Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Quince probas, seis equipos, un título

O CIT e a Carballeira de Parga e a área recreativa de Sete Muíños de Guitiriz acollen a disputa das sextas Olimpíadas Populares Galegas

Quince probas, seis equipos mixtos que suman case un cento de competidores de diversas idades e un triple obxectivo común: crear comunidade, pasalo ben probando que outro tipo de ocio é posible e dalo mellor de cada quen para facerse co trofeo final. Son as VI Olimpíadas Populares Galegas (OPG).

O CIT e a Carballeira de Parga acolleron este sábado a disputa da primeira das dúas xornadas que integran esta competición ideada como punto de encontro para os movementos sociais galegos. Os integrantes de Un Can Ouvea (Furelos), Terras de Monte (Cerdedo), Rede Trans Madia Xebra (provincia de Lugo), A Revolta (Vigo), e os anfitrións, Xermolos, están a dar o mellor de si para tentar desbancar ao vigués Faísca, campión nas dúas últimas edicións, no Rosal (2014) e en Cerdedo (2016).

E semellan ir vén encamiñados, pois nas probas matutinas as vitorias estiveron moi repartidas. Si, Faísca gañaba na chave, pero A Revolta impoñíase nos 100 metros lisos, Un Can Ouvea non daba opcións nos salto de lonxitude cunha marca de 4,20 metros e Xermolos dominaba a técnica do arrebolamento de sacho.

"Os locais son moi fortes", din os defensores do título, vendo perigar a súa hexemonía, mais recoñecendo que, gañen ou perdan, o importante é "partillar tempo e espazo", recordando ademais o carácter reivindicativo de xornadas coma esta, que exemplifican o traballo de base, avogan pola "autoxestión dos espazos" e buscan darlle difusión "ao deporte galego, ao tradicional de Galicia".

E por iso, entre estratexias de xadrez, abertos de billarda, partidos de voleibol e demostracións de habilidade no tiro de fisga e nos cañoteiros, tamén houbo oco para reclamacións coma as da plataforma Lugo Sen Mordazas, que levou ao pé do río Parga a campaña contra a ordenanza cívica do Concello de Lugo. Para recadar fondos prepararon unha paella, ao tempo que lle deron difusión a próximas actividades, coma a manifestación en Lugo o día 26.

ASEMBLEA. As sextas Olimpíadas Populares Galegas vivirán este domingo unha segunda e intensa xornada na área recreativa de Sete Muíños de Guitiriz, onde se disputarán as últimas seis probas e se desvelará se o trofeo retorna unha vez máis a Vigo ou atopa un novo fogar ata a sétima edición.

O lanzamento de boina, un triatlón por relevos, o tiro de corda, unha carreira de 5.000 metros e o sempre emocionante brilé sucederanse ao longo do día para definir a clasificación final e descubrir cales son os agasallos sorpresa que prepara a organización.

Ademais da pertinente entrega de premios, estas dúas animadas xornadas de confraternidade pecharanse coa celebración dunha asamblea entre os participantes para definir os vindeiros pasos.

Quince probas, seis equipos, un título
Comentarios