tempo libre?

Nunca me aburro (ri). Cando teño tempo vou para a horta, poño unhas leitugas... Ademais, gustaríame ler algo máis.

De non ter sido cura, que outra profesión lle gustaría?

Ao mellor militar, estiven de voluntario 20 meses.

Comentarios