martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Ramiro Varela Cives: "Os nenos non son mini adultos, así que deben ser tratados por un pediatra"

Ramiro Varela Cives. EP
Ramiro Varela Cives. EP
A lectura do pregón da XXXVI Festa ó Emigrante de Pol correrá a cargo do cirurxián pediátrico Ramiro Varela Cives, nado en Antas de Ulla e afincado en Santiago. Doutor en Medicina, exxefe da área de Cirurxía Pediátrica do hospital de Santiago, antigo profesor da universidad compostelá, membro da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e cun pasado emigrante, acudirá este sábado, día 24, á Carballeira de Mosteiro

Que o vencella a Pol?

A amizade co alcalde, Lino Rodríguez Ónega, que tamén forma parte da Fundación Amigos de Galicia. Un día comentou que buscaba pregoeiro para o Emigrante e alguén lle dixo que aí estaba eu, que din varios pregóns.

Agardábao?

A verdade é que non, pero díxenlle que si sen dubidalo.

Ten experiencia nesta tarefa. Hai menos nervios?

Este será o sexto pregón, pero algo de nervios sempre hai. Sempre queres facelo o mellor posible e quedar ben con quen te convidou. Espero saír airoso.

Xa ten pensado do que vai falar?

Si. Primeiro xustificarei porque dou o pregón: porque Lino e eu somos compañeiros de fatigas; porque tamén son de Lugo, concretamente de Antas de Ulla; porque tamén fun emigrante, cando estudaba, en Múnich, e porque ben seguro que lle teño dado clase a algún rapaz do concello ou teño operado a algún neno da contorna de Pol, porque cando comecei, no 67, só había esta especialidade en Santiago. E non só vou falar de min (ri), así que centrareime nos emigrados e, como persoa con canas, darei algún consello.

Este será o sexto pregón, pero nervios sempre hai, sempre queres facelo o mellor posible

Continúa adicándose á cirurxía pediátrica. Que a diferencia da dirixida a adultos?

Todo. A fisionomía e anatomía dos nenos é completamente diferente e tamén responden de xeito distinto aos tratamentos. Ademais, hai moitas patoloxías que se dan neles e non nos adultos, e viceversa. E logo as operacións, xa que nesta especialidade tamén se inclúen intervencións cando aínda están dentro da nai.

E á hora de tratar con eles?

A parte psicolóxica non é tan diferente como as anteriores, pero é importante.
Hai algún truco para afrontar unha conversa cos pequenos cando hai unha enfermidade polo medio?
Hai que tratalos como adultos. Ás veces a xente fálalles como se foran parvos e de parvos non teñen nada. Débeselles explicar directamente o que ocorre, o necesario, pero sen asustalos.

Nunha consulta, quen está máis nervioso, os pais ou os nenos?

Normalmente os pais e, sobre todo, as nais, grandes sufridoras, porque os nenos tampouco son conscientes da gravidade que pode ter. A eles tamén hai que explicarlles o que acontece de xeito directo, sen entrar en alarmismos.

Que patoloxías trata con máis frecuencia?

Sen dúbida, a fimose e as hernias. Tamén se fan moitas operacións a pacientes que nacen sen ano, con malformacións... Hai un catálogo amplísimo de patoloxías.

É unha profesión especial, na que crear un vínculo coas familias, a relación non acaba cando o paciente sae do quirófano

A súa tese doutoral centrouse na criptorquidia —trastorno polo que un ou dous testículos teñen un descenso incompleto— e no discurso de entrada na Real Academia de Medicina alertou sobre o seu aumento. En que punto está?

É unha patoloxía moi frecuente, que sofre un 10% dos nenos dependendo da zona, que causa moitas dificultades ao longo da vida se non se trata a tempo, ademais de aumentar as posibilidades de sufrir un cancro. Traballei nunha das liñas de investigación sobre tratamentos que evitaran a intervención quirúrxica e concluíuse que inflúen factores ambientais, como os pesticidas, á hora de padecer criptorquidia.

Hai algún outro caso semellante?

Fai anos Lugo contaba cunha alta incidencia de espiña bífida e, aínda que non se demostrou, podía estar relacionada co elevado consumo de pataca.

Ultimamente estase evidenciando unha falta de pediatras na sanidade. Que consecuencias ten isto?

Os nenos deben ser tratados por pediatras, non por médicos xerais, porque un neno non é un mini adulto. A administración debe facer un esforzo na sanidade primaria e na secundaria, ademais de que deben ser tratados en zonas diferenciadas dos hospitais.

Fai anos Lugo contaba cunha alta incidencia de espiña bífida e, aínda que non se demostrou, podía estar relacionada co elevado consumo de patacas

Despois de tanta traxectoria, quedou algo sen facer polo camiño?

Fago un balance bastante positivo. Sen que soe presuntuoso, hai avós que continúan chamando para que trate aos seus netos. Ao fin, é unha profesión especial na que creas un vínculo coas familias. A relación non acaba cando o paciente sae do quirófano. Especialmente cando a intervención non sae ben, sempre está no maxín.

Leva o traballo para a casa?

Teño o teléfono sempre conectado, pero tamén teño hobbies e vida cultural e social. Hai que estar sempre ocupado.

Ramiro Varela Cives: "Os nenos non son mini adultos, así que deben...
Comentarios