Rábade e Villar estrean os encontros literarios da biblioteca rural de Pino

A parella de escritores, que presentou as súas últimas obras, destacou a aposta da asociación da parroquia cospeitesa por achegar a cultura aos veciños e repasou 50 anos de traxectoria
Os escritores, cos organizadores e algúns dos asistentes ao acto celebrado na nova biblioteca rural de Pino. C. PÉREZ
photo_camera Os escritores, cos organizadores e algúns dos asistentes ao acto celebrado na nova biblioteca rural de Pino. C. PÉREZ

A biblioteca rural de Pino estreaba o sábado unha iniciativa que quere converter en costume. Este novo servizo que nacía da ilusión e do esforzo da asociación cultural e recreativa da parroquia cospeitesa celebraba o seu primeiro encontro literario con Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro como protagonistas, dous dos grandes referentes "do panorama literario galego dos últimos 50 anos", tal e como destacaba Martiño Maseda, de Culturalia GZ, na presentación do acto.

Con el como mestre de cerimonias, a parella de profesores e de escritores foi debullando detalles da súa longa traxectoria literaria, á que o sábado sumaban a presentación das súas últimas obras, De rosa antiga, coa que Villar Janeiro conmemora as súas vodas de ouro poéticas, e A luz co tempo dentro, de Rábade Paredes.

Mais tamén fixeron un repaso pola súa propia vida, dende as lembranzas de dúas infancias "que non se parecen en nada", como indicaba Helena, ata o seu paso pola escola, os estudos ou a relación coa lingua.

"Esta iniciativa é do máis bonito que pode haber, que acheguen os libros ao mundo rural e así non ter tanta dependencia do audiovisual", indicaba a escritora. "Non podo máis que louvalo e para nós é un pracer estar aquí", aseguraba, facendo fincapé na importancia en que os veciños teñan un lugar no que xuntarse, falar ou escoller libremente un libro para ler.

Rábade Paredes, que aludiu á cultura como "a recuperación da memoria", asegurou sentirse un pouco profeta na súa terra polas homenaxes que lle deixan tributadas no seu concello natal. E lembrou que el mesmo estivo implicado no xermolo da biblioteca, ao propoñerlles facer unha colección dos libros gañadores do Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convoca a asociación xunto co Concello de Cospeito e Culturalia GZ e do que Xesús foi o primeiro gañador. E como tamén quixo pór o seu gran de area, son xa varios os libros que cedeu para unha biblioteca que está a dar con éxito os seus primeiros pasos.

"Temos xa socios, sobre todo nenos, que é o que máis ilusión nos fai", indicou a presidenta da entidade, Inés Lozano, incidindo no seu desexo de que o acto teña continuidade con outros protagonistas. "Pareceunos perfecto empezar con Xesús e con Helena, é un orgullo, e queremos darlle regularidade", dicía, avanzando tamén outras iniciativas, coma o reto lector que teñen en marcha.

Comentarios