jueves. 21.10.2021 |
El tiempo
jueves. 21.10.2021
El tiempo

O ratiño Pérez fai as maletas

A nova casa do ratiño Pérez.  RATIÑO PÉREZ
A nova casa do ratiño Pérez. RATIÑO PÉREZ

O ratiño Pérez leva vivindo uns anos en Vilalba, moi contento con este emprazamento decidiu mudarse de casa pero segue habitando na vila. Unha vivenda máis ampla, con garaxe e horto, onde continuará recibindo nenos e non tan nenos e as súas cartas

ESTABA DECIDIDO, necesitaba un cambio de aires, e sen deixar a súa querida Vilalba, apostou por mudarse. O ratiño Pérez e a súa familia estiveron afanados durante as últimas semanas facendo maletas e poñendo todo no seu lugar.

"Decidimos mudarnos para unha casa máis grande, ten varios pisos, garaxe e horto, pero sobre todo mudámonos para estar máis protexidos", explica o ratiño. El e a súa familia agardan que esta nova vivenda sexa máis tranquila e que non teñan que sufrir actos vandálicos como na súa anterior casa que hai uns meses aparecera pintada de verde.

"Estou moi ilusionado con esta casiña, é moi bonita, e estou traballando arreo para que todo estea perfecto, sen descoidar por suposto o meu traballo, indo ás casas de todos os nenos e nenas a recoller os seus dentes", comenta Pérez, contento de poder estrear nova morada.

A casa do ratiño Pérez, na zona do Cotarón dende hai uns anos, pode atoparse en Google Maps, onde xa actualizou a súa deirección

É unha casa a tres alturas, na planta de abaixo ten o garaxe, na do medio un horto ao que Pérez e a súa familia lle dedican moito tempo para poder comer produtos frescos, tamén teñen a casiña do can e un banco onde ao ratiño lle gusta descansar e ler tras unha dura xornada de traballo.

Xa na planta de arriba ten a bicicleta, Pérez desfruta moito de percorrer a Madalena e o Rañego nela. A familia tamén conta cun novo habitante na súa casa, un paxariño que decidiu facer o seu niño no alto da árbore.

En canto ao interior, prefiren mantelo na intimidade familiar. "Por dentro tamén apostamos polo deseño rústico, pero sobre todo pola funcionalidade para todos os que a habitamos", explica o ratiño Pérez.

Non quixo dar detalles do lugar concreto pero seguro que nesta gran casa tamén ten un espazo para gardar os dentes dos nenos e nenas , así coma todas as súas cartas e agasallos.

Para todos os que queiran coñecer a nova vivenda do rato máis ilustre da capital chairega, xa fixo os trámites pertinentes para que a localización estea dispoñible no Google Maps e todos os que queiran coñecer onde mora poidan chegar sen dificultades. "Sigo vivindo no Cotarón, pero como cambiei de lugar non quería que ninguén se perdese intentando chegar ata a miña casiña, agradezo moito as visitas e agardo que este novo emprazamento guste tanto ou máis que o anterior", engade. Tamén falou xa coa oficina de Correos vilalbesa para informalos da súa nova dirección, co fin de que todas as cartas cheguen.

O ratiño Pérez, ademais de todo o traballo na construción da casa, non puido coller vacacións. "Aos nenos seguen a caerlles os dentes aínda que sexa xullo, agosto ou setembro, co cal a miña profesión non entende de vacacións", di. Pero el, sempre contento e alegre, sabe que o seu labor é necesario para repartir ilusión e máis nos tempos que corren.

Polo momento, non ten pensado facer máis mudanzas, agora quere desfrutar do seu novo fogar e seguir engadindo os pequenos detalles que aínda lle faltan. "Invito a todo o mundo a que se achegue, aínda que o traballo me ocupa moitas horas e igual non me colle na casa, as portas do meu fogar sempre están abertas", afirma o ratiño Pérez, que se converteu nun vilalbés máis.

O ratiño Pérez fai as maletas
Comentarios