martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

Ramón e María camiñan cara á igualdade

Edgar Fernández. AMADOR
Edgar Fernández. AMADOR
O Concello vilalbés aposta por renovar a representación das entidades nas festas coa incorporación por primeira vez de 5 rapaces. O médico Alberto García Basteiro, que loita contra a tuberculose en Mozambique, lerá o pregón das patronais o día 30 no auditorio

Era unha vella demanda e este ano farase realidade. As damas das festas de San Ramón e Santa María deixan de ser tal, polo menos no anacronismo que para moitos supoñía que tivesen que ser obrigadamente mulleres. Así o pensaba tamén a nova corporación municipal, que decidiu non só manter, senón mesmo ampliar a figura da representación das distintas entidades e colectivos locais, pero dándolle cabida por primera vez aos homes.

"Quixemos respectar o traballo que xa había feito, pero tamén modernizar a figura e que o xénero non fose un factor determinante, que estean representadas as asociacións, pero que non sexa un rol feminino" explicou a concelleira Vanesa Siso, que avanza outros cambios con respecto á programación habitual das festas. Outra das novidades producirase na tradicional imposición de bandas e de medallas á raíña e as damas, un acto protocolario que tamén desaparece, aínda que si haberá unha presentación oficial dos 22 representantes designados este ano, no que Siso promete "sorpresas".

O Concello programa varias actividades infantís e un concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre o día 6 na Praza de Santa María

O que si se mantén é o día no que se oficializarán os nomeamentos, o día 30 na casa da cultura, cita trala que a comitiva se trasladará ao auditorio municipal para a entrega de premios do Certame Literario, cuxo ditame do xurado se fará público uns días antes, e o pregón das festas, responsabilidade para a que este ano foi escollido o médico e investigador vilalbés Alberto García Basteiro, coordinador da área de tuberculose no Centro de Investigação em Saude de Manhiça (Mozambique) e profesor asistente de investigación no Instituto de Salud Global de Barcelona.

Uxía Rey Lindín exercerá neste 2019 como raíña das festas de San Ramón e Santa María, e contará coa axuda de dun rei e dunha raíña infantil: Edgar Fernández Castro e Naroa Ameijide Fuentes. Haberá ademais 19 representantes de distintas entidades da vila, nos que por primeira vez cinco deles serán homes: Iago Rodríguez (conservatorio), Aitor Fraga (Cruz Vermella), Esteban Cabana (Banda de Música), David Trastoy (banda de gaitas Mato Vizoso) e Carlos William Bolaño (Moo Duk Kwan).

Naroa Ameijide, raíña infantil. AMADOR

Naroa Ameijide. AMADOR

A eles súmanse Alba Varela (Vilalba 4x4), Alana Felpeto (asociación de Bordelle), Antía López (Esmuvi), Candela Vérez (Peña Celtista), Ana Rey (Rácing Club Vilalbés), Nerea González (Movemento), Naiara Bello (Buxos Verdes), Carmen Díaz (coral Luar), Uxía Trinidad (asociación do Campo de San Xoán), Tania Gayoso (club Violeta), Sara Ferreiro (asociación Andrade), Nerea Morado (asociación de Árbol), Alba Cendán (Entre Lusco e Fusco) e Carla Roca (Jansu).

O Concello de Vilalba colabora ademais coa comisión de festas, na que este ano repiten Charo Carreiras e Manuel Prado, coa organización de diversos actos culturais, entre os que destacan o concerto gratuíto que ofrecerán Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre o día 6 de setembro, ás 22.30 horas, na Praza de Santa María.

O resto son actividades infantís: Uxía Lambona e a Banda Molona (día 26, 19.00 horas, Praza de Santa María), o Día Infantil (27, a partir das 16.30, Praza da Constitución), Os Fabulosos Cleaners (28, 18.00 horas, auditorio), Ilusións Ópticas (3 de setembro, 18.00, Praza da Constitución), Arco Iris (día 4, 19.00, auditorio) e Tanxarina (5, 19.00, auditorio). Todas as actuacións serán de balde, pero no auditorio hai que ter entrada.

Programación: dende o 21 de agosto ao 8 de setembro

As festas patronais de San Ramón e Santa María de Vilalba comezan oficialmente o mércores 21, coa Xira da Terceira Idade na Madalena —a partir das 12.00 horas haberá misa campestre cantada por Luar, un xantar e a música de Eclipse e Acirema— e culminan o domingo 8, co Día das Parroquias dedicado a Mourence.

Xira
A Madalena acolle a Xira, animada por Fin de Siglo e Brujas o 24 e por Noche de Estrellas o 25. Na tarde do 24 debutará o Rácing Vilalbés fronte ao CD As Pontes (18.30) e o Iescha organiza xogos tradicionais con Xotramu (17.00 horas).

Día da Bicicleta
O Espazo Xove organiza o 29 este clásico das festas, cuxa saída será ás 19.30 da Praza da Constitución. As Simultáneas de Xadrez serán o 27 ás 18.00 horas.

Orquestras
As verbenas serán ás 22.30 horas na Praza da Constitución, con Estrellas e París de Noia (día 30), La Ocaband e Marbella (31), Miramar e Los Satélites (1), Claxxon e Combo Dominicano (5), Principal e Tributo aos anos 90 e 2000 (7) e Pontevedra e New York (8).

Xuntanza Terra Chá
O 23, ás 14.30, celebrarase no Parador a comida da asociación Xuntanza Terra Chá, que inclúe unha homenaxe á asociación Sete Pontes.

A semana de...
Do 26 ao 28, ás 11.30, Larilandia ofrece xogos na Praza da Constitución. Do 3 ao 5, será Veo-Veo quen os faga.  

Ramón e María camiñan cara á igualdade
Comentarios