miércoles. 14.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 14.04.2021
El tiempo

Ramón Villares: "A pandemia deixará feridas na cultura pero son tempos que esixen unha visión solidaria"

Ramón Villares. VICTORIA RODRÍGUEZ
Ramón Villares. VICTORIA RODRÍGUEZ
O xermadés, expresidente do Consello da Cultura Galega, afronta o camiño cara a unha xubilación que o afastará das aulas da USC, onde durante décadas viaxou ao pasado cos seus alumnos. Pero seguirá montándose nesa máquina do tempo que é a historia para continuar publicando viaxes

Ramón Villares xa é sinónimo de cultura galega. Catedrático de Historia Contemporánea da USC, exreitor e probablemente emérito co tempo, acumula tantos cargos no seu currículo como obras publicadas. E segue sumando, quizais por iso di que ten medo de que falen de "foi, foi.. e non de é" cando vai camiño dunha xubilación que chegará "oficialmente polo San Ramón". Acaba de cumprir 70 anos e na USC rendéronlle tributo cun libro que é un recoñecemento ao seu labor de investigación. 

Como o viviu?

Foi un acto moi emotivo, entrañable, cariñoso... para min inesperado, que agradecín moito. 

Que imaxe lle gustaría deixar? 

Ui, difícil! A imaxe constrúena os demais, pero a experiencia foi moi positiva. Dende 1976 dou clases de forma ininterrompida. Os alumnos sempre foron un estímulo, son uns ollos xóvenes, cada vez máis segundo un vai avanzando, que esperan, desfrutan e esixen. Tiven alumnos moi bos e para min a Universidade foi a vida. 

Foi reitor da USC. Como foi e cal é o reto da Universidade? 

A Universidade é das institucións máis antigas de Europa, que constantemente se ten que estar adaptando aos tempos, sempre movéndose, pero tamén é lenta. A min tocoume unha experiencia excepcional e inesperada cando se crearon as dúas novas universidades, A Coruña e Vigo, que en parte foi visto como unha segregación da de Santiago. Herdei ese testamento e tocáronme os labores de partilla. Houbo tensións e resistencias e foi un período excitante e esixente, pero moi positivo, aprendín moito e axudoume a entender doutra forma a miña profesión, a historia.   

Un pode xubilarse como docente pero historiador é toda a vida?

Como escritor de libros de historia xubílate a vida, se a cabeza non dá máis de si ou se decides dedicarte a coidar o xardín ou viaxar. Eu o xardín cóidoo, pouco, dende hai 30 anos, non me colle de sorpresa. E escribir, levo 40 anos publicando. Seguirei nesa dirección. 

Algunha obra no forno? 

No forno hai varias. Unha vai saír nun par de meses, un estudo sobre o exilio republicano e o problema da construción das autonomías. É un libro ao que lle dediquei moito tempo e durante a pandemia dinlle forma. Teño outro en previsión de recolleita de artigos sobre cuestións de cultura, política autonómica... E outras encomendas. 

Presidiu o Consello da Cultura Galega doce anos. Que destacaría? 

Foi agradable e puidemos facer moitas cousas. A estabilización do persoal, unha tarefa de moito tempo, encontrar un nicho para o Consello, que naceu dunha forma indecisa e fómonos especializando na asesoría cultural, e dinamizamos moito a tarea de divulgación de cara ao exterior da cultura galega cuns recursos relativamente limitados pero que ben administrados dan para moito. 

Que é a cultura galega? A xente pensa no tradicional ou máis alá? 

É un debate vello. A cultura en xeral está vinculada ao acto de creación literaria, artística, musical... pero no Consello procuramos romper ese molde. A cultura é un poema, pero tamén un cadro, unha partitura, un laboratorio, un filólogo que investiga a lingua... E a cultura tamén ten que ser entendida como un sector económico, moi fragmentario, formado por moitos traballadores e pequeniñas empresas, fundacións... que necesitan ser amparadas, porque a cultura sen un certo amparo público non se sostén, e ao mesmo tempo debe ser ben xestionada e modernizada a súa xestión. 

Tempos de pandemia. Fálase moito de cultura segura. Paga o pato? 
Hai unha parte moi afectada, a cultura que se basea en multitudes, teatro, música, concertos, verbenas..., e nas terminais da cultura, bibliotecas, librarías, salas, hai menos xente ou ningunha, pero hai outra cultura, o libro, que resistiu ben. A pandemia vai deixar perdas e feridas que confío en que se poidan recuperar no futuro, pero hai moitos sectores afectados, a hostalería, o turismo... Todo o mundo pensa que o seu problema é único e estamos en tempos que esixen máis que nunca unha visión solidaria da situación tendo en conta que temos que saír coas menores perdas posibles e é unha loita que non se pode facer de forma individual. 

Publicou moito sobre identidade. Dicía Castelo, "son galego por obra e gracia do idioma", pero hai máis?  

O idioma é importante, unha riqueza extraordinaria e colectiva, pero non é o único. A identidade é algo cambiente e plural. A relación coa terra, coa propiedade, a forma de ser da familia, a organización das aldeas e as vilas...  

Que opina do debate co idioma vehicular na educación?  

Paréceme falso. Que saian voces dicindo que está en perigo a lingua española é lamentable. Con 500 millóns de falantes non periga porque haxa un señor que diga que non a quere vehicular. En sociedades cultas, modernas e consolidadas a xente pode tomar decisións que non che gusten pero non tes porque impoñerllas. Se en Cataluña toman a deteminación dun uso da lingua que rexeite o castelán, é o seu problema, non dos que están fóra. Hai que ser máis comprensivos coas decisións da xente e máis respectuosos, incluso cando se equivocan.  

Vivimos nun mundo de extremos. Nacionalistas si ou non, bos ou malos? 

Estamos nun tempo de certo maniqueísmo moral, curiosamente canto máis alfabetizados estamos e a sociedade ten aparentemente unha percepción máis cabal do mundo. As novas tecnoloxías estannos levando cara a unha situación que fomenta o non debate. 

Pero nas redes hai moito debate.

É un debate falso, cada un expresa a súa opinión e non escoita a do outro. Iso é unha autoafirmación ou unha confirmación a través dun click de opinións que che gustan. Estamos vivindo un tempo novo que non sabemos como xestionar que nos vai provocar moitos desafíos. Hai moitas ideas comúns de bos ou malos: tal relixión mal, nacionalista dun estado constituido, bo, dunha nación que non é un estado, horrible... Forma parte do noso debate actual, pero temos que pararnos a pensar en como seguimos camiñando. O problema é quen di que pare. As grandes tecnolóxicas prohibíndolle a Trump publicar tuits? Pero estaremos en mans das compañías, non dos estados. E son camisas de once varas que para a Chaira están lonxe... 

"Cando tes poucas expectativas tes moitas experiencias. Son fases da vida"
Natural de Cazás, Xermade. Que peso ten na súa historia? 
Bastante. Dende os dez anos non vivo alí de forma continuada, pero de forma intermitente sigo sendo habitante de Cazás. Non había mes que non fora antes da pandemia. Non me sinto estranxeiro. 
Entrou na RAG cun discurso sobre Otero Pedrayo. Que opinaría o seu Adrián Solovio da Galicia actual? 
Que logrou o que Solovio soñaba pero que carece do entusiasmo. 
Un persoeiro histórico? 
Charles de Gaulle. 
Un libro que hai que ler? 
O que contén todo é El Quijote. E de literatura galega Cantares Gallegos de Rosalía, e algo de Otero Pedrayo, Arredor de si.
Unha película? 
El Padrino, un clásico. 
Música de fondo, que escoita? 
Clásica, un concerto de Bach. 
Un soño por cumprir? 
Levo unha vida bastante plena, fisicamente ben levada. O que poido esperar é peor, o meu traballo vai ser manterme o mellor posible. Cando tes poucas expectativas tes moitas experiencias. Son fases da vida. 

Ramón Villares: "A pandemia deixará feridas na cultura pero son...
Comentarios